Exhibición de forza obreira na terceira xornada de folga no metal da provincia da Coruña

A CIG chama a patronal a tomar nota da contundente resposta do persoal e acudir á reunión deste xoves con vontade real de avanzar nun acordo de convenio
A Coruña/Ferrol/Compostela - 27 Mai 2026

O metal da provincia da Coruña deu este mércores unha nova demostración de forza obreira e dignidade ao paralizar practicamente a actividade nas principais empresas e polígonos industriais. Na terceira xornada de folga, milleiros de persoas traballadoras mobilizáronse na Coruña, Ferrol e Padrón reivindicando un convenio colectivo digno para o sector. O éxito do paro é unha contundente chamada de atención á patronal na véspera da mesa de negociación fixada para mañá xoves e con novos días de paro xa convocados para o 9, 10 e 11 de xuño.

“Agardamos que a patronal tome nota destes tres días de folga e se abra a unha negociación efectiva que permita reverter o actual bloqueo, chegar a acordos e avanzar nun convenio xusto o antes posíbel, que é o que está a exixir o sector”, sinala Eduardo Caamaño, voceiro da CIG-Industria. Destaca a unidade, fortaleza e determinación amosada polos traballadores e traballadoras nestas xornadas de paro e mobilizacións “que día tras días suman unha participación maior”.

“Cada vez somos máis persoas nos piquetes e nas manifestación e todo parece indicar que o seguimento da folga medrará nas seguintes convocatorias, porque o sector ten moi claro que só a través da loita conseguirá romper o inmobilismo patronal e acadar o convenio que merece”, valora Caamaño.

Na mesma liña se expresa o secretario comarcal da CIG-Industria de Compostela, Benedicto Blanco, quen destacou que a participación nos piquetes “foi hoxe mesmo maior que nas xornadas anteriores. A práctica totalidade das empresas pecharon e o persoal secundou maioritariamente a folga”. Contra as once da mañá, a mobilización trasladouse á fábrica de Cortizo, en Padrón, una das principais empresas do sector do metal na comarca onde as traballadoras e traballadores se concentraron para exixir que mañá mesmo senten as partes negociar.

Inmobilismo patronal

O empresariado segue enrocado na súa proposta inicial consistente nun incremento salarial do 8% a cinco anos -o que supón condenar o persoal ao empobrecemento-, recortar dereitos xa recoñecidos e non tocar ningunha outra materia do convenio. A CIG insiste en que, ademais de salarios xustos, cómpre rebaixar a xornada anual, tendo en conta o esforzo físico e os índices de perigosidade destas actividades, e atallar a precariedade laboral instalada no metal por mor do abuso das ETT, as contratación fixas-descontinuas ou a subcontratación en cadea.

Caamaño lembra que o siderometal non é un sector en crise, que hai abundante carga de traballo e que as empresas “están aumentando os cadros de persoal”. Por iso, ante as acusacións patronais, reitera que as demandas sociais “son máis que razoábeis” e dotar o sector dun convenio colectivo digno tamén serviría para reter persoal cualificado.

“As empresa quéixanse de que non atopan persoas profesionais pero ao tempo non queren mellorar as condicións, nin se preocupan por formar as traballadoras e traballadores”, lamenta.

Navantia-Fene pechou o acceso ao estaleiro

A folga estase desenvolvendo sen incidencias pero dende a CIG-Industria Ferrol queren denunciar publicamente as manobras executadas no día de onte por Navantia-Fene, que procedeu a pechar o estaleiro, impedindo o acceso de calquera persoa. “Por primeira vez, as portas das instalacións de Perlío apareceron pechadas. A empresa meteu persoal dentro do estaleiro para mover os jackets”, rexeita Serxio Martínez, secretario comarcal da CIG-Industria.

Critica que con esta medida, a dirección pretendía sortear as consecuencias da folga -que ten un seguimento total entre o persoal das auxiliares- e continuar a súa actividade como nun día ordinario. “Pero con este conato de peche patronal, Navantia-Fene non permitiu o acceso de ningunha persoa traballadora ás instalacións- vulnerando o dereito ao traballo de quen non quixera facer folga- e bloqueando incluso a entrada dos membros do comité de empresa”, critica.

Martínez demanda a Navantia-Fene o cesamento inmediato deste tipo de prácticas antiobreiras e tomará as accións necesarias para impedir que se repita unha situación semellante.