Ex persoal de GEA reclámalle á inmobiliaria de Fernández Somoza que pague xa os 2,5 millóns de euros adebedados
Ex traballadoras e ex traballadores do Grupo de Empresas Álvarez (Pontesa, Santa Clara e Royal China) concentráronse este martes ás portas dos xulgados da Coruña para esixirlle a Inversiones Subel (propiedade do empresario Luis Fernández Somoza) que pague dunha vez a débeda económica que ten pendente de abonar, en cumprimento do acordado pola venda de parte dos terreos que a antiga fábrica de louzas ocupaba en Vigo.
As ex traballadoras/es manteñen o pulso mobilizador dun conflito que se prolonga dende hai 16 anos, mais desta volta regresaron á Coruña xa que será nos xulgados da rúa Monforte onde se dirima a demanda civil que o colectivo ten presentado contra Inversiones Subel. Aínda que inicialmente foi presentada en Vigo, o xuíz da sala 10 entendeu que ao estar a sede social da empresa na Coruña, debe ser nesta cidade onde se resolva o proceso xudicial. Deste xeito, estase agora á espera de que sexa asignado o xulgado correspondente.
"A Somoza interésalle seguir dilatando o conflito"
O Secretario Comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, que acompañou hoxe ao persoal durante a protesta, lembrou que o colectivo ten intentando por todas as vías resolver o conflito con Inversiones Subel e mesmo se chegou a solicitar unha mediación a través do AGA do Consello Galego de Relacións Laborais, que o empresario rexeitou. "A Somoza interésalle seguir dilatando este conflito xa que mentres non se resolva, os cartos permanecen na súa man. Inversiones Subel e Somoza son o capital e son quen teñen os cartos, pero nós temos dignidade e por iso volveremos á rúa todas cantas veces sexa necesario", aseverou.
Conde explicou que, no seu momento, Inversiones Subel fixo un depósito de 3 millóns de euros no xulgado, aínda que despois retirou os cartos, mais pretende facer constar que abonara ese importe ao colectivo de afectados/as pola quebra de GEA. "Pero Somoza sabe perfectamente que retirou eses cartos e que ten pendente de pagar arredor 2.5 millóns de euros. Non lle pedimos o que non é noso, só lle esiximos que nos pague os cartos que nos corresponden -e temos o documento conforme quitou ese diñeiro do xulgado-", destaca o sindicalista.
Máis dunha década dende a adquisición dos terreos
Inversiones Subel adquiriu, hai xa máis de 10 anos, parte dos terreos que ocupaban as instalacións de GEA en Cabral e Coruxo. Estas parcelas correspóndense co 25% dos terreos que lle tocou xestionar á CIG logo de que GEA péchase no ano 2001 sen pagar os salarios e as indemnizacións ao seu persoal. Para facer fronte ás débedas o patrimonio do grupo de empresas foi embargado e adquirido en poxa xudicial polo colectivo de traballadores/as.
Neste proceso, á CIG tocoulle xestionar os terreos que ocupaba GEA en Cabral e Coruxo, que foron vendidos en exclusiva a Inversiones Subel.
Naquel momento a inmobiliaria pagou unha parte do valor industrial, pero ás afectadas/os aínda lles resta por percibir a diferenza até o valor total que adquiriron os terreos unha vez recualificados como urbanos, tal e como se pactara entre ambas partes.
Neste senso, Conde engadiu que o pasado mes de xaneiro as ex traballadoras/es de GEA recibiron 144.000 euros que lles adebedaba o avogado José Pérez Pousa e a empresa Residencial El Rocío, inmobiliaria tamén implicada na venda dos terreos, quedando pendente de percibir a parte de Inversiones Subel. A este respecto, o Secretario da CIG de Pontevedra subliñou que cobro desta cantidade "foi posíbel pola actitude incansábel das ex empregadas/os, que levan anos desenvolvendo protestas tanto en Vigo como na Coruña".