“Falta transparencia na aplicación das listaxes de substitucións de Educación”
A CIG-Ensino vén de denunciar que durante esta semana na aplicación do profesorado interino e substituto do Corpo de Mestres da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (https://www.edu.xunta.es/substitutoslistas/) aparecen prazas de substitucións que pouco despois desaparecen sen ser adxudicadas publicamente.
Isto agrávase, se cabe, polo feito de que ao comezo de curso moito profesorado está pendente do seu nomeamento e ao ver que as prazas que lle poderían interesar aparecen e desaparecen diante dos seus ollos sen ser adxudicadas fai que se dubide moito da limpeza dun proceso, que debe ser pulcro e transparente.
Segundo a CIG-Ensino, a esta desaparición de prazas hai que sumar que as listas aínda non foron actualizadas despois do proceso selectivo realizado o curso pasado, o que crea incerteza por parte do persoal substituto e interino.
Por iso exixe a actualización das listaxes de substitucións, que estas prácticas sexan corrixidas e que toda praza que apareza no listado teña xustificación pública para a súa desaparición.