Asinado un acordo en Estrella Galicia que avanza nos dereitos de conciliación do persoal
A sección sindical da CIG en Hijos de Rivera informa do acordo asinado coa empresa en materia de calendario anual, o sistema de preavisos, a distribución das vacacións ou a posibilidade de cambiar de grupo de traballo. A falta de vontade negociadora da empresa levara a sección sindical a convocar unha manifestación para o pasado martes, que finalmente foi desconvocada tras atinxirse este acordo que no día de onte foi trasladado ás asembleas de traballadores e traballadoras.
A representación da CIG no comité valora moi positivamente o acordo xa que supón avanzar nos dereitos de conciliación do conxunto dos traballadores e as traballadoras de Estrella Galicia e abandonar a vía da unilateralidade que até agora practicaba a empresa para impor as quendas de traballo ou os períodos de vacacións, imposibilitando en moitas ocasións que o persoal puidera atender as súas obrigas familiares.
Neste sentido, a sección sindical da CIG destaca que alcanzar este acordo foi posíbel grazas ao apoio e á unidade de todos os traballadores e as traballadoras que entenderon que a mobilización é o camiño para conseguir avances nos dereitos e mellorar as condicións de traballo.
Sobre o contido do acordo, indicar que a empresa xa achegou a previsión de calendario laboral para o próximo ano, co compromiso de comunicar as quendas de traballo cunha antelación mínima de oito semanas e incrementar este prazo até as 12 semanas a partir do mes de marzo. Ademais crearase unha comisión de seguimento para valorar o cumprimento do acordado e analizar a posibilidade de mellorar estes prazos.
De igual xeito, tamén se acordou que, antes de implantar os cuadrantes, a empresa informará ao comité co tempo necesario para negociar e que ningún traballador ou traballadora resulte prexudicada no seu ámbito persoal, familiar ou social.
Xunto a isto, cada ano abrirase un período para que o persoal poida solicitar o grupo de traballo de preferencia. A empresa valorará as solicitudes nos seguintes 15 días, tendo que motivar adecuadamente as peticións rexeitadas. Tamén se buscarán fórmulas para haxa un grupo sen quenda nocturna e que o persoal que non queira traballar de noite poida elixir ese grupo de cara a facilitarlle a conciliación.
Outros dos puntos importantes acordados refírese aos preavisos de traballo, que pasarán a cubrirse de xeito ordinario con persoal voluntario, en lugar de ter carácter obrigatorio como até agora.
En canto ás vacacións, acordouse negociar -durante o primeiro semestre de 2024- un novo sistema de distribución co obxectivo de que o persoal poida gozar de vacacións no verán, cando menos, en anos alternos. Aínda que poida parecer unha cuestión básica, até agora os períodos de vacacións dos traballadores e traballadoras de Estrella Galicia viñan impostos pola empresa, coas dificultades para a conciliación familiar que isto lles supón.