Europa: Somos os novos 'proxies'

Enrico Tomaselli - 22 Mar 2024

Un dos aspectos pouco tidos en conta da nova estratexia imperial estadounidense é o cambio de paradigma na relación histórica entre as dúas beiras do Atlántico. Se até o de agora esta se caracterizou por ser colonial, aínda que cooperativa, co cambio do marco xeoestratéxico global o papel de Europa viuse rapidamente degradado ao dunha marca fronteiriza, encargada da tarefa de manter os bárbaros afastados da cerna do imperio

 Ao contrario do que afirmaban os seus defensores, a guerra por poderes da OTAN contra Rusia en Ucraína non saíu como estaba previsto. A intención de Washington, longamente preparada, era desgastar e illar a Moscova, desencadeando un conflito –sobre cuxo resultado militar final o Pentágono apenas se podía facer ilusións– que obrigase as forzas armadas rusas participar nunha guerra de desgaste, que á súa vez debería proporcionar o pretexto para o estrangulamento económico e o illamento internacional.

 Nada disto ocorreu. O resultado foi unha situación estratéxica cando menos embarazosa, xa que Washington se viu ante a perspectiva concreta dunha derrota en chan ucraíno –derrota militar e política– que vai comprometer seriamente a capacidade de disuasión do exércitos occidentais, alentando a aqueles países que pretenden escapar da asfixiante esfera de dominación das barras e estrelas.

 Mentres os EUA estaban ante a ameaza dunha desfeita na fronte de Europa Oriental, a repentina apertura dunha segunda fronte en Oriente Medio complicó aínda máis as cousas. De feito, a repentina escalada do conflito palestino-israelí creou novos problemas para as estratexias de control global dos EUA. En primeiro lugar, arruinou o intenso e longo labor diplomático para estabilizar as relacións entre Israel e os países árabes, facendo fracasar a ratificación saudí dos Acordos de Abraham. Un revés que, ademais, chega tras os éxitos da acción rusa e chinesa nesta zona estratéxica; a intervención da primeira (e de Irán) fixo saltar polo aire o proxecto de subverter Siria utilizando o ISIS, mentres que a segunda trouxo a paz entre Ryad e Teherán (coa consecuencia da fin das hostilidades no Iemen, e o regreso de Damasco á Liga Árabe).

 Ademais, e non secundariamente, obrigou os EUA a precipitarse en axuda do seu aliado estratéxico Israel, apoiando o seu esforzo bélico, nun momento en que o apoio a Kiev xa consumira a capacidade dos arsenais occidentais. Ademais, o actual réxime extremista de Tel Aviv móstrase moi remiso a seguir os desexos de Washington e segue avergoñando os EUA coas súas indefendíbeis tácticas xenocidas.

 Neste contexto, polo tanto, era necesario desenvolver unha nova liña de conduta que lles permitise saír indemnes das turbulencias inesperadas e dos erros estratéxicos cometidos. Ademais, tendo en conta o escenario Indo-Pacífico, onde Washington cre que debe operar para conter o que considera a maior ameaza para a súa hexemonía global, é dicir, China.

 A cuestión central é, como repiten obsesivamente os dirixentes occidentais, impedir a vitoria de Rusia. Pero dado que, como todo o mundo sabe ben e como estes dous anos de guerra en Ucraína demostraron claramente, derrotar a Rusia é imposíbel, só queda unha solución dispoñíbel: prolongar o conflito todo o posíbel. Porén, as forzas armadas ucraínas están esgotadas, todo o aparello do Estado –sacudido pola guerra e consumido pola corrupción– está ao límite; todo o mecanismo de guerra por delegación estabelecido pola OTAN corre o risco de se derrubar en calquera momento. Polo tanto, faise necesario darse présa e equiparse (material e psicoloxicamente) para que o proxy ucraíno poida ser substituído por outro, capaz de ocupar o seu lugar e manter ocupado a Moscova durante os próximos anos.

 E se até non hai moito ese substituto podía pensarse que sería Polonia, talvez co apoio dos países bálticos, agora está demasiado claro que o seu lugar estará formado por todos os exércitos europeos. Somos os novos proxies.

 No contexto das respostas que os EUA tentan dar á crise mundial, que eles mesmos militarizaron, trátase dunha estratexia conveniente. De feito, por unha banda permítelles reducir o apoio económico e militar a Kiev (mantendo un estrito control sobre as operacións e a intelixencia) e distáncianse dunha posíbel derrota e por outro afondar na fenda entre Rusia e Europa, facéndoa irreparábel para as próximas décadas.

 Un dos aspectos pouco tidos en conta da nova estratexia imperial estadounidense, especialmente no vello continente, é o cambio de paradigma na relación histórica entre as dúas beiras do Atlántico. Se até o de agora esta se caracterizou por ser colonial, si, pero sobre todo cooperativa, aínda que de forma accesoria, co cambio do marco xeoestratéxico global o papel de Europa viuse rapidamente degradado ao dunha marca fronteiriza, encargada da tarefa de manter os bárbaros afastados da cerna do imperio.

 A este respecto, paga a pena examinar o que poderiamos chamar o factor Trump. Na narrativa centrada na OTAN, o magnate é representado como alguén que pretende abandonar os aliados europeos, mesmo disolver a OTAN. Obviamente, esta narrativa é en gran medida o resultado da actual administración estadounidense, que ten todo o interese (electoral pero non só) en retratar negativamente o opoñente de Biden.

 Tendo en conta que, en calquera caso, o presidente dos Estados Unidos non é un soberano absoluto e que debe tratar non só co Congreso senón tamén cunha serie de poderes diversamente distribuídos, dentro do aparello federal e fóra del, hai que considerar que aínda que ser substancialmente heteroxéneo ao aparello do GOP ('Grand Old Party', republicanos) dá a Trump unha certa autonomía, por outra banda faino en parte más débil do que parece. En calquera caso, con todo, el representa unha corrente interna do dominus global, e dun xeito ou outro responde a eses intereses superiores.

 En termos de metaestratexia xeopolítica, os intereses estadounidenses son unívocos e só mudan as formas en que se expresan. Neste senso, non hai diferenza substancial entre o plan do bloque neocon-demócrata, que pretende claramente externalizar a contención e o desgaste de Rusia aos proxies europeos e o que se refire a Trump, que máis brutalmente quere envorcalo sobre nós.

 En ambos os casos, isto responde á necesidade estratéxica dos EUA de aforrar recursos (económicos, militares e humanos) para afrontar retos considerados máis importantes. Retos para os que os EUA requiren unha profunda revisión organizativa, estratéxica e doutrinal das súas forzas armadas. Algo que –como explica a Secretaria do Eixórcito, Christine Wormuth– significa esencialmente que «estamos a nos afastar da loita antiterrorista e a contrainsurxencia. Queremos estar preparados para operacións de combate a gran escala». E isto require tempo e investimento.

 Os problemas cruciais que os EUA deben afrontar, nesta perspectiva, son: o fortalecemento do aparello industrial, facéndoo capaz de afrontar o estrés dun conflito con alto consumo de recursos; a modernización das forzas armadas, especialmente a mariña e a forza aérea, e o poder nuclear estratéxico; o recrutamento de persoal en cantidade e calidade suficientes para a intervención que se enxerga no horizonte (China).

 A nivel industrial, a situación estadounidense (e europea) é calquera cousa menos esperanzadora. En primeiro lugar, a industria militar estadounidense (toda privada) céntrase actualmente na producción de sistemas de armas tecnológicamente avanzados (aínda que non moi eficaces) e de alto valor añadido que garanten elevados beneficios a un ritmo de producción relativamente baixo. Mentres que o novo modelo de conflito que se aveciña require unha producción masiva, menos custosa e más rápida e sobre todo sistemas de armas menos sofisticados pero más robustos. A experiencia da guerra de Ucraína demostrou cómo moitos sistemas occidentais causan unha gran impresión nas páginas brillantes das revistas comerciais ou nos desfiles de moda, pero adoitan ter unha vida curta no campo de batalla.

 Ademais, mentres que o sistema industrial occidental sofre estes problemas (que requiren unha reconversión nin doada nin rápida), ao ruso-chinés vaille ben. Como escribe Ben Aris en Intellinews[1], «China é agora ‘a única superpotencia manufactureira do mundo’ e a capacidade de produción de Rusia é maior que a de Alemaña, segundo recentes estudos sobre os cambios na composición manufactureira mundial. (…) tras analizar o seu poder manufactureiro, a imaxe que emerxe é que China é o produtor máis potente do mundo e Rusia o máis produtivo de Europa. Gañar unha guerra non é cuestión de canto diñeiro tes; é cuestión de cantas bombas e avións podes fabricar e con que rapidez».

 Librar unha guerra no teatro de operacións europeo (como vimos) significa producir drons, tanques, vehículos blindados e munición en cantidades xigantescas. Unha posíbel guerra ao redor de Taiwán significa unha gran frota de barcos potentes e modernos navegando constantemente. E hoxe China xa ten máis barcos que a US Navy (aínda que esta última segue predominando en termos de tonelaxe), case todos eles máis modernos que os estadounidenses. E a industria naval chinesa produce buques de guerra a un ritmo 3 ou 4 veces superior ao dos EUA.

 Por último, as forzas armadas estadounidenses teñen grandes problemas de recrutamento, non só polo descenso da motivación, senón porque o nivel psicofísico dos mozos estadounidenses está a baixar considerabelmente e nin sequera a conseguinte rebaixa das exixencias foi suficiente. Recentemente, o exército norteamericano iniciou un programa de redistribución funcional do seu persoal, na lóxica xa mencionada de pasar dun modelo orientado a conflitos asimétricos a outro para conflitos simétricos. Pero, como está demostrando a experiencia da guerra de Ucraína, aínda que a cantidade e calidade dos sistemas de armas son importantes, en calquera caso as tropas son fundamentais. De aí a necesidade de despregar forzas subsidiarias, recrutando para iso os exércitos coloniais.

 Nunha fase económica non especialmente florecente e expansiva, e con perspectivas cada vez máis complicadas, os EUA tamén corren o risco de se veren nunha situación similar á da URSS en vésperas do colapso: un gasto militar xigantesco[2], que dalgunha maneira se debe reducir, racionalizar, repartir entre múltiples economías (véxase a presión sobre os europeos para que destinen o 2% do PIB á OTAN). O que, entre outras cousas, significa unha reformulación da exorbitante rede de bases militares no exterior, que nunha fase de riqueza económica e supremacía tecnolóxica era funcional ao control global do territorio, pero hoxe ademais de ser unha pesada carga financeira transformouse sobre todo nunha extensa serie de obxectivos posíbeis.

 A capacidade de manter unha presenza militar global era un elemento fundamental da hexemonía estadounidense, pero agora que a capacidade de proxectar poder está diminuíndo, os EUA veranse obrigados a renunciar á súa influencia sobre diversas potencias rexionais e a centrarse máis nos problemas internos.

 Todo isto conduce estratexicamente de novo a unha cuestión militarmente esencial. Desde a II Guerra Mundial, o suposto fundamental foi manter a capacidade de soster e gañar dúas guerras simultáneas en diferentes teatros. O chamado «construto das dúas guerras» mantívose, substancialmente sen cambios, durante un sesenta anos. Pero xa en 2018, coa publicación da Estratexia de Defensa Nacional (NDS) cuadrienal, o Pentágono adoptou o concepto de «unha guerra» ou «unha guerra e media».

 Entrando nunha perspectiva de choque simétrico con potencias emerxentes como Rusia e China, a idea de dúas guerras fíxose insostíbel. Pero, unha vez máis, o conflito ucraíno (e en menor medida o palestino) demostraron que, en ausencia dunha supremacía tecnolóxica abafadora –que Occidente xa non ten–, unha guerra entre iguais resulta terribelmente sanguenta e dilapidadora e require unha mobilización considerábel de recursos humanos.

 Ademais, a política agresiva do goberno estadounidense nas últimas décadas non só non logrou dividir os dous principais adversarios mundiais –Rusia e China–, senón que mesmo os empurrou a estreitaren lazos e a formaren esencialmente un bloque con outras dúas potencias como Irán e Corea do Norte. En consecuencia, é necesario volver á capacidade de soster simultaneamente (polo menos) dous conflitos de alta intensidade en distintos teatros, seguindo o modelo da II Guerra Mundial.

 Cunha diferenza fundamental: as potencias do Eixo (Alemaña, Italia e Xapón) tiñan unha capacidade industrial limitada ou escasa, e carecían esencialmente de fontes de enerxía propias, mentres que Rusia e China teñen capacidades de produción xigantescas e son moi ricas en enerxía e materiais en primeiro lugar. Por non mencionar o feito de que a vitoria na guerra do 39 foi posíbel sobre todo grazas á enorme contribución, en termos de tropas e materiais, da Unión Soviética...

 A estratexia global a longo prazo, polo tanto, debe facer fronte a unha serie de condicións obxectivas e subxectivas que non deixan moita marxe de elección. Recentemente, Raphael Cohen[3], politólogo da RAND Corporation (un centro imperial de investigación moi influente no mundo militar estadounidense), propuxo unha terceira vía: librar unha guerra directamente e outra por delegación. El chámao o «modelo Ucraína».

 E está bastante claro que, unha vez máis, as condicións obxectivas determinan as orientacións.  Os membros europeos da OTAN considéranse suficientemente capaces polo menos de conter a Rusia, enfrontándoa nun conflito prolongado no teatro de operacións europeo, mentres que os aliados da ASEAN non serían en absoluto capaces de competir sós con China, á que por tanto terán que se enfrontar directamente os EUA.

 Esta división do traballo non é simplemente un proxecto, senón que leva en marcha activamente máis dun ano e agora estase acelerando. Isto faise evidente non só polas declaracións cada vez máis belicosas dos líderes europeos (que, como bos vasalos, se aliñaron rapidamente cos designios estadounidenses), senón por unha serie de accións concretas e operativas, que van desde a incorporación á OTAN de países historicamente neutrais como Suecia e Finlandia até o chamado Schengen militar, desde os investimentos na adaptación das redes de comunicación por estrada e ferroviaria ás necesidades militares (especialmente nos países do Leste, que teñen un ancho de vía diferente, como España e Portugal) até a adopción explícita dun modelo industrial de «economía de guerra».

 Con todo, para avanzar eficazmente cara a esta perspectiva, aínda son necesarios algúns pasos, non todos doados. En primeiro lugar, débese lograrse unha centralización do mando político, é dicir, unha transferencia crecente de competencias e autoridade a organismos supranacionais, especialmente á Comisión Europea. A integración/subordinación dos exércitos nacionais individuais á OTAN xa existe de feito, como demostra a historia dos altos oficiais alemáns que planificaron intervencións na guerra de Ucraína, mesmo en explícita disonancia cos gobernos do momento.

 É evidente a necesidade de rearmar/reorganizar os exércitos europeos, que nas condicións actuais non durarían nin un mes nun posíbel conflito con Rusia. Hoxe en día, o exército occidental máis forte de Europa é o ucraíno, en número e en experiencia de combate, e isto dío todo. Do mesmo xeito que é necesario reforzar a industria bélica. Pero, sobre todo, dada a evidente reticencia das poboacións europeas a implicarse directamente nun conflito, é necesario pór en marcha ferramentas de control social eficaces para evitar levantamentos pacifistas.

 A cuestión crucial, evidentemente, non é tanto a dos efectivos, dado que na actualidade as distintas forzas conxuntas dos países europeos dispoñen de persoal suficiente para se despregar nunha eventual fronte oriental (aínda que se estenda ao longo de miles de quilómetros, desde o Ártico até o Mar Negro), como o feito de que os países europeos –todos eles, non só os situados en primeira liña– se convertirían en obxecto de ataques con mísiles sobre bases militares, asentamentos industriais, infraestruturas de comunicacións estratéxicas, etc.

 O modelo ucraíno, en resumo, significa que as cidades en disputa ao longo da liña de contacto se converterán en moitos Bajmuts e Avdeevkas, e detrás desa liña –cunha profundidade cada vez maior, xa o demostrou Rusia destruíndo bases do ISIS desde buques no Mar Caspio– haberá unha destrución significativa e xeneralizada. O perigo real, de feito, non é tanto o axitado coco nuclear (ao que sería moi difícil, aínda que non imposíbel, recorrer en caso de conflito no teatro europeo), senón a devastación sistemática e prolongada, moito máis concreta, dunha guerra de desgaste.

 Esta perspectiva é moi concreta, e na actualidade hai factores que por unha banda aceleran o seu calendario (como a cada vez menor capacidade de resistencia dos ucraínos) ou que o retardan (como o conflito en Oriente Medio), pero segue tendo un horizonte curto, se mesmo duns poucos anos. E é fundamental comprender que esta perspectiva é parte integrante dun plan estratéxico desesperado, que os EUA consideran absolutamente vital para manteren o seu papel de hexemonía mundial, e polo que están dispostos a sacrificar os seus vasalos, «custe o que custe» (e a cita non é casual).

 Trátase dunha gran carreira contrarreloxo, na que Washington debe tratar de derrotar os seus adversarios antes de que se volvan demasiado fortes para seren derrotados, o que ao mesmo tempo agora é incapaz de facer. Do mesmo xeito, como para nós os europeos non hai outra esperanza que unha mobilización popular masiva antes de que principie a guerra, trátase de adquirir a conciencia necesaria do que está en xogo, máis rapidamente do que avanza a preparación da guerra mesma. É necesario que se alcance unha masa crítica nun par de anos como máximo, pola contra corremos o grave risco de vérmonos superados, unha vez máis, polos acontecementos.

_____________________________________________________________________________

Notas

[1] «China e Rusia, as superpotencias de produción industrial que poderían gañar unha guerra», Ben Aris, Intellinews (https://www.intellinews.com/long-read-china-and-russia-the-industrial-production-superpowers-that-could-win-a-war-314926/?source=russia).

[2] O orzamento de defensa dos Estados Unidos para o ano fiscal 2024 ascende a 842.000 millóns de dólares, é dicir, arredor do 3,1% do produto interior bruto.

[3] Citado en «Os EUA enfrontan 4 ameazas pero só están equipados para unha guerra, din os expertos», Asia Nikkei (https://asia.nikkei.com/Politics/Defense/U.S.-faces-4-threats-but-only-equipped-for-1-war-experts-say).

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 18 de marzo de 2024]