Estudan presentar denuncia penal polas obras ilegais no parque de bombeiros do Concello de Vigo en Coruxo
As seccións sindicais da CIG, CUT e CCOO no Concello de Vigo están a estudar a posibilidade de presentar unha denuncia penal contra o Goberno local tras a apertura dun expediente sancionador por parte da Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística (APLU), que vén de decretar a ilegalidade das obras acometidas no parque de bombeiros de Coruxo.
Representantes destas tres centrais no Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) veñen de facer públicos os “gravísimos feitos” que foron cometidos polo Concello con diñeiro público de todos/as os contribuíntes. En concreto, as obras ilegais acometidas na edificación abandonada da antiga depuradora de Coruxo para reconvertela nun “improvisado” parque de bombeiros.
Sosteñen que agora, tras a recente resolución do director da APLU, organismo dependente da Xunta de Galiza, “quedan confirmadas as nosas sospeitas”. Xa que o ente autonómico acaba de incoar un procedemento sancionador e de reposición da legalidade contra o Concello de Vigo pola realización dunhas obras que foron executadas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre; sen licenza urbanística; sen autorización do servizo provincial de urbanismo da Xunta; sen autorización da dirección xeral do Ministerio para a Transición Ecolóxica; e sen autorización do organismo de Augas de Galiza. “Unha ilegalidade esférica, mírese por onde se mire”, censuran.
Estes sindicatos denunciaran no seu día que a reconversión da antiga depuradora nun parque de bombeiros era unha actuación “radicalmente” ilícita. “E fixemos esa denuncia porque é vergoñento, indecente e intolerábel que co diñeiro dos cidadáns/ás se financien obras ilegais en edificios públicos”.
Mais o Concello, lonxe de ter en conta esas advertencias, impediu dende o inicio o acceso ao expediente administrativo -“a pesar de ter garantido o dereito de acceso por imperativo legal”- para evitar que se puidesen detectar as ilegalidades cometidas. “Pero as autoridades municipais fracasaron no intento, porque as ilegalidades eran obscenas”.
Desprezo pola legalidade
Ao mesmo tempo, censuran que o departamento administrativo que hai dous anos ditou un decreto ilegal que obrigaba os bombeiros a traballar nos seus días de descanso (e que foi invalidado por catro sentenzas xudiciais firmes) “atreveuse agora a realizar, con idéntico desprezo ao ordenamento xurídico, obras ilegais que tiñan por finalidade a implantación dun uso prohibido na servidume de protección de Costas”.
Trátase en concreto do departamento de Seguridade e Mobilidade, “o mesmo que se dedica a sancionar e reprimir contumazmente todo tipo de infraccións cometidas polos cidadáns/ás, como ben sabe a veciñanza desta cidade. Sen dúbida, todo un exercicio de coherencia e exemplaridade”, ironizan.
Tamén lamentan que ter exercido o seu deber como funcionarios/as públicos de denunciar calquera práctica ilegal da que teñan coñecemento lles supuxese no seu día, “como vén sendo xa unha práctica recorrente”, a emisión dos “máis reprobábeis” comentarios por parte do alcalde, “que mesmo se atreveu a cuestionar o lexítimo exercicio das nosas funcións representativas”.
Isto lévaos a pensar que “certos políticos/as e altos funcionarios/as municipais” seguen actuando coa “prepotencia e descaro” propios daquelas persoas “que se cren impunes ante a lei”. Pero a “sorte” de saír indemnes das responsabilidades persoais por mor deste tipo de “falcatruadas” non lles vai ser “eterna”. De feito, os servizos xurídicos dos tres sindicatos denunciantes xa están valorando a posibilidade de iniciar as “pertinentes accións penais” contra os responsábeis destas ilegalidades.