Europa: o roubo

Andrea Zhok - 07 Mar 2025

O actual monstruoso proxecto de financiamento do gasto militar europeo. Non representa un crecemento da independencia dos pobos europeos nin un crecemento da capacidade de se defender de ameazas reais, senón que se trata, en realidade, dunha soa cousa: un roubo colosal e legalizado de recursos públicos

 Hoxe os pobos de Europa son reféns, reféns dunha oligarquía financeira que manipula as conciencias, que mente constante e descaradamente a través dos seus servidores na prensa escrita, que de cando en vez chama a votar con regras distorcidas e logo traizoa sistematicamente a maioría das promesas electorais, até o punto de que a “promesa electoral” se converteuse en sinónimo de “conto de fadas publicitario”. E todo isto quere glorificarse como “democracia liberal”. A non permeabilidade e xordeira ás necesidades da xente corresponde á compracencia de felpudo ante diversos lobbys, que operan con transferencias directas ou beneficios indirectos.

 A situación destes reféns ilústrase máis claramente na actual carreira armamentista. Os números sucédense freneticamente, nunha constante competencia ascendente. Fálase de pagar 700.000 millóns de euros en armas á moribunda Ucraína. Fálase de aumentar o gasto militar polo menos até o 3% do PIB (presentado como un desconto respecto ao 5% exixido por Trump). En apoio destas perspectivas, nos medios de comunicación promóvese unha vigorosa batería de mentiras (por exemplo, que Rusia gasta máis en armas que Europa ou que unha invasión militar rusa representa unha ameaza real para Europa). Non faltan os «soberanistas» que, despois de sacrificaren os seus países durante medio século ás ordes de Estados Unidos, agora aproveitan a temida relaxación da presenza norteamericana en Europa para fantasiar cunha defensa nacional (ou europea), defensa que se estabelecería mediante un gasto militar explosivo (por certo, un gasto dirixido case na súa totalidade polas ordes norteamericanas ou israelís).

 O mecanismo político sobre o terreo é sempre o mesmo, repetido até aborrecer (e doutra banda, mentres ninguén reaccione con malas notas, mentres nolo traguemos todo en lugar de engraxar a guillotina, realmente non hai razón para cambiar unha táctica gañadora). O sistema é o seguinte: berramos ante un perigo inminente, terríbel, que se aveciña, que non deixa escapatoria nin alternativa, e que exixe –co corazón cheo de arrepentimento– saquear o diñeiro que sobra do gasto social, da educación, da saúde, das pensións, para remediar a EMERXENCIA. Despois de pagar ás institucións de crédito demasiado grandes para crebar, despois de comprar por adiantado dez doses de vacinas Covid cada un –incluídas as dos bebés–, despois de alimentar a perdas aos oligarcas ucraínos (cuxos fillos poboan as costas mediterráneas) mentres os seus plebeos se converten en carne de canón, agora é o momento da carta de emerxencia por excelencia: a ameaza de guerra.

 Por moi humillante que resulte lembrar estes feitos obvios, recordemos brevemente por que o aumento planificado e aterrador do gasto militar é un simple roubo legalizado, sen ningunha contribución á defensa e independencia das nacións europeas.

A) Se realmente se quixese adquirir soberanía a través da defensa militar, o primeiro que habería que facer sería iniciar unha produción autónoma, ou máis ben autárquica, de todo o necesario, cortando as dependencias de cadeas de fornecemento externas e remotas, suxeitas a chantaxes e interrupcións.

B) Se nos quixésemos pór en condicións de poder levar a cabo unha defensa militar seria contra un perigo similar ao que se viu na guerra ruso-ucraína, isto non se pode facer acumulando armas en depósitos: debemos asumir a carga de restabelecer un servizo militar obrigatorio xeneralizado e verdadeiramente formativo. A idea de emprender unha guerra como a que se viu no Donbass con pequenos continxentes de profesionais é claramente unha parvada.

C) Desde os albores dos tempos, as guerras en curso desenvolveron técnicas de guerra, por tanto, salvo unidades de baixo custo como armas lixeiras e balas, non ten sentido encher almacéns con armamentos tecnoloxicamente complexos, que quedarán obsoletos en poucos anos. Os investimentos de guerra –se se fan– fanse en investigación e desenvolvemento, e efectúanse organizando a rápida convertibilidade da produción industrial ordinaria en produción de guerra.

D) Finalmente, para se preparar para unha guerra defensiva hai que ter unha idea clara de que se hai que defender. Sendo realistas, de quen tería que se defender un país europeo? Poderían xurdir desafíos por parte de grupos terroristas comparábeis en tamaño a pequenos exércitos nacionais (modelo sirio). Poderían xurdir disputas fronteirizas sobre áreas de interese común (xacementos minerais, pasos marítimos forzados, etc.), o que deixa espazo para unha zona bastante limitada de posíbeis hostilidades no sueste de Europa. Se falamos de grandes potencias remotas, como Rusia (ou China, ou os EUA), a necesidade de defendernos dunha guerra de invasión e conquista por parte destas entidades é risíbel: non existen nin os intereses, nin as condicións loxísticas, nin as demográficas para que algo así ocorra. As guerras de expansión con fins de asentamento adoitan estar causadas polo excedente demográfico e ocorren en zonas próximas e contiguas. Desde esta perspectiva, a única ameaza realista para un país europeo podería ser presentada por outro país europeo. Certamente non de Rusia, que xa ten serias dificultades para poboar o inmenso territorio baixo o seu control e que dispón dunha sobreabundancia de materias primas, das que Europa carece. En efecto, o prototipo de país que supón unha ameaza militar para terceiros represéntano os países europeos, cunha alta densidade de poboación (aínda que en descenso) e unha extrema pobreza de recursos naturais. En canto á idea de ter que nos armar para enfrontar unha posíbel guerra de exterminio total –nuclear– contra unha superpotencia, espero que quede claro que esta perspectiva é á vez altamente inverosímil e tecnicamente imposíbel: se superpotencias con enormes territorios e enormes armamentos nucleares decidisen bombardear Bélxica, ou, na súa falta, Francia, o único investimento axeitado sería un investimento en rosarios.

 Entón, en esencia, en que consiste o actual monstruoso proxecto de financiamento do gasto militar europeo?

 Non representa un crecemento da independencia dos pobos europeos nin un crecemento da capacidade de se defender de ameazas reais.

 Trátase, en realidade, dunha soa cousa: un roubo colosal e legalizado de recursos públicos, un roubo que empobrecerá aínda máis os pobos de Europa, que terá sobre a súa conciencia hospitais colapsados, pensionistas famentos e unha xente común cada vez máis ignorante e manipulábel.

 Entrementres, no nome da soberanía, a liberdade e a democracia, un mangado de oligarcas instalará o seu propio bo retiro nalgunha illa privada.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘El Viejo Topo’, do 3 de marzo de 2025]


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.