Familias, alumnado e profesorado claman en Compostela por un ensino público galego “con futuro, sen recortes, nin propaganda”

A manifestación, convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público denuncia as “falsidades” da conselleira e demanda medios materiais e humanos para garantir un ensino de calidade
Nacional - 26 Out 2024

Nais, pais, cativería de todas as idades e profesorado déronse cita esta mañá en Compostela para denunciar a campaña de propaganda da consellaría de Educación que vendeu o actual curso escolar como o inicio dun “camiño novo” e o da “maior modernización do sistema educativo galego”.

Fronte a iso denunciaron que “para as miles de docentes que levan anos soportando unhas condicións de traballo que, ou ben non tiveron ningunha mellora neste curso ou ben son claramente insuficientes”, esas afirmacións son “algo máis que unha falsidade, son unha falta de respecto porque afirman o contrario do que se afronta a diario nos centros e nas aulas”. Por iso clamaron por un ensino público galego “con futuro, sen recortes nin propaganda”.

Así se recolle no manifesto ao que representantes da comunidade educativa deron lectura ao remate da mobilización na Praza de Praterías. Un texto no que advertiron ao conselleiro que, para as familias que escolarizan os fillos e fillas no ensino público, “son igualmente unhas declaracións que ofenden porque saben que, na maioría dos centros, este foi un comezo de curso con menos recursos que en anos anteriores para a atención á diversidade”.

O feito de que se dotasen os centros con 80 docentes menos de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe que no curso pasado, que non se atendesen máis dunha trintena de solicitudes de prazas de atención preferente ou que menos do 30% dos centros vaian contar cun reforzo do programa PROA+ e que sexa unicamente con docentes a media xornada son, dixeron, “exemplos evidentes das demandas non atendidas por parte da Consellaría”. E denunciaron o feito de que unha parte desas carencias “se quixese tapar nestas últimas semanas con contratos en precario”, o que consideraron que “deixa claro que a intención da Xunta é investir o mínimo posíbel e magnificalo con propaganda para que pareza que se fai moito”.

A realidade é outra

A PGDEP denunciou tamén que o alumnado é o principal colectivo afectado por unha política educativa practicada polo PP desde a Xunta nos últimos 15 anos porque é quen sofre unha realidade diaria con máis problemas e, en ocasións, “nunha situación de vulnerabilidade, nun sistema que se vende como o máis inclusivo do Estado, cando a inclusión só pode entenderse como veraz se existen recursos suficientes para que estea ben atendido, que non é o caso”.

Aseguraron, canda isto, que o alumnado tamén padece os efectos dos recortes de persoal na ESO, Bacharelato ou FP. Nese sentido afirmaron que hai centros aos que non se lle autorizan os desdobres necesarios ou ofertar un programa de diversificación curricular ou FP Básica, mentres que noutros casos se obriga a alumnado de Bacharelato a cursar a distancia algunhas materias das que se van ter que examinar na proba de acceso á universidade, o que consideraron que “implica unha clara discriminación por un factor que non podemos obviar: estes recortes prodúcense maioritariamente en vilas e zonas rurais, polo que vemos de novo como os seus dereitos se ven condicionados pola súa procedencia”.

Rexeitaron ademais o “forte e descontrolado” incremento da oferta privada da FP e as restricións para que non aumente a oferta na rede pública. Unha situación que provoca que “cada ano o alumnado teña que optar polo ensino privado cando os poderes públicos deberían garantir unha oferta pública e gratuíta suficientemente ampla”. Ao que engadiron a falta dunha política de axudas e bolsas para afrontar os gastos de desprazamento ou residencia de centos de mozos e mozas que deben acudir a centros lonxe dos seus domicilios, temos a imaxe completa do que é unha política feita de costas á mocidade.

Acordo de melloras

Respecto do “acordo de melloras”, tildaron de “insuficientes” as medidas que contemplaba porque non contemplaba demandas como o aumento de persoal especialista ou a redución de alumnado por cada orientador ou orientadora e tamén “era pouco ambicioso á hora de recoñecer os ditames dos departamentos de Orientación e dos Equipos de Orientación Específicos para poder reducir ratios cando nunha aula existise alumnado que, malia carecer de recoñecemento oficial de discapacidade ou dependencia, debese contar especialmente á hora de fixar ratios máis reducidas”.

Denunciaron que, malia iso, o goberno galego “nin sequera está a cumprir con aquelas medidas que supoñían algún avance: non existe no presente curso escolar ningunha redución de ratio en toda a ESO malia existir alumnado con moitas necesidades e a medida foi incumprida na súa práctica totalidade en Primaria”. E preguntáronse, por iso, “para que serve entón regular un cómputo dobre ou triplo de alumnado cun 33% ou un 65% de discapacidade se ás primeiras de cambio non se cumpre; onde está o fin da inclusión ou onde queda unha atención á diversidade con todas as garantías”

A comunidade educativa, no seu conxunto denunciou o incumprimento das ratios por discapacidade e de aulas mixtas, que afectan maioritariamente aos centros do rural e o que no papel ía aplicarse con carácter inmediato. “Agora xa din que o farán en catro cursos, nun novo exemplo de como a Consellaría vai acompasar a redución oficial de ratios á propia caída da matrícula polo descenso demográfico, actuando con arbitrariedade e provocando que aumente a desigualdade entre o alumnado galego”.

Lembraron que as familias e o profesorado que se vén manifestando e protestando nas últimas semanas fíxoo porque “queremos un ensino público de calidade e non estamos dispostas a que se nos minta nin se nos engane. Non queremos privilexios, nin laborais nin sociais, non queremos tratos de favor, nin desde as alcaldías nin desde San Caetano. Queremos o que en xustiza nos corresponde: unha educación en igualdade, con todos os recursos, con políticas avanzadas, con inclusión e con orzamentos reais”.

Ensino público con futuro

Diante desta situación concluíron reclamando que remate a censura da Consellaría no traslado de información aos distintos colectivos da comunidade educativa do centro e o uso exclusivo -para os fins aos que veñen destinados- dos fondos europeos ou doutras entidades que se dedicaron a contratar profesorado para postos ordinarios, reforzando deste xeito a inclusión educativa do alumnado con necesidades especiais e unha redución das ratios en todas as ensinanzas.

Exixiron a aplicación das reducións de ratios por contar con alumnado con discapacidade, ampliando no cómputo especial o alumnado con informe emitido polos departamentos de Orientación e os Equipos de Orientación Específicos; a aplicación, das ratios nas aulas mixtas, sen ter que agardar catro cursos a que sexan efectivas en todas as aulas afectadas e a redución de horario lectivo que demanda a maioría do profesorado e da súa representación sindical para todo o colectivo docente sen excepción, recuperando os dereitos que lle foron arrebatados, e garantindo o normal funcionamento dos centros cos reforzos de persoal que sexan precisos, sobre todo para afrontar como é debido a atención á diversidade.