
Europa deixa atrás a axenda verde

Desde a perspectiva europea, o planeta Terra e o quecemento global, que eran problemas que consideraban "urxentes", pasaron agora a un segundo plano, mentres que a competitividade empresarial e o axuste do orzamento para o desenvolvemento de armas volvéronse a súa nova máxima prioridade
Despois de anos de regulacións, os europeos decidiron facer emenda á súa propia política e relaxar as medidas "ESG" (Environmental, Social, and Governance) mediante novas providencias que, de se aprobaren, entrarán en vixencia desde o próximo ano.
Desde a Comisión Europea propúxose un paquete omnibús para simplificar as normativas e facer fronte ao devalo industrial europeo co fin de dar unha maior competividade ás empresas do continente, nun marco de expansión do orzamento bélico, altos custos da enerxía, distorsión das cadeas de fornecemento —desde as sancións ilegais a Rusia— e a migración de capitais con rumbo a Estados Unidos e China.
Que normativas regulan as actividades industriais europeas?
Durante décadas a Unión Europea (UE) foi pioneira na implementación de decisións políticas e regulacións, que denominaron "ESG", enmarcadas en acordos en materia ambiental vixentes desde a década de 1990 e que estiveron aliñadas con obxectivos globais como os do Acordo de París e da Axenda 2030.
Trátase dun amplo e minucioso conxunto de normativas, estratexias e marcos regulatorios impulsado para integrar a política de goberno en dirección ás actividades económicas e empresariais, pretendendo promover a sustentabilidade, mitigar o cambio climático e fomentar unha economía máis responsábel e resiliente.
A UE foi pioneira neste campo ao implementar regulacións como o "Pacto Verde Europeo" (European Green Deal), que busca facer deste continente un climaticamente neutro para 2050 e transformar a súa economía nunha máis sustentábel e eficiente no uso de recursos.
Os devanditos plans non só afectan as empresas dentro da UE senón que tamén teñen un alcance global xa que os europeos exixen a compañías estranxeiras que operan no seu mercado cumprir con certos estándares de sustentabilidade.
O anterior explica as aparentes razóns polas cales a devandita organización impuxo un alto ao dilatado acordo de libre comercio con Mercosur. Por exemplo, vetan o ingreso na UE en condicións libres de produtos agrícolas de Brasil por considerar que a súa produción foi realizada baixo prácticas de gran impacto ambiental.
No ámbito das empresas europeas, o significado e a contundencia das regulacións son moi extensos.
A UE estabeleceu normativas obrigatorias como a Directiva sobre informes de sustentabilidade corporativa (CSRD, polas súas siglas en inglés), que desde 2023 exixe a grandes empresas —e progresivamente a máis pequenas— informar polo miúdo do seu impacto ambiental e as súas iniciativas ESG. Isto inclúe métricas sobre emisións de carbono, uso de recursos e biodiversidade.
Iso implica gastos adicionais para contratar persoal e servizos especializados en medir estes ítems, ademais de crear un mar burocrático.
Por outra banda, o Regulamento sobre divulgación de finanzas sostíbeis (SFDR, polas súas siglas en inglés) obriga as institucións financeiras a transparentar como integran os riscos de sustentabilidade nas súas decisións de investimento. É dicir, en diversos casos as entidades financeiras están obrigadas a non outorgar créditos a actividades económicas con impactos ambientais potenciais.
O Pacto Verde Europeo, eixo central de tales políticas, ten metas como reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro en 55% para 2030 —respecto de 1990— e alcanzar a neutralidade de carbono para 2050, propósito que implica iniciativas como o Mecanismo de axuste en fronteira por carbono (CBAM, polas súas siglas en inglés), que grava as importacións de bens intensivos en canto a ese elemento para evitar a deslocalización de emisións.
Isto significa que as empresas europeas que realizan importacións deben pagar impostos adicionais por adquirir bens e insumos "altos en carbono", aínda que sexan xerados noutro país, o cal aumenta os custos na cadea de fornecemento das empresas europeas.
As políticas incorporan mecanismos como a Avaliación de impacto ambiental (EIA) e a Avaliación estratéxica ambiental (EEM, polas súas siglas en inglés), que requiren consulta pública antes de aprobar proxectos ou plans con impacto ambiental significativo. Isto está aliñado co Convenio de Aarhus, que garante o acceso á información e á participación cidadá.
Mais en moitos casos estas últimas políticas tradúcense en trabas burocráticas e dilacións de iniciativas e investimento en capital fixo, o cal retarda as empresas, restándolles competitividade e oportunidades.
A UE creou unha taxonomía de actividades sustentábeis, un sistema de clasificación de "etiqueta verde" que define que procesos económicos se consideran ambientalmente sostíbeis. Pero non só exixen ás súas empresas cumprir cos protocolos para que os seus produtos sexan "verdes", tamén están a aplicar o criterio para a importación de bens, servizos e insumos.
Para moitas empresas europeas, adquirir produtos xerados en condicións "verdes" no estranxeiro é custoso e fáiselles costa arriba, o que crea novas dificultades e reduce a competitividade dos produtos dese continente.
Europa decide dar marcha atrás
A mudanza na política europea pasa desde a estrita regulación en nome de "salvar o planeta" cara a políticas que, aínda que din manter actuacións a prol da sustentabilidade, serán sumamente laxas se se comparan coas normas vixentes até o de agora.
A proposta, a modo de paquete de Úrsula von der Leyen, será discutida no Parlamento Europeo e probabelmente o debate dure meses antes de se aprobar esta, coa resistencia de partidos verdes e de esquerdas. Pero, segundo von der Leyen, isto ten como obxectivo "impulsar a competitividade, mellorar a seguridade e reforzar a resiliencia económica".
Bruxelas "perdoará" ao 80% das empresas a obriga de presentaren os informes de sustentabilidade. Esta medida vai reducir considerabelmente os seus custos, especialmente ás pemes, mentres se reducirá considerabelmente a burocracia que condiciona o labor empresarial.
Así, as compañías de entre 250 e 1.000 traballadores, que a partir do próximo ano estaban obrigadas a aplicar políticas de sustentabilidade corporativa, quedarán liberadas desta exixencia xa que a presentación dos informes pasará a ser voluntaria para elas.
Para pór un exemplo de como se aplica isto na realidade, poñamos o caso do Estado español. Neste país só 2% das súas empresas superan os mil empregados. Isto quere dicir que 98% estará libre das regulacións.
No caso da taxonomía verde, se a proposta omnibús termina aprobada, será opcional para a maioría das compañías pois aplicará só a aquelas con máis de mil empregados.
A "desregulación" abrangue unha simplificación de gran repercusión precisamente nos documentos informativos que están regulados pola Directiva de información sobre sustentabilidade corporativa (CSRD, polas súas siglas en inglés), a Dilixencia debida (CSDDD, polas súas siglas en inglés), o Regulamento sobre taxonomía e o Mecanismo de axuste en Fronteira por carbono (CBAM, polas súas siglas en inglés).
Este cambio de rumbo pódese atribuír á presión exercida por algúns Estados membros, nomeadamente Alemaña e Francia, que instaron a Comisión a reformular a regulación debido ao seu posíbel impacto sobre o crecemento económico, así como ás preocupacións manifestadas por algúns sectores industriais e empresariais.
Os gobernos destes países argumentan que a aplicación das normativas vixentes xerou unha carga administrativa excesiva e afectou a competitividade das empresas europeas nun contexto de "desaceleración económica" e de "importantes desafíos globais".
É tamén unha resposta ao contexto xeopolítico
Os europeos están a responder á destrución da súa base industrial a expensas da distorsión das cadeas de fornecemento de enerxía e materias primas, por mor das sancións contra Rusia desde 2022, o cal repercutiu nos custos da súa actividade industrial.
Tamén están a reaccionar ás políticas de altas taxas de xuros aplicadas na era de Joe Biden, que favoreceron o dólar e a migración de capitais desde Europa cara a Estados Unidos. Isto ocorreu ao unísono da Lei IRA (Inflation Reduction Act), que xerou incentivos enormes a industriais nacionais norteamericanos e foráneos. Estas situacións implicaron desinvestimento en Europa, e os fluxos investidores foron parar a Norteamérica.
O bloque tamén comprendeu que o proteccionismo, impondo aos produtos chineses gravames comerciais, é unha política insostíbel no tempo. En consecuencia, tentan reanimar as súas industrias para volvelas facer relevantes fronte ao xigante asiático, país que hoxe lidera as tendencias industriais e comerciais a escala global.
A mudannza na política europea tamén vén da man coa nova estratexia orzamentaria que está virando cara ao aumento do gasto militar, o aumento da débeda e o "rearmamento" do continente. A Comisión Europea anunciou un orzamento de 800.000 millóns de euros para adquirir novas capacidades militares, estimando un aumento das tensións xeopolíticas. Neste contexto necesitan dinamizar as actividades industriais para poder xerar nova riqueza e dar sustentabilidade aos novos orzamentos.
Desde a perspectiva dos europeos, o planeta Terra e o quecemento global, que eran problemas que consideraban "urxentes", pasaron agora a un segundo plano, mentres que a competitividade empresarial e o axuste do orzamento para o desenvolvemento de armas volvéronse a súa nova máxima prioridade.
[Artigo tirado do sitio web venezolano Misión Verdad, do 11 de marzo de 2025]