Ex-responsábeis do INSS na Coruña serán xulgados por un posíbel delito de prevaricación administrativa
O ex-xefe do equipo médico do EVI (Equipo de Valoración de Incapacidades), o ex-presidente do organismo e o ex-director provincial do INSS na Coruña serán procesados no xulgado do penal, acusados dun posíbel delito de prevaricación administrativa por ter revogado a incapacidade absoluta permanente a un traballador que sufre unha intoxicación grave por mercurio.
O proceso derívase da denuncia presentada por Pablo Sánchez en agosto de 2014 contra o EVI, o INSS e a doutora (que non será xulgada a causa da súa morte prematura) que elaborou o informe que serviu de base para a revogación da súa incapacidade ao declaralo apto para traballar, a pesar das gravísimas patoloxías que padece e da forte medicación que ten que tomar pola intoxicación derivada do seu traballo en contacto con vapor de mercurio.
Este é un paso máis na longa batalla que Pablo desenvolve para que se recoñeza o inxusto, arbitrario e inhumano desta decisión administrativa, que o deixou na máis absoluta indefensión, ao retirárselle a pensión que percibía cando xa non tiña dereito nin a reincorporarse no seu posto nin a cobrar unha prestación por desemprego.
A día de hoxe Pablo ten concedida a Incapacidade Permanente Total por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (sentenza de xullo de 2014) que recoñeceu o carácter profesional da súa enfermidade. Agarda que, cando menos, a súa loita sirva para evitar que outros traballadores e traballadoras con graves problemas de saúde se vexan obrigadas a vivir situacións similares, que só causan sufrimento e abocan á exclusión social as persoas que máis protección precisan.
Revogación inxustificada
Esta é a primeira vez que a CIG ten coñecemento de que se procesará ao INSS por unha decisión administrativa deste tipo. Con independencia do resultado do xuízo, do auto de procesamento tírase que hai indicios abondo para cuestionar a actuación do EVI, pois recoñécese que a revogación da incapacidade a Pablo Sánchez se adoptou de maneira inxustificada tras unha revisión de oficio.
Para o xulgado de instrución, esa decisión (en base ao informe de síntese dunha da doutoras do EVI) foi inxustificada xa que se lle denegou ao afectado calquera tipo de incapacidade, "a pesar de que, nesa data, a súa situación clínica dificultaría a realización de tarefas que poderían presentarse no seu posto laboral". Neste senso, Sánchez lembra que durante a revisión no INSS, “o único que fixo a inspectora foi dicirme que tiña un historial moi amplo e que non estaba disposta a revisalo todo. Así que colleu o primeiro documento que lle veu á man e propuxo a alta por unha inexistente melloría, cando en todos os informes médicos das distintas especialidades recoñécese que sufro un empeoramento progresivo”.
Tal era o grao de desinterese pola situación de Pablo que nun momento do recoñecemento a doutora preguntoulle se a incapacidade lla dera o INSS ou o xulgado, espetándolle que se lla concedera o INSS "sería máis fácil revogarlla". Non cómpre perder de vista que nesas datas Sánchez estaba tomando 1.230 pastillas, 240 inhalacións, 15 inxectábeis, 4 ampolas bebíbeis, 90 ampolas oculares e 60 aplicacións tópicas cada mes, e precisaba dunha máquina para poder mover o brazo dereito.
Priman os criterios economicistas e non os médicos
Neste senso,o secretario de Acción Sindical da CIG da Coruña, Ernesto López, lembra que as declaracións feitas durante a fase de instrución polas persoas que entón eran responsábeis do instituto público, evidenciaron que nas valoracións para dar as altas ou as baixas "pesan máis os criterios económicos que a saúde das traballadoras e os traballadores, e mesmo chegaron a recoñecer que non lían os informes de síntese e que asinaban practicamente en branco. Unha despreocupación alarmante por parte de quen ten a potestade de dar baixas e altas".
No marco desas declaracións saíu a relucir tamén o plus de produtividade que o INSS abonaba ao persoal funcionario polas altas dadas. Un complemento que foi declarado ilegal no seu momento, froito dunha denuncia interposta pola CIG.