Fabiola García abandona á súa sorte ás traballadoras de residencias privadas da terceira idade
Representantes das traballadoras de residencias privadas, en loita por un convenio digno, concentráronse esta tarde diante do Parlamento de Galiza coincidindo coa intervención da conselleira de Política Social, Fabiola García, en resposta á interpelación da nacionalista Olalla Rodil. A CIG denuncia que a conselleira eludiu toda responsabilidade abandonando “á súa sorte” ao persoal destes centros.
Dúas representantes das traballadoras asistiron á sesión plenaria na que Rodil agradeceu a súa presenza e afeou á conselleira que malia teren solicitada unha xuntanza con ela, aínda non foron recibidas. A deputada nacionalista lembroulle ademais á titular da consellaría que “as condicións destas mulleres dependen do Goberno da Xunta de Galiza, que é quen financia, con máis de 100 millóns de euros ao ano, ás empresas para as que traballan”.
En loita por un convenio digno
As traballadoras veñen desenvolvendo un calendario de mobilizacións para conseguir un convenio digno. De feito hoxe, ademais de concentrarse diante do Parlamento, realizaron tamén unha protesta na residencia DomusVI de Barbadás.
Denuncian a importante perda de poder adquisitivo (do 7,8%) dende a sinatura do anterior convenio (2020-2023) por parte de CCOO e UGT, ao que hai que sumarlle o feito de que a suba do SMI neste período foi do 24,4%, provocando que as categorías máis baixas do convenio non cheguen ao SMI e gran parte delas estean só 10 euros por enriba en 2024.
O persoal rexeita a proposta de convenio da patronal, que consideran insuficiente, xa que lonxe de frear o empobrecemento dos soldos afonda máis nel e ademais non contempla melloras nos dereitos sociais.
Por iso a CIG-Servizos critica o “silencio cómplice” da Xunta, e acusa á conselleira de Política Social de abandonalas, mentres “se lle enche a boca falando do modelo de coidados e residencias mentres perpetúa un sistema de explotación baixo o xugo de transnacionais e fondos de investimento que só miran o seu beneficio económico e aos que nada lles importa nin as persoas traballadoras nin as usuarias”.