Éxito total da primeira xornada de folga no mantemento do CHUO
A primeira das cinco xornadas de folga convocadas polo cadro de persoal de Ferrovial, concesionaria do servizo de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), foi secundada pola práctica totalidade dos traballadores/as, xa que unicamente un decidiu presentarse ao seu posto de traballo. Os paros continúan este mércores 7, o xoves 8, o venres 9 e o luns 12.
Coincidindo co paro convocado para reclamar o cumprimento do convenio colectivo, un grupo de empregados/as de Ferrovial e de delegados/as da federación de Industria da CIG de Ourense repartiron panfletos informativos polos arredores do hospital dende primeiras horas da mañá.
Posteriormente, por volta das 10:00 horas, tivo lugar unha manifestación dende a porta da residencia vella até a entrada das novas instalacións do CHUO. O secretario comarcal da CIG-Industria, Indalecio Gómez, agradeceu publicamente o apoio amosado polo persoal do servizo de limpeza e polo persoal sanitario, así como a presenza do secretario comarcal da CIG de Ourense, Anxo Pérez Carballo, que participou na mobilización.
Dende o comité de folga continúan a amosar o seu rexeitamento aos servizos mínimos impostos pola Administración ao consideralos abusivos xa que son 50% abusivos e anuncian a súa intención de recorrer a decisión xa que establecen a presenza de tres empregados/as na quenda de mañá, de dous e medio na de tarde e dun na de noite (neste último caso os servizos mínimos son do 100%).