"Faltan mans!" Nova protesta para reclamar máis persoal no servizo de raios de urxencias do Hospital da Coruña
"Faltan mans!" foi o berro que a comisión de centro do CHUAC lanzou este venres para denunciar o déficit de persoal celador e técnico de imaxe para o diagnóstico no servizo de raios das Urxencias do Hospital da Coruña. As protestas véñense repetindo dende hai catro venres e continuarán mentres a Xerencia non achegue as solucións necesarias.
A presidenta da comisión, Lucía Peón Soutiño (CIG), explica que a pasada semana se forzou unha reunión urxente coa Xerencia, quen se comprometeu a presentar unha proposta de acordo ao longo desta semana. Porén, "o xoves convocáronnos a unha reunión, na que a Xerencia non presentou nada, só un compromiso de que nos próximos días nos trasladarán dito plan", critica.
Dende a Xerencia asegurouse estar analizando a situación, "ao que esta comisión amosou a disconformidade, xa que despois de anos denunciando as carencias do servizo resulta incríbel que aínda estean en fase de análise de datos e continúen sen achegar solucións".
O órgano de representación denuncia que os traballadores e as traballadoras non poden seguir traballando nestas condicións precarias, que xeran ademais unha elevada presión psicolóxica ao ter pacientes durante horas na sala de espera. "Son pacientes que precisan de coidados e non hai nin espazo nin recursos para atendelos/as", alertan.
Cualifican as condicións do servizo de "denigrantes" para as e os pacientes e tamén para o persoal profesional, "que por isto decidiron iniciar as mobilizacións, para que se teñan en conta as súas reivindicacións".
Por que á falta de persoal, súmase a existencia de equipos de traballo completamente obsoletos, que se avarían de xeito continuado e que provocan enormes atrasos nas probas. "É urxente un aumento de persoal A Xerencia non pode continuar mirando para outro lado", conclúen.