Europa: Beneficios empresariais astronómicos e salarios á baixa
A tendencia é continental (e aínda mundial): a caída do salario real en paralelo aos aumentos siderais das ganancias das grandes empresas e grupos multinacionais. Todo isto acompañado do discurso empresarial mentireiro do “non se poden aumentar os salarios debido á crise”
Uns 20.000 manifestantes saíron as rúas de Berna (Suíza) o sábado 16 de setembro para exixiren axustes salariais e de pensións. Foi unha das protestas sindicais máis concorridas dos últimos anos neste país.
Anticipo, ademais, dunha mobilización nacional convocada para o sábado 30 de setembro pola Alianza polo Clima –100 organizacións ambientais, de desenvolvemento e de solidariedade, entre outras– para demandar medidas gobernamentais efectivas e inmediatas contra o quecemento global. Os sindicatos xa anunciaron a súa presenza, solidarizándose desta maneira coas organizacións ambientalistas, que, pola súa banda, apoiaron a marcha do 16 de setembro.
Neste “quente” outono suízo, o movemento sindical, as organizacións sociais e os partidos progresistas (o Socialista, Os Verdes e a esquerda extraparlamentaria) relanzan así a mobilización nas rúas para reinstalar a xustiza social e climática no centro da axenda política. Todo isto a só tres semanas das eleccións lexislativas do próximo 22 de outubro, as cales redefinirán as cotas de poder institucional para os próximos catro anos.
Redistribuír o ingreso
Segundo a Unión Sindical Suíza (USS) –a maior confederación nacional de traballadores, con 20 sindicatos e 370.000 membros e principal convocante da mobilización do 16 de setembro– os ingresos reais dos traballadores en Suíza caeron en 2023 por terceiro ano consecutivo. A USS sostén que a vida se encarece mentres que os salarios e as pensións perden o seu valor. E que é difícil soportar os gastos cotiáns, ao que se suman os aumentos previstos ou xa anunciados de alugueiro, cotas de seguros médicos e custo de electricidade.
Os ingresos (soldos e xubilacións) tamén deben aumentar. “Se non é agora, cando?”, preguntouse Pierre Yves Maillard, o presidente da USS, no discurso de clausura na Praza Federal fronte á sede do Goberno e do Lexislativo. E sinalou que “o desemprego está no seu punto máis baixo pero os beneficios e os dividendos están no seu punto máis alto. En tal situación, os salarios deben adaptarse ao nivel de prezos. É hora de que aumenten!”.
Esta demanda pública xunto ás portas mesmas do Parlamento Nacional puxo punto final a unha manifestación que percorrera o centro histórico da capital suíza e que os organizadores cualificaron como moi exitosa. De acordo coa proporción poboacional, esa mobilización correspondería a unha manifestación de 120.000 persoas en Arxentina ou no Estado español, 200.000 en Francia ou 300.000 en México.
Situación europea similar
A realidade salarial suíza non é unha excepción. Coincide, como tendencia, case coa de todos os países europeos onde a explosión da inflación e o ao aumento de impostos (en moitos casos) xeneralizan a perda do salario real das e os traballadores.
A finais de xuño o xornal español El País daba conta dunha caída significativa do poder adquisitivo nese país ibérico en relación ao do 2008 (https://elpais.com/economia/2023-07-20/el-salario-medio-en-espana-pierde-un-4-de-poder-adquisitivo-en-2022-por-la-inflacion.html).
A súa explicación é que, malia o importante aumento de salarios debido á alza de prezos de 2022 o salario medio rexistrou unha perda no poder de compra. Se se compara co ano 2008 –ano de referencia pola gran crise financeira–, “o salario español perde un 7% de poder adquisitivo”.
Un estudo de xullo da Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE, ou OECD en inglés) constata unha caída do salario real dos países europeos tamén no primeiro trimestre do 2023, que oscila entre o -15,6% de Hungría e o -0,8% de Luxemburgo. Entre as potencias europeas, rexístrase un -7,3% en Italia, -3,3% en Alemaña, -2,9 en Gran Bretaña, e -1,8% en Francia. Únicas excepcións, segundo a OCDE, os Países Baixos, que lograron aumentar un 0,4% o salario real, e Bélxica, a gran excepción, con 2,9% (https://oecd.org/employment-outlook/2023/).
Os que gañan e os que perden
A finais de 2022, os ingresos de xerentes, directores e executivos en 37 das principais empresas helvéticas –algunhas das cales teñen un perfil multinacional– foron, como termo medio, 139 veces superiores aos salarios máis baixos destas.
Así o revela unha detallada investigación publicada a fins de agosto polo sindicato UNIA, o máis grande do país, con 175.000 afiliados (https://www.unia.ch/fr). O estudo tamén compara as distribucións de beneficios entre os accionistas coa evolución salarial real e sitúa os resultados no contexto da evolución económica xeral. Constata, como tendencia, que, nas dez empresas con maior diferenza salarial interna, lonxe de se reducir esta fenda segue a aumentar. Os beneficios empresariais e as distribucións de capital entre os accionistas mantéñense a un nivel moi alto, case como o dos valores récord de 2021. Por outra banda, constata que en Suíza os salarios máis baixos caeron en 2022. Aínda que en termos nominais aumentaron case 1%, o cal coincide aproximadamente co crecemento da produtividade, de todos os xeitos perderon un valor real, ou adquisitivo, de case 2% debido ao impacto directo da inflación (https://www.unia.ch/fileadmin/user_upload/Arbeitswelt-A-Z/Lohnschere/2023_Unia_%C3%89tude-sur-lles-%C3%A9carts-salariaux_Fr.pdf).
Segundo esta investigación, a farmacéutica multinacional Roche mantén “o glorioso primeiro posto por cuarta vez consecutiva” en canto á maior fenda salarial interna. Severin Schwan, o seu xerente xeral, percibe un salario anual superior aos 15.000.000 de francos suízos (16.680.000 de dólares), o que equivale a 307 veces o salario máis baixo nesa empresa.
Dito doutra maneira: un empregado de Roche co salario máis baixo debería traballar durante máis de 25 anos para gañar un salario mensual de Schwan, que até 2022 tamén ocupou unha cadeira de brazos no directorio do hoxe defunto Banco Credit Suisse.
Ralph Hamers, director da Unión de Bancos Suízos (UBS), e Vasant Narasimhan, director de Novartis, ocupan o segundo e o terceiro lugar na escala dos executivos mellor pagos, con soldos anuais de 12.640.000 e 10.960.000 de francos suízos, respectivamente.
Segundo o estudo de UNIA, a UBS ocupa a segunda posición na escala de fendas salariais, e a empresa de enerxía ABB, a terceira. Séguenlle a Nestlé (fenda salarial de 202 veces entre o director e os empregados con salarios inferiores), Logitech (198), Novartis (190), Alcon (187) e Zurich Seguros (185). Entre as 37 empresas avaliadas, que na súa maioría cotizan na Bolsa de Valores, hai nomes de primeiro nivel mundial como Swatch (fenda salarial de 165 veces), Holcim (154), Swiss Re (122), Julius Bär (116) e Adecco (91), por citar só algunhas.
Os salarios baixos financian os beneficios astronómicos
Non hai lugar para falsos argumentos. A tendencia á baixa dos salarios nas grandes empresas suízas, especialmente entre as/os traballadoras/es peor pagos, non se corresponde cos exitosos resultados económicos destas. Todo o contrario: en 2022, os accionistas das 37 empresas analizadas recibiron un total de case 76.000 millóns de francos suízos (uns 84.523 millóns de dólares). Á cabeza e, como sempre, Nestlé, Novartis, Roche e UBS, con repartimentos de ganancias de máis de 50.000 millóns de francos (uns 55.607 millóns de dólares). Estas catro empresas están ntre as dez primeiras coas fendas salariais internas máis fondas. Segundo o estudo de UNIA, estas “compórtanse descaradamente, distribuíndo unilateralmente os seus beneficios mediante reparticións de capital en lugar de aumentar os salarios”.
Esta investigación conclúe que, a pesar da pandemia da Covid-19, os problemas na cadea de abastecemento, a inflación e a guerra entre Rusia e Ucraína, os beneficios empresariais e as distribucións de capital entre os accionistas continuaron en aumento nos últimos anos. En síntese: “As empresas cunha ampla fenda salarial tamén se caracterizan por repartimentos especialmente elevados entre os accionistas, aínda que poderían axustar facilmente os salarios máis baixos até un nivel decente”.
As cifras falan de seu. E a investigación explica de que maneira os enormes e crecentes beneficios dos devanditos grupos se distribúen inxustamente. Os directivos seguen recibindo primas absurdamente altas e os accionistas benefícianse grazas a xenerosos dividendos e recompensas en concepto de accións.
Dez anos despois dunha votación popular que significou unha vitoria para a Iniciativa contra as Remuneracións Abusivas, a cal procuraba, xustamente, frear salarios e recompensas empresariais exorbitantes, o estudo de UNIA conclúe que, retrospectivamente, esa iniciativa demostrou ser unha ilusión.
UNIA insiste que son as/os traballadoras/es as que están a pagar o prezo desa mala distribución global de ingresos na sociedade helvética. Mentres os directivos e accionistas acumulan beneficios, as/os traballadoras/es teñen que aceptar recortes do salario real. Para xustificar esta iniquidade os empresarios non dubidan en argumentar que se trata dun contexto económico difícil, coa súa consecuente redución das marxes de beneficio. Con todo, o estudo salarial refuta estes argumentos baseándose en que as empresas investigadas obteñen beneficios astronómicos, que lles podería permitir o pagamento de salarios decentes e actualizados para todos os seus empregados.
Pobreza crecente
En maio pasado, a Oficina Federal de Estatística (OFS) constatou que en 2021 o 5% da poboación suíza tivo que prescindir de determinados «bens, servizos e actividades sociais importantes» por falta de diñeiro. Por exemplo: o 7,9% non puido comprar roupa nin comer ou beber con amigos unha vez ao mes, como adoitaba facelo. A pesar de que este indicador medio é máis baixo que no resto de Europa, onde a cifra alcanza o 11,9%, a tendencia en Suíza é tamén de aumento permanente, pasando de 8,5% en 2020 a 8,7% en 2021.
A realidade helvética revela que unhas 745.000 persoas (dun total de 8.703.000) viven con ingresos por baixo da liña de pobreza, 2.289 francos suízos (uns 2.534 dólares) ao mes para unha persoa soa, e 3.989 francos suízos (uns 4.434 dólares) mensuais para dous adultos e dúas crianzas. As e os estranxeiros, as persoas soas, as familias a cargo dunha soa persoa adulta, ou aquelas que carecen de formación postescolar ou dun emprego fixo, son as máis afectadas.
Aínda que noutros países estas cifras poden parecer enormes, a realidade helvética é outra. Nun país onde unha persoa necesita uns 400 francos (444 dólares) por mes para o seguro médico; non menos de 1.300 francos (1.445 dólares) para o alugueiro dun pequeno departamento dun só ambiente (ou como máximo, de dous cuartos) e ademais debe apartar dous meses de soldo para impostos federais, cantonais e municipais, as cifras que determinan a situación de pobreza son extremadamente baixas. Para este sector, a atención odontolóxica é, por exemplo, un artigo de luxo inaccesíbel. Como pagar 220 francos (244 dólares) para unha visita para hixiene dental, 600 francos (660 dólares) para unha extracción dental ou 4.500 francos (4.950 dólares) para un implante?
Cáritas Suíza, nun documento recente, sostén que a pobreza aumentou «de forma significativa e continuada» desde 2014, e que a demanda de alimentos e produtos cotiáns nas súas “tendas de caridade” abertas á poboación de menos recursos continúa aumentando. A terceira semana de setembro, Hubert Péquignot, responsable desa ONG en Neuchâtel, anticipaba que preto dunha cuarta parte da poboación dese cantón “podería estar en graves dificultades financeiras o ano que vén se non se fai nada para compensar a suba das primas do seguro médico” (https://lecourrier.ch/2023/09/17/un-quart-de-la-population-en-difficulte/). En declaracións ao xornal Le Courrier, Péquignot explica que unha das variábeis esenciais do orzamento son os alimentos. E afirma que, aínda que a xente continúa a alimentarse xa que non se vive nunha situación de guerra ou fame negra, con todo, está a perderse a calidade do que consome: “Alimentos moi sinxelos e repetitivos, como pastas. Algúns renuncian a un anaco de queixo”. E lembra que o 20% da poboación nese cantón é pobre ou está exposta a caer na pobreza. Debido ás repercusións da pandemia e o elevado custo de vida, este nivel aumentará nos próximos anos. “Co incremento xa anticipado do 10% ao 12% das primas do seguro médico, dun 20% a un 30% da poboación terá dificultades para saír adiante. A situación vai ser moi complicada a moi curto prazo”, conclúe o directivo de Cáritas.
O flash sobre a realidade suíza posúe semellanzas e constantes en toda Europa. A tendencia é continental (e aínda mundial): a caída do salario real en paralelo aos aumentos siderais das ganancias das grandes empresas e grupos multinacionais. Todo isto acompañado do discurso empresarial mentireiro do “non se poden aumentar os salarios debido á crise”. A gran economía non só segue a gañar fortunas; tamén se adxudica o discurso “cultural” hexemónico do posíbel e o imposíbel cando se debate sobre a distribución dos ingresos.
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 25 de setembro de 2023]