Estudan impugnar os pregos da limpeza do CHUS ao non incluír medidas de reforzo para atender as novas esixencias sanitarias
A CIG, CUT, CCOO UGT, centrais con presenza nos distintos comités de empresa do servizo de limpeza dos catro centros que integran o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), reclaman a retirada dos pregos de contratación do servizo porque non contemplan medidas de reforzo para atender as novas esixencias hixiénicas e sanitarias derivadas da pandemia da COVID-19.
Representantes das catro centrais compareceron hoxe en rolda de prensa nada sede da CIG de Compostela para abordar o proceso de licitación e denunciar que os pregos que se volveron publicar o pasado 9 de xuño presentan unha serie de irregularidades que poderían derivar en conflitividade.
Anxo Noceda, da CIG-Compostela, lembrou que a contrata xa se fixera pública en xaneiro, pero o proceso quedou paralizado despois de que unha agrupación de empresas impugnou a adxudicación. Despois quedou en suspendo como consecuencia da declaración do estado de alarma.
Ao mesmo tempo amosouse sorprendido pola premura coa que e volveron publicar os pregos, dado que se anunciaron no Diario da Unión Europea o pasado 5 de xuño e se publicaron no perfil do contratante da Xunta catro días despois, rematando o prazo de presentación de ofertas este venres 19.
Explicou que con posterioridade á data de publicación desta licitación entraron en vigor un Decreto estatal e unha Resolución autonómica que establecen unha serie de esixencias hixiénicas e sanitarias que regularán o que se deu en chamar a 'nova normalidade'. “Mais ningunha desas normas aparecen recollidas en ningún dos tres pregos de contratación do servizo de limpeza do CHUS”.
Por exemplo, detallou que o número de horas que figuran nos pregos para levar a cabo as limpezas de rutina é exactamente igual ao que figuraba nos pregos impugnados en xaneiro, polo que non atenden ningunha das necesidades que se xeraron a partir da pandemia da COVID-19.
De igual xeito, as contías económicas son idénticas, até o punto de que no período de adxudicación prevíase que a contrata ía durar dende o 1 de maio de 2020 ao 30 de abril de 2022. “Pois a esta altura séguese a considerar que se prolongará polo mesmo espazo de tempo, cando xa é imposíbel”.
Ademais, segundo sinalou, o mellor dos casos a nova empresa faríase cargo do servizo en setembro, o que significa que durante catro meses se contabilizan custes de 2020 que realmente van ser de 2022. Porque neste tempo haberá xente que incrementará os seus trienios e o seu grado profesional, ao que hai que engadir que hai que facerlle fronte aos aumentos salariais comprometidos.
Requirimentos da Inspección
Por outra banda, a comezos de marzo a Inspección de Traballo trasladoulle varios requirimentos á empresa, tanto en materia de prevención de riscos, con cuestións referentes aos vestiarios, como a respecto de dimensionamento do cadro de persoal, en concreto no hospital Clínico. De feito, a autoridade laboral recomenda a contratación de 10 persoas, “pero en ningún dos tres pregos figura o incremento do persoal do servizo de limpeza (si de persoal da contrata, pero non para o servizo)”.
En consecuencia, desde as centrais consideran que esta situación vai provocar unha sobrecarga de traballo nas empregadas/os, “que repercutirá negativamente sobre a súa saída e sobre a calidade do servizo”.
Por iso demandan que se retiren os pregos e se actualicen con respecto ao contexto actual para evitar que tanto outros profesionais sanitarias como as propias persoas usuarios se poidan ver afectadas. Do contrario, barallan a posibilidade de presentar a súa impugnación pola vía xudicial, tendo en conta ademais que detectaron unha serie de irregularidades de forma na súa elaboración.
En concreto, os pregos non recollen a normativa laboral de aplicación nin os diferentes acordos cos que se rexe o persoal, entre eles a creación dunha bolsa de contratación ou a carreira profesional, cuestións que se lograron tras convocar mobilizacións e que non futuro poderían supoñer conflitividade coa nova empresa no caso de que non se respectase.
“Se non se fai por criterios económicos sería gravísimo, porque estariamos supeditando a saúde e a seguridade das persoas usuarias e das profesionais a unha cuestión meramente económica”.
Finalmente, sinalan que “se queren aforrar téñeno fácil”, xa que só teñen que atender ao que lle vén dicindo o Consello de Contas: internalizan o servizo, o que permitiría rebaixar os custes e non precarizar as condicións laborais do persoal, ademais de contratar máis traballadoras/es.