EUA: Vitoria sindical histórica no sector do automóbil

Romaric Godin - 03 Nov 2023

Por primeira vez, a UAW golpeou os Tres Grandes, os tres principais fabricantes dos Estados Unidos, impondo en gran medida as súas reivindicacións tras seis semanas de folga. Cada acordo é para un período de catro anos e medio e prevé un aumento do 25% do salario base por hora e volver estabelecer as primas de compensación por inflación que se suprimiran tras a gran crise de 2008-2009

 "Unha vez máis, conseguimos o que hai apenas unhas semanas nos dicían que era imposíbel". Con estas palabras, o presidente da United Auto Workers (UAW), Shawn Fain, saudou unha das maiores vitorias na historia sindical do país.

 O 31 de outubro, o sindicato alcanzou un acordo provisional con General Motors (GM). Dous días antes, asinouse un acordo similar con Stellantis (que inclúe a Fiat, Peugeot e Chrysler), tras un acordo inicial con Ford o 25 de outubro.

 Polo tanto, por primeira vez, a UAW golpeou os Tres Grandes, os tres principais fabricantes dos Estados Unidos, impondo en gran medida as súas reivindicacións tras seis semanas de folga. O contido destes acordos parece un verdadeiro triunfo para a nova dirección do sindicato que decidira poñer fin a décadas de coxestión e mesmo de conivencia cos fabricantes e volver á ofensiva.

Acordos históricos

 Cada acordo é para un período de catro anos e medio e prevé un aumento do 25% do salario base por hora e volver estabelecer as primas de compensación por inflación que se suprimiran tras a gran crise de 2008-2009. Como resultado, os aumentos salariais serán moi substanciais tras anos de escaseza: os salarios iniciais en Stellantis poderían aumentar un 67% ao longo do período, mentres que os salarios superiores se poderían incrementar un 33%.

 Pero aínda hai máis. Unha das reivindicacións máis importantes da UAW referíase ao sistema de status (terceiros), introducido tamén tras a crise de 2009, que permitía contratar a traballadores con niveis salariais máis baixos. Esta desigualdade entre traballadores será abolida polos acordos. En Stellantis, isto suporá un aumento salarial inmediato do 67% para algúns destes empregados.

 Mais o aspecto máis abraiante da vitoria da UAW é a súa capacidade para se impor ás decisións estratéxicas das empresas. En Stellantis, por exemplo, o sindicato conseguiu o impensábel: a reapertura da planta de Belvidere, en Illinois (que a empresa pechou o 1 de marzo), que empregaba a 1.200 traballadores. Os empregados serán recontratados e o grupo comprometeuse a abrir unha fábrica de baterías eléctricas no lugar, contratando a mil traballadores.

 A UAW tamén se asegurou o mantemento dunha fábrica de motores en Trenton, Michigan, que Stellantis estaba a considerar pechar, e a ampliación da planta de Toledo, en Ohio. En total, o grupo comprometeuse a crear cinco mil novos postos de traballo.

 E o que é máis importante, o sindicato conseguiu unha especie de seguro de vida ao obter o dereito de folga para impugnar non só as decisións de peche de plantas, senón tamén as decisións de investimento da empresa. Isto reforza o poder da UAW, que poderá convocar unha folga de todo o grupo para defender un centro ou impugnar unha decisión de investimento concreto.

Os sindicatos gañaron relación de forzas

 Por tanto, trátase dun reforzo estrutural e significativo do poder dos traballadores dos Tres Grandes o que obtivo o sindicato. E, tras catro décadas de derrotas e reveses para os sindicatos, parece un cambio de era alén do Atlántico.

 O movemento recibiu un forte apoio da administración Biden. Aínda que esta non actuou realmente en materia de lexislación laboral e sindical, non ocultou o seu apoio aos folguistas. O propio Joe Biden subiu ao escenario durante a folga da UAW, visitando un piquete, unha primicia para un presidente estadounidense. Tamén celebrou o acordo cos fabricantes.

 Pero o decisivo non foi este apoio político aberto. Foi máis ben a estratexia moi precisa da UAW que, desde que se iniciou a mobilización o 15 de setembro, construíu coidadosamente unha relación de forzas favorábel fronte aos fabricantes de automóbiles. O sindicato foi aumentando a presión no momento oportuno mediante paros sorpresa, centrándose nos almacéns de compoñentes e desestabilizando as liñas de produción.

 Tras o acordo con Ford, o 25 de outubro, a UAW pechou unha das plantas máis rendíbeis de Stellantis, en Sterling Heights, Michigan. Unha vez asinado o acordo con Ford, a planta de GM en Spring Hills, Tennessee, viuse afectada, obrigando a esta última empresa a renderse. Coa excepción de certas reivindicacións en materia de pensións, a vitoria foi completa para a UAW.

 En cambio, a factura é elevada para os fabricantes. Ford estimou o custo adicional da folga en 1.300 millóns de dólares, GM en 800 millóns de dólares en termos de beneficios de explotación e Stellantis en 3.000 millóns de dólares en termos de facturación. Agora ben, no primeiro semestre do ano, os fabricantes obtiveron uns importantes beneficios: 11.600 millóns de dólares para Stellantis, 5.000 millóns para GM e 4.000 millóns para Ford. Stellantis mesmo se permitiu o luxo de recomprar as súas propias accións por 1.500 millóns de dólares este ano.

 Con este éxito, a UAW pretende situar os intereses dos traballadores estadounidenses no centro da revolución tecnolóxica, cara á transición aos vehículos eléctricos, que afecta a toda a industria. Este será o centro das loitas dos próximos anos, onde a UAW parece estar nunha posición de forza.

Cales son os seus efectos globais?

 O seguimento que o sindicato consiga dar a este éxito será, xa que logo, decisivo. Shawn Fain xa indicou que se seguirá traballando nas fábricas do sur do país, propiedade de grupos estranxeiros (Volkswagen, Fonda, Toyota), pero tamén nas de Tesla. Nestas plantas, a UAW non ten representación e as e os empregados votaron en contra da representación sindical na década de 2010. Pero co avance do acordo cos Tres Grandes, as cousas poderían cambiar. "Cando volvamos á mesa de negociacións en 2028, xa non será cos Tres Grandes, senón co Cinco Grandes ou o Seis Grandes", advertiu o presidente da UAW.

 Porén, débese manter a cautela. Hai que recoñecer que este éxito forma parte dunha serie doutros éxitos no mundo laboral estadounidense. O pasado mes de agosto, en UPS, o servizo de repartición, a ameaza de folga conduciu a unha suba salarial media de case o 18% en cinco anos. A principios de outubro, os 75.000 empregados de Kaiser Permanente, o operador de clínicas, conseguiron un aumento salarial medio do 21% en catro anos. Un pouco antes, foron os guionistas de Hollywood os que lograron aumentos salariais e garantías para o futuro.

 Mais a verdadeira cuestión é se este éxito na industria do automóbil se pode repetir na maior economía do mundo e se a estratexia da UAW pode inspirar outras loitas. Neste sentido, a cuestión é menos sinxela. No terceiro trimestre, os salarios reais mantivéronse practicamente estábeis durante un ano e son inferiores aos do último trimestre de 2019.

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 1 de novembro de 2023]