Fandicosta retoma a actividade tras o grave incendio co persoal repartido en varios centros de traballo
Arredor de 60 empregadas/os retomaron hoxe a súa actividade nas instalacións de Fandiscosta, na parroquia moañesa de Domaio, que o pasado luns non se viron afectadas polo grave incendio que arrasou unha das tres naves. Parte do persoal restante foi trasladado a outros centros de traballo que o grupo ten en Vigo e Vilagarcía, á espera de que se concreten os detalles do ERE temporal.
A dirección da empresa e o comité manterán unha nova xuntanza o vindeiro xoves -despois da que tivo lugar esta mañá- para abordar como vai afectar esta medida ao cadro de persoal. A compañía reunirase este mércores con responsábeis da Consellaría de Traballo, tras o que xa estará en condicións de presentar o ERE. A CIG solicitou que nesa xuntanza participe tamén o comité, en concreto unha persoa por cada un dos tres sindicatos con representación (UGT, CCOO e CIG).
Continúan as críticas ao protocolo do 112
Por outra banda, nos últimos días continuaron as críticas ao protocolo de emerxencias establecido polo 112, que tería provocado descoordinación e problemas á hora de respostar ao sinistro. Dende os colectivos de bombeiros/as denúnciase que este protocolo prioriza os parques que son xestionados por empresa privadas fronte aos que están baixo xestión pública. Os profesionais rexeitan un modelo que na súa opinión está orientado a enriquecer a determinadas compañías a conta das emerxencias.