Éxito rotundo na xornada de folga no BBVA contra os despidos e a precarización das condicións laborais
Practicamente o 100% dos traballadores e das traballadoras do BBVA en Galiza están secundando a xornada de folga de 24 horas en rexeitamento ao ERE salvaxe formulado pola entidade e contra a precarización das condicións laborais. O rotundo éxito da convocatoria, salientaba o secretario da sección sindical da CIG, Miguel Fernández, ao inicio da manifestación realizada na Coruña (onde o banco ten a dirección territorial) levou a que hoxe a práctica totalidade das oficinas da entidade nas catro provincias estean pechadas.
"O BBVA ten que tomar nota da resposta que están dando os seus traballadores e traballadoras en contra deste ERE inxusto e inxustificado e retirar a proposta de despedimentos de enriba da mesa", aseverou.
Non se rebaixa a afectación
A respecto dos movementos na mesa de negociación, Fernández asegurou que "non son nada positivos", xa que o número de persoas afectadas polos expedientes (de extinción, de modificación substancial das condicións laborais e de mobilidade xeográfica) non se rebaixa. En Galiza, a entidade propuxo diminuír os despedimentos das 126 persoas iniciais ás 101, pero eses 21 traballadores e traballadoras pasarían a prestar servizos de telemarkéting, empeorándolle as condicións laborais e incrementándolle a xornada.
Por iso, cualifica de "absurdo" que pretendan despedir empregadas/os, recortar as condicións de traballo do persoal que queda, reducir os servizos á clientela e afondar na exclusión financeira, "cando non existen motivos para este ERE. O ano pasado o banco obtivo beneficios millonarios e no primeiro trimestre deste 2021 gañou máis de 1200 millóns de euros, e ademais a cúpula directiva continúa subíndose os salarios de maneira escandalosa".
Despedimentos masivos malia os beneficios millonarios
A este respecto, critica que a entidade se está aproveitando das facilidades introducidas pola reforma laboral do PP, que permite aplicar despedimentos colectivos ás empresas que teñan unha baixada de beneficios, aínda que non rexistren perdas. Unha reforma que, a día de hoxe, segue plenamente vixente malia os compromisos feitos polo goberno de coalición para a súa derrogación.
En todo caso, Fernández engadiu que, "se a empresa considera que sobra xente -algo que nós non compartimos- ten que presentar un plan de saídas a base de prexubilacións. En Galiza hai 158 persoas maiores de 58 anos e o banco non tería dificultades para prexubilalas, pero con toda a cara, onte na mesa de negociacións, dinnos que van botar á rúa traballadoras/es de menos de 50 anos". "É dicir, a empresa o que busca é despedir persoal, precarizar condicións e seguir pechando oficinas, 26 en Galiza, o que equivale case ao 20% das sucursais que o banco ten no noso país".
Dixitalización forzada da clientela
Neste senso, lembrou que aparte das causas económicas, a empresa alega causas organizativas para xustificar o ERE, en base á suposta dixitalización da clientela. Un cambio de hábitos, matiza, que foi forzado polo propio banco co peche de oficinas, o recorte dos servizos e dos horarios de caixa e a imposición de comisións abusivas "incluso por sacar cartos da túa propia conta dende a xanela".
"BBVA quere aplicar un cambio de modelo organizativo, con despedimentos, peche de oficinas e que moito persoal pase a facer traballo de teleoperador para atender a distancia á clientela, empeorándolle as condicións laborais".
As medidas formuladas polo BBVA afondan na reconversión salvaxe que está a sufrir o sector e na exclusión no acceso aos servizos financeiros, que afecta especialmente ás zonas rurais e a amplos sectores sociais, nomeadamente ás persoas maiores, que son quen máis dificultade teñen para manexarse na banca electrónica e no caixeiro.