Exixen a convocatoria inmediata da mesa sectorial e a negociación do Plan de Emprego do SERGAS
Delegados e delegadas da CIG-Saúde, CSIF, UGT, SATSE e SAE concentráronse esta mañá diante da consellería de Sanidade para demandar do SERGAS que se estabilicen as prazas vacantes cubertas de xeito irregular e denunciar tanto a vulneración de dereitos das traballadoras e traballadores como a precariedade laboral.
As organizacións sindicais convocantes exixiron que se respecten os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade e un sistema regrado para as contratacións, fronte as contratacións en fraude de lei que proliferan na sanidade pública na actualidade.
Ademais demandaron a cobertura de todas as prazas vacantes cubertas con persoal temporal e a oferta das mesmas por rigoroso orde de puntuación das listas de contratacións nun concurso de traslados e de OPE.
No decurso da concentración María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde engadiu, a estas demandas, a da convocatoria da Mesa sectorial, órgano de representación e negociación. A este respecto asegurou que “non entendemos por que non a convocan porque o goberno está en funcións, pero a administración non. Esta é a primeira vez que se paraliza unha administración despois dun proceso electoral”.
Abuín reclamou tamén un Plan de Estabilidade onde o SERGAS entregue un censo con todo o persoal eventual que está cubrindo prazas vacantes desde o ano 2010 e con posterioridade esas prazas sexan convocadas en Oferta Pública de Emprego.
A secretaria nacional de CIG-Saúde considerou “curioso” que o SERGAS non convoque Mesa sectorial e que porén “si vaia a Madrid a unha xuntanza da Comisión de Recursos Humanos a dar uns datos que a quen os tería que proporcionar primeiro é aos representantes galegos, porque ten competencias en sanidade que están transferidas”.
Ademais advertiu que xa o propio Feijóo anunciou que estaban traballando sobre os orzamentos de 2017. “Teñen que contemplar estas vacantes como prazas de cadro, porque se non están contempladas nos orzamentos do 2017 non se poden convocar na OPE”.
Xuntanza co conselleiro
As organizacións sindicais convocantes tiñan solicitado desde o día 21 de outubro unha xuntanza co conselleiro de Sanidade para que este informara dos datos de eventualidade que o SERGAS tiña previsto proporcionar na reunión da Comisión de Recursos Humanos celebrada en Madrid o día 25 de outubro.
Malia isto, a día de hoxe nin sequera recibiron unha resposta confirmando a recepción do escrito entregado vía rexistro.
Por iso hoxe as e os representantes das organizacións sindicais convocantes da mobilización intentaron ser recibidos polo conselleiro ou, no seu defecto, polo Xerente do SERGAS, sen éxito.
O máximo que conseguiron foi o compromiso da secretaria do conselleiro de que se porían, en data indeterminada, en contacto coas organizacións sindicais.
Ante esta situación, anunciaron que solicitarían unha xuntanza con todos os grupos parlamentarios para trasladarlles a problemática laboral que padece o persoal da sanidade pública galega.