EUA e América Latina: retórica proteccionista e avance neoliberal

Arantxa Tirado - 16 Xul 2018

O que observamos na Administración Trump é unha nova retórica belixerante en materia económica que debe ser ponderada cos feitos. Aínda que é certo que se anunciaron algunhas iniciativas nunha liña “proteccionista”, habería que analizar até que punto este proteccionismo é incompatíbel co funcionamento do libre comercio e, mesmo, do neoliberalismo

 Donald Trump anunciou a finais de maio un novo arancel do 25% para gravar as importacións aos Estados Unidos (EUA) de determinados produtos industriais chineses por un valor de 34.000 millóns de dólares[1]. Este arancel entrou en vixencia o 6 de xullo e días despois engadíronse máis aranceis a outros produtos valorados en 200.000 millóns de dólares.

 O Goberno de EUA afirma que, entre outras cuestións, China non está respectando as regras de propiedade intelectual, e que iso estaría afectando a propia seguridade nacional estadounidense. Pola súa banda, China respondeu establecendo, tamén, aranceis ás importacións estadounidenses e denunciando as accións unilaterais de EUA como violatorias das leis internacionais subscritas por ambos os países no marco da Organización Mundial do Comercio (OMC)[2]. Esta “guerra dos aranceis” entre EUA e China fixo saltar as alarmas nalgúns sectores do establishment estadounidense, preocupados polas repercusións que as medidas “proteccionistas” da administración Trump poidan ter na expansión dos seus negocios en terceiros países[3].

 Porén, en América Latina e o Caribe (América Latina) prosegue a expansión económica do sector público-privado estadounidense. Malia a retórica do presidente Trump, o Tratado de Libre Comercio con América do Norte (TLCAN) estase renegociando para que EUA saia aínda máis beneficiado do intercambio económico con Canadá e México[4]. Aínda que agora as negociacións están detidas temporalmente -debido ao proceso electoral mexicano e a súa conseguinte transición gobernamental- os tratados de libre comercio que Estados Unidos ten subscritos con outros países da rexión seguen avanzando.

 En América Latina, EUA ten asinados acordos de libre comercio bilaterais con Chile[5], Colombia[6], Panamá[7] e Perú[8]; e tratados multilaterais con México (TLCAN) e coa República Dominicana, Costa Rica, O Salvador, Guatemala, Honduras e Nicaragua (CAFTA-DR)[9]. A excepción do TLCAN, o resto de tratados pode considerarse unha resposta ao fracaso do proxecto de liberalización hemisférica proposto na Área de Libre Comercio para as Américas (América LatinaA), sepultado en Mar del Plata (Arxentina) en 2005, durante a IV Cimeira das Américas.

 O compromiso co libre comercio está garantido na rexión, non só por parte de EUA senón tamén dos seus socios principais, moitos deles integrantes da Alianza do Pacífico. De feito, o 21 de xullo terá lugar unha nova XIII Cimeira da Alianza do Pacífico en México. Os países membro da Alianza (Chile, Colombia, México e Perú) chegaron a expresar a súa adscrición ao libre comercio mesmo no medio da saída de EUA do Acordo Transpacífico de Cooperación Económica -TPP, polas súas siglas en inglés-. Desde marzo de 2018 o TPP pasou a denominarse Tratado Integral e Progresista de Asociación Transpacífico (CPTPP ou TPP11)[10] polos seus once membros, entre os que se atopan Chile, México e Perú. Esta actividade contrasta coa parálise na que se atopa sumida a Unión de Nacións Sudamericanas (UNASUR) tras o cambio na correlación de forzas na rexión e as recentes declaracións de funcionarios ecuatorianos sobre a conveniencia de repensar o uso da súa sede en Quito.

 Tampouco desde o sector público-privado estadounidense se observa unha vontade de abandonar o seu interese pola expansión económica en América Latina. Recentemente, a Corporación de Investimento Privado no Estranxeiro (OPIC) e o Departamento de Enerxía estadounidense anunciaron unha “Alianza para impulsar as Américas”[11] cun investimento de mil millóns de dólares no sector enerxético mexicano durante os próximos tres anos, unha área estratéxica para EUA[12]. Está por verse como impactará a chegada de Andrés Manuel López Obrador á Presidencia de México nestes investimentos, nas relacións EUA-América Latina, ou nas negociacións do TLCAN. En efecto, o cambio político en México é agora mesmo un dos temas de maior debate entre os analistas do establishment estadounidense[13], pois podería ter un impacto significativo nas relacións bilaterais e, tamén, no rumbo político rexional. Deixando de lado a pouca marxe de manobra que pode ter un presidente dun país subordinado no sistema internacional e cuxa economía depende en máis do 80% de EUA, ábrese un novo horizonte político que terá correlato no económico, aínda que sexa de xeito mínimo ou simbólico.

 En conclusión, o que observamos na Administración Trump é unha nova retórica belixerante en materia económica que debe ser ponderada cos feitos. Aínda que é certo que se anunciaron algunhas iniciativas nunha liña “proteccionista”, habería que analizar até que punto este proteccionismo é incompatíbel co funcionamento do libre comercio e, mesmo, do neoliberalismo.

 O proteccionismo estadounidense, tal como foi aplicado noutros momentos da historia, implica a esixencia da apertura doutros países mentres se protexe con subsidios a determinados sectores produtivos nacionais. Este proteccionismo non impediu ou obstaculizou de xeito significativo nin o intercambio comercial, nin a expansión do neoliberalismo, nin a dos intereses do sector público-privado estadounidense por todo o planeta. Cumpriría preguntarse, como en tantos outros temas, que porcentaxe hai de retórica e que porcentaxe hai de feitos nas propostas da Administración Trump. Pero, sobre todo, cumpriría preguntarse que tanto pode Washington levar adiante determinadas iniciativas sen o apoio de importantes sectores do establishment do país, considerando o impacto que isto pode ter na economía e a maioría dos países de América Latina e o Caribe que manteñen estreitos vínculos comerciais e financeiros coa economía estadounidense.

 

[Artigo tirado do sitio web Telesur, do 14 de xullo de 2018]