Éxito total na segunda xornada de folga nas tendas Arenal en demanda de salarios dignos
A segunda xornada de folga das traballadoras das tendas Arenal na provincia da Coruña foi un éxito total de seguimento, coa práctica totalidade dos estabelecementos pechados ou abrindo por tramos e só con persoal encargado e eventual.
Durante toda a xornada de folga, coincidindo cunha data de grande movemento comercial como é o 23 de decembro, as traballadoras mantiveron un piquete informativo para explicar os motivos do paro e as súas demandas.
Como no paro do 24 de novembro, o persoal (ataviada con roupas de nadal) concentrouse na tenda da coruñesa rúa San Andrés e de alí saíu en marcha até a tenda da praza de Catro Camiños. Pola tarde, a mobilización continuou no centro comercial Marineda City, onde a empresa ten outro estabelecemento.
A representación da CIG e UGT (que ostentan a maioría absoluta do comité con 6 e 2 representantes respectivamente) leva meses tentando que a empresa sente negociar un acordo de melloras salariais e laborais pois, a pesar dos grandes beneficios que ten Arenal, o 70% das traballadoras e traballadores cobra o SMI.
A CIG-Servizos salienta que o único que están demandando as traballadoras é cobrar o mesmo que as compañeiras do sector reguladas polo convenio provincial do comercio vario, de condicións moi superiores.
Porén, a dirección segue sen querer negociar nin atender as demandas das traballadoras, polo que a folga e as mobilizacións repetiranse o venres 5 de xaneiro, véspera do día de reis.
A determinación das traballadoras a loitar polos seus dereitos aínda se veu máis reforzada ante o comportamento da empresa tentando criminalizalas. Despois de pasar anos reclamando que se contrate un servizo de seguridade polo elevado número de roubos que hai nas tendas e recibindo sempre a negativa por resposta, para a folga do pasado sábado, Arenal contratou 2 gardas para controlar cada unha das tendas que, por tramos, deron aberto.
Esta actuación enfadou as traballadoras que xa adiantaron que continuarán mobilizándose até lograr unhas condicións salariais e laborais dignas.