Ex traballadoras do Grupo Deus manteñen a loita polo cobro da débeda salarial
As ex traballadoras do Grupo Deus van realizar unha concentración mañá, venres 28 de abril, de 13 a 14 horas, diante das instalacións da empresa no Polígono Industrial de Ordes. A protesta enmárcase no calendario de mobilizacións que as traballadoras veñen realizando para esixir o cobro dos seus salarios e o mantemento do emprego, e que non dan por finalizado coa aplicación do ERE de extinción.
As traballadoras son coñecedoras de que a empresa ten un volume de carga de traballo superior ao que pode sacar adiante co actual cadro de persoal, polo que, segundo as informacións que manexan, a dirección incluso está a recorrer a prácticas "pouco saudábeis" para poder atender todos os pedidos.
Neste senso, hai que subliñar que as operarias non van desistir das medidas de presión que sexan necesarias para conseguir que a empresa lles abone a débeda salarial que ten contraída con elas. Entenden que non está acreditada a situación de insolvencia que a compañía pretende facer valer para non afrontar os pagos e, mentres manteña a carga de traballo de traballo e a actividade, periodicamente desenvolveranse as mobilizacións ou actos de presión que consideren oportunos en cada momento.
Dúbidas sobre o futuro da empresa
Doutra banda, as traballadoras tiveron coñecemento -de xeito extraoficial- que no día de onte o Grupo Deus solicitou, cando menos, concurso voluntario de acredores para dúas das súas sociedades: Confecciones Deus e Deus Creacións. En ambas as dúas levouse adiante un ERE de extinción o pasado mes de febreiro que supuxo o despedimento de máis da metade seu cadro de persoal.
Esta información augura aínda peores perspectivas de futuro para a empresa e para o mantemento dos 80 empregos que quedaron logo da aplicación dos EREs. Porén, a parte social toma con cautela esta noticia, tendo en conta o complexo entramado de sociedades que ten montado o Grupo Deus e que, até onde saben as traballadoras, estaría integrado polo menos por 16 sociedades.
Esta multitude de sociedades leva á sospeita de que se podería estar a producir un traspaso de diñeiro entre sociedades que mesmo podería vir precedido de fraude fiscal. Estas dúbidas están fundamentadas na contabilidade que a empresa presentou no período de consultas do ERE, no que presentou unhas contas para os 2014 e 2015 que parecen evidenciar que a transparencia na contabilidade non é precisamente unha das características deste grupo empresarial.