Éxito do paro solidario en IKF cun delegado da CIG denunciado polo de CCOO e sancionado pola empresa
O paro de dúas horas convocado pola CIG na empresa IKF da Guarda en solidariedade cun delegado da central que foi denunciado polo representante de CCOO no comité e sancionado pola empresa tivo un seguimento practicamente total entre o persoal de produción. Un grupo de traballadores/as aproveitou para desenvolver tamén unha concentración diante das instalacións da compañía nas Cachadas de 13:00 a 15:00 horas.
Dende a Unión Local da CIG do Baixo Miño explican que un delegado da CIG no comité de IKF foi denunciado polo representante de CCOO por supostas ameazas durante unha asemblea celebrada no marco da folga indefinida convocada na empresa para reclamar un pacto laboral que rematase coa discriminación existente na compañía dedicada á fabricación de materiais refractarios. “O que fixo foi chamarlle a atención á xente de CCOO pola súa actitude irrespectuosa durante a asemblea, pero atopouse cunha denuncia penal”, sinalan na central sindical.
O delegado de CCOO optou tamén por denunciar diante da empresa, en cuxos terreos se celebrara a asemblea, que procedeu a abrir un expediente que rematou cunha sanción dun mes sen emprego e soldo para o representante da CIG, que ademais terá que enfrontarse a un proceso penal nos xulgados de Tui o vindeiro 1 de febreiro ás 11:15 horas, onde está previsto que a CIG celebre unha nova acción solidaria cos tres encausados, xa que o delegado de CCOO denunciou posteriormente a outro traballador e a un membro da Unión Local da CIG do Baixo Miño por supostos insultos.
Para a central sindical a sanción imposta por IKF, que o afectado xa cumpriu é “desproporcionada e non ten razón de ser”, tendo en conta que o afectado acceder a desculparse diante do representante de CCOO tal e como lle solicitou a empresa. En consecuencia, a decisión de IKF xa foi recorrida diante do Xulgado do Social.
Ao mesmo tempo, denuncian a actitude de CCOO tanto durante todo o conflito laboral como con todo o relacionado con estes incidentes. “Actuaron como palanganeiros da empresa, exercendo a esquirolaxe e acusando de exercer a violencia aos que defendemos unhas condicións de traballo dignas, cando a verdadeira violencia é a que exerce este sindicato cando asina acordos e reformas laborais que condenan a clase traballadora á precariedade e á miseria”. Neste senso, lembran que a cabeza visíbel de CCOO en IKF pasou de exercer como delegado no comité “a ser o segundo de abordo na estrutura xerárquica da empresa, non sabemos a conta de que”.
Dobre escala salarial
Os feitos que motivaron a denuncia penal e a sanción da empresa producíronse no marco do conflito para reclamar un pacto laboral que rematase coa discriminación existente na compañía en virtude dun acordo do anterior comité (3 representantes de CCOO e 1 da UGT) polo que todas as persoas que ingresasen en IKF despois de 2018 cobrarían 5200 euros menos ao ano que o resto de compañeiros/as. Este pacto foi descuberto pola CIG nada máis gañar as eleccións sindicais e facerse coa presidencia do comité (4 delegados/as da CIG e 1 de CCOO).
A negativa da empresa a rematar con esta dobre escala salarial levou o cadro de persoal a iniciar unha folga o pasado 14 de xullo, que primeiro foi por días e despois pasou a ser indefinida, dando unha auténtica lección de unidade, determinación e solidariedade obreira.
Recentemente as partes chegaron a un acordo coa mediación do AGA, que a CIG considera insuficiente pero que foi aprobado en asemblea pola maioría dos traballadores/as, que optaron tamén por desconvocar a folga. A central sindical lamenta que en virtude do pactado (os salarios de nova entrada incrementaranse un 20% cada ano se os beneficios brutos da empresa superan o millón de euros, senón a suba será do 10%) unha persoa que se incorpore á empresa vai estar cinco anos cobrando menos que o resto.
Con todo, o acordo contempla unha serie de melloras laborais, como que o persoal que traballa de luns a domingo vai pasar de cobrar 20 euros polos domingos a ingresar 80 euros pola fin de semana. En caso de incapacidade permanente (sexa por accidente de traballo ou por enfermidade común) os traballadores/as percibirán dúas veces o salario base anual. E nas baixas por hospitalización, durante tres meses cobrarán o 100% da baixa por incapacidade temporal, cando antes ingresaban só durante o tempo que permanecían no hospital.
En canto á equiparación salarial, acordouse que todo o persoal de ETT que traballe 12 meses nun período de 18 verá acumulado o tempo de traballo como antigüidade, do que tamén se beneficiará á hora de converterse en persoal fixo. Finalmente, a empresa comprometeuse tamén a non despedir e a non tomar represalias pola convocatoria de folga, “algo que incumpriu ao sancionar cun mes sen emprego e soldo ao noso delegado”.