Exixen en Abanca a devolución dos cartos roubados á clientela polas fendas de seguridade da entidade
A Plataforma de Persoas Afectadas polo roubo de datos bancarios concentrouse esta mañá diante da oficina principal de Abanca en Santiago de Compostela, baixo o lema “O teu diñeiro en perigo en Abanca” para exixir “que nos devolvan o roubado”.
Segundo denunciaron, cada vez se están producindo máis roubos a particulares. “Os ladróns acceden aos nosos datos bancarios, violando a seguridade dos bancos, que non invisten abondo en seguridade, polo que lles resulta doado suplantar a súa identidade”.
Neste sentido, chamaron a atención sobre o feito de que eses ladróns, usando os propios números de teléfono da entidade, chaman ou mandan mensaxes á clientela que é estafada mediante prácticas como o pishing.
Denuncian que, porán, as entidades bancarias “non se fan cargo de aboar as cantidades que lles son roubadas, agás que haxa sentenza firme que os obrigue que, por certo, xa hai unhas cantas”.
Por iso a Plataforma de Afectados polo roubo de datos bancarios iniciaron esta campaña de mobilizacións, co obxectivo de denunciar estes roubos e para exixir ás entidades que se fagan cargo de devolver os cartos furtados, máis cando estas estafas “veñen motivadas pola súa falta de seguridade”.
Subliñan as graves consecuencias que isto está provocando á clientela afectada. “Pasan momentos de angustia e necesidade, ao ver baleiradas as súas contas bancarias”. Por iso exixen a inmediata devolución do roubado e que se adopten medidas urxentes para evitar que estas situacións se volvan repetir.