Faibus readmite o traballador despedido tras case un ano de mobilizacións da CIG
Faibus UTE, empresa de transportes con sede do polígono do rebullón, en Mos, optou finalmente por readmitir o traballador despedido tras case un ano de mobilizacións da CIG. A dirección rescindíralle o contrato a este afiliado da central de xeito arbitrario despois de reclamar os seus dereitos laborais, polo que a FGAMT-CIG decidiu iniciar un calendario de protestas que forzou a súa readmisión.
O afectado, que traballaba moitas horas que non se lle abonaban e carecía dun horario fixo, foi despedido hai 14 meses por demandar unhas condicións laborais dignas. “A empresa tomou represalias, xustificando o despido coa apertura previa de dous expedientes sancionadores que agora quedan sen efecto tras o acordo de readmisión”, explican dende a FGAMT-CIG de Vigo.
A volta ao traballo do despedido terá lugar este luns 18 unha vez que a dirección accedeu a readmitilo tras a apertura dos contactos coa CIG unha vez rematado o período estival. “Durante o verán suspendemos as protestas coa idea de retomalas a continuación, pero abríronse conversas coa empresa que remataron en acordo”.
Dende o pasado mes de febreiro a central desenvolveu distintas concentracións tanto diante da sede da compañía en Mos como ás portas dos domicilios particulares do xerente de Faibus en Vilasobroso (Mondariz) e dos socios das empresas que fan parte da UTE en Meira (Moaña) e Ponteareas.