Fascismos de onte e de hoxe, vellas e novas loitas

Daniel Campione - 21 Ago 2020

O antifascismo foi e é equivalente a anticapitalismo, xa que non hai fascismos sen clases dominantes baseadas na propiedade privada dos medios de produción, beneficiarias das ganancias e rendas do capital e desexosas de esmagar o movemento obreiro e a todo pensamento e acción de finalidade emancipatoria

 Unha primeira advertencia á hora de abordar o relacionado co fascismo, é non banalizar o termo. Non cabe aplicalo a calquera corrente conservadora ou reaccionaria, nin a toda perspectiva real ou supostamente autoritaria.

 Mesmo con frecuencia se fala de “fascismos de esquerda”, sendo que o fascismo histórico aparece como un movemento en choque frontal con calquera perspectiva socialista ou similar. Só refugando esa utilización da imputación de “fascista” como un insulto xenérico, paga a pena preguntarse sobre se os fascismos quedaron circunscritos á primeira metade do século XX ou poden “retornar” dalgunha forma, xa nesta centuria.

 Para situar o fascismo orixinal, hai que se situar no cadro de derivacións da Gran Guerra, da revolución rusa e do auxe de movementos socialistas ou comunistas que seguiron a estas, como a revolución de novembro de 1918 en Alemaña, o bienio vermello en Italia ou o ascenso das loitas obreiras e campesiñas no Estado español nos anos 30.

 O esmagamento do movemento obreiro, a supresión dos sindicatos independentes, a prohibición e aniquilación dos partidos de esquerda foron prioridades da súa acción, nun intento de resolver a loita de clases con proscricións e agresións. Os fascismos ofrecéronlle ao capital terminar co “caos” de folgas e rebelións, afastar o “perigo comunista” e substituílo por unha orde inconmovíbel e favorábel ás súas ganancias. Proclamaban a “revolución”, para encubrir a súa inspiración contrarrevolucionaria Con eses obxectivos, e unha vez chegado ao poder, confórmase un estado policial, un control social centrado na coerción directa. Un dos trazos dese estado policial é que, máis cedo ca tarde, aparecen os campos de concentración, a redución a traballos forzados de milleiros de presos, con ou sen condenas xudiciais.

 Outros trazos son o nacionalismo exacerbado, a exaltación da violencia, o culto ao líder indiscutido (Führer, Duce, Caudillo) e a todo un sistema xerárquico de xefaturas personalistas. A vocación violenta exprésase en partidos armados, constituídos como milicias que atacan a todos os que son declarados inimigos e as expresións comunistas e de esquerda en particular.

 Unha característica peculiar dos fascismos é que lle “rouban” algúns discursos á esquerda: Despregan certa retórica “anticapitalista”, adobiada con propostas programáticas como a reforma agraria ou a nacionalización da banca, que se encargarán de non cumprir. Mesmo se camuflan como “verdadeiros socialismos” ou “socialismos nacionais”. Tamén se gaban da súa suposta orixe obreira, e utilizan entre os seus símbolos unha vestimenta que pretende imitar a dos traballadores (a camisa azul da Falanxe Española) ou as cores vermella ou vermello e negra.

 Son críticos do “liberalismo” e o “racionalismo”, entendendo por tal cousa o groso da evolución do pensamento humano, das institucións políticas e dos hábitos sociais, polo menos desde o século XVIII en diante . Invocaban o concepto esencialista de nación, o sangue e a terra, contra as apelacións racionalistas da revolución francesa. A “democracia parlamentaria” entra nese repudio xeral, unha vez chegados ao poder, suprimen as institucións representativas e as liberdades públicas.

 Máis aló dos exemplos italiano e alemán, sempre houbo debates á hora de caracterizar como fascismo a outros réximes. Un dos casos, ao noso ver indubidábel, foi o franquismo. Tivo trazos propios, pero todos eles tíñanos, como o racismo aniquilador no caso alemán ou o culto ao Estado en Italia.

 No Estado español tivo orixe nun golpe militar, co consecuente protagonismo do exército, e destacado papel da Igrexa que abenzoou o golpe e a guerra posterior. Impúxose unha visión do mundo ultraconservadora e clerical, que deu en chamarse nacional catolicismo. Destruíron o goberno dunha coalición de esquerda, no medio dun ascenso do movemento de masas que cuestionaba o capitalismo e a sociedade de clases en xeral. A Falanxe orixinal tivo todos os trazos dun partido fascista, o que abranguía tamén a retórica “anticapitalista” e a idea de revolución; “nacional sindicalista” chamábana. Caracterizábase polo anticomunismo, o nacionalismo expansivo, o culto á violencia, o estado xerárquico co vértice nunha xefatura carismática e indiscutible. O control policial da poboación polo réxime de Franco é abafador, nalgúns aspectos supera a nazis e fascistas: Desde a afección ao réxime até as prácticas relixiosas, desde os desprazamentos dentro do país á vestimenta e a organización familiar e a integración forzada aos “sindicatos verticais”, expoñentes da peor versión do corporativismo, todo estaba suxeito a vixilancias e imposicións.

 A represión sanguinaria dos falanxistas alcanzou gran intensidade. O franquismo, aínda despois de concluída a guerra civil, superou en ferocidade o fascismo italiano. Fusila en masa, tras xuízos colectivos e sumarísimos que son unha parodia atroz. As autoridades eclesiásticas acubillan toda a barbarie do réxime, mentres gozan de privilexios inusitados, e investida dun rigoroso control sobre a poboación.

Hoxe. Fascismos, neofascismos, novos réximes de extrema dereita?

 Dando un salto cara ao presente, cómpre sinalar que sempre, desde a segunda posguerra, existiron forzas políticas de extrema dereita que foron pequenas minorías durante décadas A novidade relativa dos últimos anos é que se convertan en opcións de poder e nalgúns casos cheguen ao goberno (Brasil, Hungría, Polonia, a ultradereita italiana). Nelas danse algunhas características dos vellos fascismos, outras están ausentes e asemade hai trazos novos, impensables na época dos réximes orixinais.

 Cómpre preguntarse polas razóns do seu éxito en conseguir apoio masivo. Algunhas delas poden radicar en sociedades moi desiguais, inestíbeis, coas persoas do común agoniadas por perigos reais e imaxinarios. Neses contextos aparecen propostas que piden “chibos expiatorios”, presentan “solucións” supostamente radicais, despregan un rexeitamento indiscriminado á“política”. Os homes e as mulleres do común, replegados sobre si mesmos, poden ver nelas unha táboa de salvación.

 Dar o debate nominalista, acerca de se se trata de“semifascismos”, “parafascismoss” ou “filofascismos”, tende a non ser moi produtivo.

 Hoxe experimentamos unha fonda crise do capitalismo na súa fase neoliberal, con condicións de desigualdade en aumento, precarización do traballo, perda de dereitos, inseguridades de todo tipo, loitas de “pobres contra pobres”. O poder do gran capital tende a rexeitar violentamente calquera concesión, toda restrición a as súas ganancias ou ao seu poder disciplinador sobre as traballadoras e traballadores. Mesmo cando esas limitacións son máis aparentes que reais. Os empresarios, nunca saciados, presionan por reformas que sometan aínda máis os asalariados e recorten dereitos e prestacións sociais que levan moitas décadas de vixencia.

 A diferenza dos réximes da primeira metade do século pasado, o gran capital non propón hoxe unha institucionalidade alternativa, como foi o corporativismo e a ditadura de partido único. Confórmanse con restrinxir a vixencia do réxime parlamentario, alterar os resultados electorais, acosar e buscar o desprazamento dos gobernos que non se axustan por completo ás súas pautas ou que sexan vistos como non fiábeis. De todos os xeitos, co develar en curso das democracias representativas, non é imposíbel que conclúan por propor outro tipo de sistema político.

 As extremas dereitas lánzanse contra o que perciben como novas ameazas ideolóxicas e prácticas: Os feminismos, as pedagoxías innovadoras, a teoloxía da liberación, os dereitos humanos. E a pantasma antiga, rexuvenecido, “o comunismo” ou de xeito máis xenérico, “o socialismo”.

 Xa non se disfrazan de “socialistas” como os vellos fascismos; rexeitan de plano mesmo a retórica do anticapitalismo. Estigmatízase a todo e a todos o que poida remotamente ameazar a orde social existente: Os negros, os indíxenas, os migrantes, os gais. Practican un racismo supremacista, rescatado do arsenal dos fascismos, pero axeitado ao mundo globalizado (de aí a énfase contra os migrantes). Reina de novo o uso ou a ameaza da violencia, contra ideoloxías que se supón “disolventes”. Outra vez, enarbórase un nacionalismo ofensivo, expansionista, o “Brasil por sobre todo” de Jair Bolsonaro, o “America First” de Donald Trump, que lanza afrontas contra calquera ao que interese cualificar de “antinacional”.

 A unidade nacional sería un bloque político, étnico e cultural, que debe excluír os que estean por fóra e impor a submisión aos traballadores e os pobres de calquera orixe. A poderosa idea de nación pobóase de exclusións, de “inimigos da patria”. E enarbórase o discurso da “lei e a orde” fronte ao delito e ás demais formas de “inseguridade”. Desprégase unha cruzada moralizante que se alía coas igrexas evanxélicas ou outros fundamentalismos relixiosos.

 Hoxe a idea dun estado regulador da economía, como nos fascismos orixinais, non xoga o mesmo papel. Bolsonaro, por exemplo, ten a cargo da carteira económica a un ministro, Beto Guedes, que é un apóstolo do libre mercado nas súas variantes máis extremas. A desregulación laboral é unha bandeira central destes gobernos, co obvio visto e prace das patronais.

 Nesas condicións, e máis aló dos afáns clasificatorios, o antifascismo debe ser hoxe unha posición firme e activa, un xeito de enfrontar as políticas do gran capital e as súas tendencias a instaurar unha orde onde a coerción tende a suplantar a falta dun consenso, e no que a democracia representativa é reducida cada vez máis a unha farsa, a un voto periódico entre opcións prefabricadas, sen diferenzas substantivas entre si, e cuxos resultados son “corrixidos”, vía información falsa, acoso xudicial, xuízo político ou “golpe brando”, cada vez que non resultan satisfactorios para o padal das forzas da reacción.

 Referirnos ao pasado e ao presente do fascismo, leva consigo achegar á acción antifascista. Iso leva á procura da unidade dos traballadores e demais sectores populares, para combater o avance das extremas dereitas e impedir o seu acceso ao poder, ou para derrotalas se conseguiron a xestión do aparello estatal. E sempre ter en conta que antifascismo foi e é equivalente a anticapitalismo, xa que non hai fascismos sen clases dominantes baseadas na propiedade privada dos medios de produción, beneficiarias das ganancias e rendas do capital e desexosas de esmagar o movemento obreiro e a todo pensamento e acción de finalidade emancipatoria. A perspectiva dunha nova democracia, dunha sociedade erixida sobre novas bases é presuposto indispensábel para contrarrestar as persistentes ofensivas do gran capital, e nomeadamente as súas expresións máis violentas e reaccionarias. Nese sentido, a resistencia antifascista de hai décadas e o horizonte socialista dos seus partícipes máis avanzados, é unha guía para os combates do presente e do futuro próximo.

 

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 17 de agosto de 2020]