EUA: Gañou Biden, e agora que?

Atilio A. Boron - 11 Nov 2020

Con Trump ou con Biden seguimos a mercé da voracidade imperial polos nosos recursos naturais, nun clima ideolóxico marcado por unha paranoia que enxerga este continente como estando a piques de “caer nas gadoupas” de China ou Rusia

Os demócratas e os republicanos son administradores do imperio, e máis nada. Pero na súa encarnación física, persoal, idiosincrática, hai matices que non se deben obviar. Fidel sempre dicía: “Deus non existe, mais está nos detalles”. Que Elliot Abrams, Marco Rubio, Ted Cruz, Bob Menendez e a Ileana Ross perdan o seu acceso directo á Oficina Oval que lles garantía Donald Trump revela unha diferenza que sería absurdo subestimar. É sabido que ambos os partidos perpetraron toda clase de crimes, en todo o mundo e que a súa simple enumeración levaría ducias de páxinas. Mais nestas recentes eleccións corríase un risco adicional: unha ratificación plebiscitaria para manter durante catro anos máis un mafioso como Donald Trump na Casa Branca tería funestas consecuencias para os nosos países. Mencionemos apenas tres. Primeira, a inmediata activación da “carta militar” contra Venezuela que Mike Pompeo preparou durante a súa xira de hai apenas un par de meses visitando Brasil, Colombia e Guiana (tres países lindeiros coa nación bolivariana) amén do próximo Surinam.

 Segundo: un Trump “recargado” intensificaría as sancións e o bloqueo en contra de Cuba, Venezuela e Nicaragua e aumentaría as súas presións en contra dos gobernos de Arxentina e México, que os asesores máis reaccionarios de Trump, aínda que pareza mentira, consideran como “aliados” ou “cómplices” da subversión chavista. Terceiro, a reelección do magnate neoyorquino reforzaría a gravitación rexional de Jair Bolsonaro, Iván Duque e a dereita radical en Latinoamérica e o Caribe. Estes tres “detalles”, que non significa que sexan nimiedades, son máis dabondo para recibir con certo alivio a derrota do magnate neoyorquino. En suma: había unha elección entre o peor e o malo, e prevaleceu o último. Decepcionante, abofé!, mais estas son as “opcións” que o imperio sempre ten para ofrecer. Descoñecer esta verdade, asentada sobre un marco histórico de máis de douscentos anos, equivale a trabucar ilusións coa realidade.

 Ben, e daquela: que dicir de Joseph Biden? É un vello político (cumprirá 78 anos o 20 de novembro) do establishment conservador norteamericano, con 47 anos transitando polos labirintos do poder en Washington. Foi senador desde 1972 até que, no 2009, xurou como vicepresidente a Barack Obama. Ao longo deste case medio século hai moi pouco no seu haber como para agardar del unha viraxe significativa na política exterior de Trump, especialmente no sempre turbulento ámbito das relacións hemisféricas. O que si hai é a certeza de que ao longo de tantos anos no Senado foi cómplice, beneficiario -ou polo menos silente testemuña- da tantas veces denunciada corruptela institucionalizada en Washington, dos importantes contratos e concesións ofrecidas ás empresas do complexo militar-industrial e, despois do crash das hipotecas do 2008, do fabuloso rescate concedido polo Tesouro ao corrupto sistema bancario estadounidense. Todo isto transcorreu baixo a súa ollada e en ningún momento insinuou desconformidade ou incomodidade moral.

 A renovación ou o “novo comezo”, retórica á cal son tan afectos os presidentes de Estados Unidos cando desprazan os seus opoñentes non casa ben coa promiscua relación que Biden -do mesmo xeito que Trump, mais “gardando as formas”!- mantén coa burguesía imperial. Por exemplo, a súa custosa campaña electoral viuse facilitada polo xeneroso financiamento que lle outorgaron as grandes corporacións. Un informe revela que Joe Biden recibiu doazóns de 44 multimillonarios, mais a súa acompañante, Kamala Harris, superouno ao obter achegas de 46 multimillonarios estadounidenses. En termos individuais Trump beneficiouse da prodigalidade de Sheldon Adelson, o dono dun casino nas Vegas e, segundo The Guardian, un “ardente conservador pro-israelí” que terminou doando 183 millóns de dólares para a campaña do neoyorquino. Biden, á súa vez, recibiu un donativo do exalcalde de Nova York e magnate dos medios de comunicación, Michael Bloomberg, por valor de 107 millóns de dólares. Como se pode ver, semella haber unha pequena contradición co principio elemental de toda democracia dun home/unha muller un voto. Porque, que dúbida hai de que tanto Adelson como Bloomberg poderán facer oír a súa voz máis claramente que as de John e Maggie?, que non puideron doar sequera vinte dólares para ningún candidato na gran democracia estadounidense. Por iso ten razón Telma Luzzani cando fala do “gatopardismo” de Biden.

 Haberá, iso si, un cambio de estilo: ao esquecemento pasarán os xestos matonescos e brutáns de Trump e compañía (Pompeo e Bolton, especialmente) e, aparentemente, habería una certa intención de reflotar o multilateralismo e buscar compromisos mantendo o uso da forza como unha alternativa mais non como a primeira prioridade. Nesa liña Biden prometeu reincorporar o seu país aos Acordos de París sobre a mudanza climática; regresar á Organización Mundial da Saúde para colaborar na loita contra a pandemia, e á UNESCO, da cal Washington se retirou aducindo un suposto “nesgo anti-israelí” desa organización. Pero hai que lembrar que Estados Unidos deixara de financiar a UNESCO en 2011, baixo a presidencia de Barack Obama e cando Joe Biden era o seu vicepresidente!

 Desde o Senado Biden preocupouse por alicerzar a fortaleza do complexo militar-industrial e a estabilidade do sistema financeiro na gran crise do 2008. Ante a catástrofe sanitaria precipitada polo negacionismo de Trump en relación á covid-19 podería tratar de resucitar o ‘Obamacare’ como un esquema moi módico de saúde pública. Pero acompañou co seu voto no Senado as invasións a Iraq e Afganistán e como vicepresidente avalou as operacións militares en Libia e Siria. No tocante aos nosos países, tamén na súa calidade de vice de Obama, Biden apoiou o golpe en contra de Juan Manuel Zelaya (Honduras, 2009); a tentativa golpista en contra de Rafael Correa en 2010; contra Fernando Lugo (Paraguai, 2012) e o fraudulento proceso do impeachment en contra de Dilma Rousseff, entre 2015 e 2016 en Brasil. Non hai, polo tanto, razóns para celebrar nada, agás a derrota de Trump.

 No número de marzo-abril da revista Foreign Affairs, unha especie de biblia para o establishment estadounidense, Biden publicou un artigo onde anticipa o que faría de chegar á Casa Branca. O título, “Why America Must Lead Again?”, non dá lugar a dúbidas sobre a absoluta fidelidade deste personaxe á tradición do “excepcionalismo” estadounidense. O mundo necesita un líder e Estados Unidos debe retomar ese papel, outorgado nada menos que por Deus e abandonado por Trump que errou o camiño ao tentar que Estados Unidos “fose grande outra vez” abdicando da súa responsabilidade de manter a orde internacional e desairando aos seus aliados e amigos. O seu programa ten tres eixes: a renovación e fortalecemento da democracia dentro de Estados Unidos e no concerto internacional; novos acordos comerciais para conter a China e evitar que sexan ela e os seus aliados os que fixen as regras do xogo, algo que o imperio reclama como a súa absoluta prerrogativa tal como ocorreu á saída da Segunda Guerra Mundial; e, para rematar, sentar unha vez máis a Washington na “cabeceira” da mesa das negociacións internacionais.

 China e Rusia aparecen claramente como os inimigos de Estados Unidos, en liña coas teses dominantes sobre todo desde os tempos de Obama. A linguaxe utilizada nalgunhas pasaxes é alarmante e nada ten de diplomática, e lembra algunhas das fanfurriñadas e insolencias de Trump. Por exemplo, cualifica o goberno de Vladimir Putin como un “sistema de cleptocracia autoritaria” mentres que di que Xi Jiping que “era un matón”, alén de acusar a China de roubar descaradamente dereitos de propiedade intelectual e os bens das grandes empresas e os aforradores estadounidenses. En relación á democracia promete convocar, no primeiro ano do seu mandato, a unha gran conferencia cos “líderes amigos” (que xa ben imaxinamos quen serán) para construír unha coalición internacional que impulse a democracia e os dereitos humanos e combata a corrupción, e que traballe coordinadamente sobre a base dunha axenda común. Biden acredita en que unha das maiores fracturas do noso tempo é a que divide a democracias de diversas formas de autoritarismo. Non é o mesmo mais garda un certo parecido coa “Internacional da Nova Dereita” promovida, baixo os auspicios de Trump, polo estratego ultradereitista Steve Bannon. En pouco tempo a verdade sairá á luz e poderase ver quen son os réprobos e quen os elixidos; quen os demócratas e quen os autoritarios.

 Para concluír: coido que nada bo se pode agardar deste recambio. Espaventouse o risco maior e máis nada. No 2008 e comezos do 2009 a progresía europea e latinoamericana sucumbiu á “Obamamanía” e pensou, nun alarde de inxenuidade, que un presidente afroamericano obraría o milagre de transformar a natureza do imperio e convertelo no demiúrgo da paz eterna ambicionada por Immanuel Kant. A desilusión daquelas belas almas inzadas de inocencia non puido ser maior. Hai un risco, aínda que non igual, de que ocorra o mesmo con Biden. O motivo destas liñas non é outro que poñérmonos en garda ante tal eventualidade e caermos nun desarmamento ideolóxico; e lembrar que con Trump ou con Biden seguimos a mercé da voracidade imperial polos nosos recursos naturais, nun clima ideolóxico marcado por unha paranoia que enxerga este continente como estando a piques de “caer nas gadoupas” de China ou Rusia. O ton da ‘Guerra Fría’ que impregna o escrito de Biden non se pode agochar. Queda, porén, unha tenue esperanza: que faga memoria e retome, aínda que sexa en parte, a política de Obama con Cuba e restableza as relacións diplomáticas a nivel de embaixador, levante as asfixiantes restricións en materia de viaxes, remesas, comercio, turismo e intercambio cultural e, en última instancia, relaxe en algo os rigores dese verdadeiro crime de lesa humanidade que significa o bloqueo ao cal a Illa rebelde foi sometida durante 60 anos. E, por riba, que proceda igualmente en relación á República Bolivariana de Venezuela poñendo fin ao papel internacional da Casa Branca na súa pretensión de facer dun esperpento como Juan Guaidó un “presidente encargado” dese país e se aveña a dialogar co goberno de Nicolás Maduro, abandonando definitivamente os vieiros da confrontación elixidos por Trump e que, do mesmo xeito que o ocorrido con Cuba, fracasou de vez.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino Página 12, do 9 de novembro de 2020]