EXOGA despide a parte do seus traballadores e abre expediente disciplinario ao delegado de persoal
A CIG xa comunicou esta situación aos representantes institucionais destas administracións, denunciando así mesmo os graves incumprimentos dos contratos e das normativas ambientais por parte da construtora de Santa Comba, co único obxectivo de aumentar os beneficios empresariais. Beneficios que, denuncia a Federación de Construción e Madeira (FCM) da CIG, en ningún momento repercutiron no abono das débedas cos traballadores.
A esta situación chégase poucos meses despois dun ERE temporal que só serviu, como se acaba de comprobar, para dilatar o problema, agravado agora pola persecución contra o delegado de persoal, a quen a dirección lle abriu expediente disciplinario como represalia por poñer en coñecemento da Inspección do Traballo e da opinión pública a situación desesperada que están a vivir os traballadores e as súas familias.
Todo isto, denuncia a FCM-CIG, prodúcese "a traizón", mentres a representación do persoal estaba agardando manter unha reunión coa empresa para buscar solución a esta problemática. "É dramático que uns traballadores cunha ampla e intachábel traxectoria profesional teñan problemas para cobrar a fin de mes, mentres que a dirección da empresa si está a cobrar as obras realizadas ao día", subliña Mario Maceiras da CIG-Construción.
A este respecto subliñou que, a 30 de setembro, a Deputación da Coruña pagou case 45.000 euros á empresa por unhas obras en Aguiño (Ribeira), "pero deses cartos os traballadores non viron un só céntimo", criticou.
A Federación de Construción e Madeira da CIG destaca que fará todo o que estea na súa man para defender e facer prevalecer os intereses e os dereitos destes operarios, aos que representa.