Europa. Crecente fascismo nos países da UE

Geraldina Colotti - 26 Xan 2024

E extrema dereita medra e fortalécese, fronte ao curtocircuíto ideolóxico e simbólico existente tras a caída da Unión Soviética, e a complexidade do contexto xeopolítico; favorecida pola ambigüidade da esquerda tradicional, progresivamente virada cara á defensa dos intereses capitalistas e imperialistas do campo occidental

 En decembro pasado, en Alemaña, frustrouse un plan para derrocar non só o goberno, senón todo o sistema institucional. Unha reedición europea (en forma ultra reducida) do que tentaron Trump en Estados Unidos ou Bolsonaro en Brasil, e que acabou cunha vintena de detencións, e outras dúas realizadas en Austria e Italia. E, nos últimos días, en Roma, suscitou polémica unha exhibición militar duns 300 fascistas en uniforme, que conmemoraron coa man estendida a un dos seus “caídos” no conflito social dos anos setenta.

 En Europa, grupos de extrema dereita reivindican abertamente o fascismo e o nazismo durante mitins, manifestacións e conferencias internacionais, grazas ao indubidábel aumento de poder rexistrado a nivel institucional por partidos e formacións que proveñen desa tradición, e favorecidos pola hexemonía cultural que se está impondo e que interpreta unha tendencia xeral. Tamén é cómplice a completa desmobilización ideolóxica da esquerda tradicional, partidaria da tese dos “dous totalitarismos” (fascismo e comunismo): máis disposta a reprimir as protestas sociais (que renovan o gran medo sentido pola burguesía nos anos setenta), que a unha análise do baleiro deixado nas masas populares polas súas políticas de adhesión aos intereses do gran capital internacional.

 Algunhas destas conferencias contan coa presenza de figuras que irromperon na escena internacional nos últimos anos, empezando por Trump, e seguindo polos clons que chegaron despois en América Latina, como Bolsonaro ou Milei. E sen esquecer a achega doutros reservorios históricos da subversión latinoamericana: os gusanos en Cuba, os fujimoristas en Perú, os uribistas en Colombia, ou os monicreques máis recentemente formados como os golpistas proatlánticos en Venezuela.

 Actúan como catalizadores, en primeiro lugar, os dous países que simbolizan o nazifascismo (esa alianza estipulada entre o fascismo de Benito Mussolini, nacido en Italia en 1919, e o nazismo de Adolf Hitler, xurdido en Alemaña en 1920, e que arruinou o mundo até 1945), pero tamén a España nostálxica do franquismo (1939-1975), e Francia onde medrou a extrema dereita de Marine Le Pen. Así mesmo, e cada vez con máis peso e especificidade, a extrema dereita de Europa do Leste, que soubo capitalizar os desequilibrios producidos pola unificación europea, proclamando un grandilocuente “soberanismo” en pleno beneficio das elites locais, que son en todo caso obrigadas a moderar o extremismo se chegan a gobernar.

 A primeira cuestión, de feito, está aquí, e pon a proba a capacidade de cambiar a pel, típica do fascismo, fronte aos intereses xerais que a dereita debe representar -os do gran capital internacional e o complexo militar-industrial- se quere chegar ao poder e mantelo. Por tanto, cando esta dereita goberne, dará un pouco máis de renda solta ás súas franxas máis extremas, aumentará a represión dos movementos populares e o revisionismo histórico; pero sobre todo prestará atención a refacer a súa composición para aparecer presentábel ante as grandes institucións internacionais, e apoderarse do pastel (por exemplo, a industria de guerra en Italia).

 Vímolo coa presidenta do Consello de Ministros de Italia, Giorgia Meloni, que, en poucos meses, pasou de pegar berros contra a UE no congreso da ultradereita española de Vox, á sintonía con Ursula von Der Leyen, presidenta da Comisión Europea; e pasou dos cánticos entusiastas por Trump, até o modelo submiso na reunión con Biden. Meloni elixiu un camiño concreto: posición atlantista, apoio a Ucraína e a “Israel” (aínda máis da de Biden), alianzas conservadoras en Europa. Por outra banda, neste ano de megaeleccións, nas que participará máis da metade da poboación mundial, tamén se celebrarán as eleccións europeas en xuño e, para Italia, a importante proba das eleccións administrativas.

 E precisamente nunha histórica cidade italiana, Florencia, en decembro de 2023 tivo lugar unha conferencia internacional “soberanista”, titulada “Europa libre!”. Florencia, capital dunha antiga “rexión vermella”, agora gobernada pola esquerda só nalgunhas capitais de provincia, considérase estratéxica para as eleccións administrativas, pero tamén unha proba importante para as eleccións rexionais de 2025.

 A conferencia foi convocada por Matteo Salvini, líder do partido Lega, un partido de dereita, que primeiro gobernou en coalición cos 5 Estrelas, e que agora tamén goberna, en Italia, na alianza formada por Fratelli d’Italia (o partido de Meloni, resultado maioritario nas eleccións políticas de 2022), e por Forza Italia, o partido fundado por Berlusconi, e agora dirixido polo ministro de Asuntos Exteriores, Antonio Tajani, que tamén é vicepresidente do Consello.

 A Lega é un partido de goberno, os demais invitados á conferencia aínda non o son, pero aspiran a selo coa lema “Emprego, seguridade, sentido común”. Como Trump, dinse en contra da desindustrialización, en contra do impulso aos coches eléctricos que quere a Comisión Europea a partir de 2035 (regra fortemente defendida polo Comisario de Economía Paolo Gentiloni, de centroesquerda), que –din os soberanistas– é unha axuda a China; e claman contra a tecnocracia, contra a inmigración, contra a burocracia.

 Este tipo de extrema dereita tentará presionar nas eleccións europeas, influír no proxecto dun gran centro conservador ao que aspira o equipo de Meloni, e competir polo liderado. Tamén anunciou a súa pertenza ao grupo conservador unha figura de ultradereita como o romanés George Simion, líder da Unión de Romaneses (AUR), que enviou un vídeo de felicitación á conferencia de Salvini. Tamén enviou un vídeo o portugués André Ventura, que podería emular a vitoria de Meloni nas eleccións de marzo 2024.

 Unha “internacional negra” que está todo menos unida. Isto pódese comprobar analizando as diferentes posicións existentes na extrema dereita respecto do apoio a Ucraína; ou a Palestina, que ante recibiu respaldo dos fascistas, en virtude do antisemitismo que os caracteriza. En Florencia, por exemplo, estivo o austriaco Harald Vilimsky, xefe da delegación do FPÖ no Parlamento Europeo, que chegou a dicir que “é un erro apoiar a Ucraína e tamén é un erro apoiar a guerra de Israel contra Palestina”. Vilimsky é prorruso, como os alemáns de AfD, un partido fundado en 2013 que conta actualmente con 30.000 membros.

 Unha galaxia que, así e todo, medra e se fortalece, fronte ao curtocircuíto ideolóxico e simbólico existente tras a caída da Unión Soviética, e a complexidade do contexto xeopolítico; e favorecida pola ambigüidade da esquerda tradicional, progresivamente virada cara á defensa dos intereses capitalistas e imperialistas do campo occidental.

 “O terrorismo de extrema dereita é un perigo crecente en Europa. Os violentos extremistas de dereita recadan fondos, organizan concertos de rock e venden produtos comerciais abertamente. É difícil saber onde termina a extrema dereita e onde comeza o terrorismo. Os terroristas utilizan cada vez máis criptomonedas e agóchanse detrás de falsas organizacións benéficas”. Con estas palabras, Ylva Johansson, membro da Comisión da Unión Europea, presentou a primeira edición do “Foro sobre a loita contra o financiamento do terrorismo”, organizado en Bruxelas o ano pasado.

 

[Artigo tirado do sitio web Resumen Latinoamericano, do 25 de xaneiro de 2024]