Éxito rotundo da folga no transporte de viaxeiros/as para demandar convenios dignos
A xornada de folga convocada para este venres no transporte en autobús estrada está sendo un rotundo éxito, malia os abusivos servizos mínimos impostos pola Xunta de Galiza. O paro, que se desenvolve sen ningún tipo de incidencia e afecta a todas as empresas reguladas polos catro convenios provinciais do transportes de viaxeiros/as por estrada, deixouse notar en todo o país e nas estacións de autobuses a actividade foi escasa.
Para visibilizar a súa loita, os traballadores e as traballadoras, ademais dos habituais piquetes informativos despregados dende primeira hora, concentráronse ás 11 horas nas estacións da Coruña, Vigo, Compostela, Ferrol, Lugo e Ourense, mentres que en Pontevedra a protesta terá lugar aínda ás 18 horas.
Parálise na negociación colectiva
Sobre os motivos da convocatoria, o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, explica que son principalmente tres: a paralización na negociación dos catro convenios provinciais, a situación precaria do sector (tanto no relativo ás condicións laborais como á propia prestación do servizo) e os reiterados problemas de seguridade que presentan os vehículos.
Apuntou que nas provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense as mesas estanse reunindo pero non se producen avances, mentres que en Lugo a comisión negociadora nin sequera se xunta dende o ano 2019. Pastoriza critica a postura intransixente da patronal que pretende liquidar a negociación cunha suba miserenta do 0.8% para os anos de vixencia dos convenios. Un incremento irrisorio tendo en conta que o custe da vida está disparado, que non garante a actualización dos salarios, e que suporía consolidar a perda do poder adquisitivo acumulado ao non contemplar ningunha cláusula de revisión.
Ademais da cuestión económica, o persoal engade outras demandas como melloras na situación do persoal acompañante (maioritariamente mulleres que padecen condicións de absoluta precariedade, con contratos de até media hora), na xornada laboral, no dereito á conciliación laboral e familiar ou nos permisos retribuídos.
O representante da CIG engade que os cadros de persoal están “mal dimensionados” e que os incumprimentos do convenio son reiterados, o que está provocando que “cada vez haxa menos xente queira traballar neste sector polas malísimas condicións de traballo que existen”.
Precariedade laboral e servizos deficitarios
Pero con esta folga tamén se quere denunciar publicamente a situación do sector, "que vive o seu peor momento", tanto pola precarización das condicións de traballo como polas deficiencias na prestación do propio servizo. Un deterioro do que ten responsabilidade directa a Xunta de Galiza que, a través das Consellaría de Mobilidade e de Educación (da que depende o transporte escolar) "está consentido que un grupo empresarial como Monbus, ao que practicamente lle entregaron o monopolio do sector, sexa o que determine a política de transportes en Galiza".
A este respecto, Pastoriza rexeita que Mobilidade se negue a convocar a comisión de seguimento dos contratos, a pesar das reiteradas peticións das centrais sindicais, alegando que a adxudicación está xudicializada. "Con esta escusa peregrina, a Xunta quere xustificar o seu deixamento de funcións e a absoluta falta de control sobre un sector que é básico para o noso país".
Lembra que o Goberno galego sacou uns concursos deficitarios aos que ás empresas concorreron rebaixando as ofertas até un 30% sobre o prezo de saída, na idea de tirar beneficio a conta de explotar o persoal, precarizar as condicións de traballo e prestar un servizo deficiente.
Abundando nesta cuestión, o responsábel de Transportes da CIG fixo fincapé no lamentábel estado da flota de autobuses, con vehículos moi vellos aos que non se lle fai o mantemento adecuado, e que sofren avarías constantes que poñen en risco a seguridade de usuarias/os e condutores/as. De feito, advirte que as antigüidades dos autobuses, na maioría dos casos, non se corresponden co que ofertaron as empresas nos concursos para obter mellor puntuación. De aí que insista na necesidade urxente de que a Xunta exerza o seu labor inspector para garantir que se cumpren os pregos e a seguridade viaria.
O sector, en disposición de pelexar polos seus dereitos
Toda esta acumulación de despropósitos ten levado o sector a un "estado de tensión elevado", pois non se actualizan os salarios, as condicións laborais empeoran ano a ano (cun número de despedimentos “como non houbo nunca”, con constantes incumprimentos de xornada e un exceso de carga de traballo insoportábel) e o servizo público é cada vez máis pobre.
Os traballadores e as traballadoras non van aturar máis abusos e con esta folga da inicio a unha nova xeira de mobilizacións para reclamar convenios dignos e con dereitos. A representación social lamenta a actitude pasiva da patronal, xa que dende que se formalizou a convocatoria de folga, non houbo ningún intento de desbloquear a negociación colectiva; mentres que a Xunta sen mantén á marxe, sen tentar mediar para achegar posturas.
Así as cousas, despois do éxito desta primeira xornada de folga, o sector xa advirte que, de non producírense avances, á volta da semana santa, o conflito intensificarase, as mobilizacións irán a máis e non se descarta a convocatoria dunha folga indefinida.