Ex traballadoras de GEA retoman as mobilizacións tras a negativa de Subel a pagar as débedas pendentes
Unha parte das ex traballadoras/es do Grupo de Empresas Álvarez (GES) que asesora a CIG retomaron hoxe as mobilizacións diante dos xulgados da Coruña para reclamarlle á inmobiliaria Subel que abone os 2,5 millóns de euros pendentes da compra dos terreos que a fábrica de louza ocupaba en Cabral (Vigo), e que serían repartidos entre máis de 200 persoas.
O secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, -de onde son a maioría das afectadas-, explica que o propietario de Subel, Luis Fernández Somoza, négase a pagar a parte que resta do acordo alcanzado no seu día e agora deu por rotos os contactos.0
“Nada máis coñecer que nos aceptaran a demanda na Audiencia Provincial da Coruña e tras facerse pública a data da vista previa do xuízo, puxémonos en contacto con Subel para intentar chegar a un acordo, pero negáronse a negociar”, denuncia.
Segundo Conde, nun primeiro momento a empresa non contestou á solicitude de manter un encontro para abordar o pago da débeda, pero coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais “logramos que dous meses despois aceptaran manter unha reunión”. Na primeira delas os avogados de Subel aseguraron non ter coñecemento da demanda, “e na segunda xa anunciaron que non ían negociar”.
Diante disto, as afectadas acordaron retomar as protestas, que terán continuidade o vindeiro xoves 19 e o xoves 26, data na que está fixada a vista previa. Ao igual que hoxe, terán lugar diante dos xulgados coruñeses, onde despregarán unha faixa na que se pode ler “Luis Fernández Somoza, Inversiones Subel, non paga. GEA solución, queremos cobrar”.