Estrasburgo, o fracaso de Europa
Non serán os ditados ideolóxicos do Parlamento Europeo os que determinen a saída da crise dun continente que fallou na cita máis importante coa súa identidade e afirmación política. A UE é a verdadeira perdedora desta fase: fracasou no seu intento de xerar marcos sistémicos no Leste con autoridade e forza, e suicidouse economicamente ao tentar conter o crecemento ruso no taboleiro internacional
Con 494 votos a favor, 58 en contra e 44 abstencións, o Parlamento Europeo aprobou unha resolución que designa a Rusia como «Estado patrocinador do terrorismo polas atrocidades cometidas polo réxime de Vladimir Putin contra o pobo ucraíno».
Fíxoo nas mesmas horas en que Ankara bombardeaba os kurdos, Tel Aviv os palestinos e Ryad os iemenís, é dicir, os afectados polas «bombas democráticas». A resolución, que celebra a Zelensky, votouse mentres en Moscova, en compañía do presidente cubano Díaz Canel, Putin rendía homenaxe á nova estatua de Fidel Castro, xigantesco estadista do século XX. Cada un ten as súas propias referencias.
A resolución é só un sinal político, non ten consecuencias, non é vinculante para a UE como institución nin para ningún dos Estados membros. Formalmente, de feito, «a UE non pode actualmente declarar os Estados como patrocinadores do terrorismo de maneira oficial», explica o propio Parlamento Europeo nunha nota.
Na actualidade, a definición de «Estado terrorista» non ten ningún significado xurídico e, de feito, non está prevista en ningún tratado internacional, xa sexa xurídico ou político. Só existe unha listaxe que circula e se actualiza anualmente por Washington, formada por organizacións e nacións ás que se lles aplica a definición unilateral, ofensiva e ilegal de terrorista que Estados Unidos asigna a todos os países que considera un atranco político para o desenvolvemento dos seus intereses nos catro puntos do planeta.
Esta resolución confirma certos elementos deste Parlamento Europeo, o máis dereitista da historia da institución. En primeiro lugar, a rusofobia, caldo de cultivo do seu pasado nazi-fascista que só a dependencia enerxética de Rusia (que permitiu o crecemento económico europeo) mitigara. Logo, a carraxe polas amargas secuelas do golpe de estado de 2014, dada a responsabilidade directa de Bruxelas. Tamén xorde a frustración pola fin do proxecto de cerco a Moscova que comezou en 2014 co golpe de estado en Kiev e continuou cos intentos de golpe en Bielorrusia e Kazhakhstán, que representan unha peza importante da dimensión do imperialismo rexional da UE, cuxa influencia se limita aos Balcáns. Por último, a frustración pola resistencia económica de Rusia ante as sancións europeas, que resultaron ser o peor búmerang da historia da UE.
A histeria da educación física
Mais neste caso concreto, que sentido ten o voto do Europarlamento? A histeria de Estrasburgo, inaplicábel a nivel xeral e, por tanto, tamén a nivel político-diplomático, parece desentoar co intento estadounidense de alcanzar unha solución negociada ao conflito. De feito, non se fala cun Estado que «promove o terrorismo», combátese. E que hai das posíbeis negociacións? Certamente, o acordo entre EUA e os talibán para a saída de Washington de Afganistán demostrou como a vía dos acordos é menos tortuosa que a militar, pero a resolución parece un acto deseñado para apoiar politicamente a rixidez de Kiev fronte a un proceso de desescalada apoiado por Washington que pretende dirixir o conflito cara a unha mesa de negociación.
O feito é que pór fin a unha guerra require negociación, e as invectivas políticas de Ucraína e Europa non impedirán que Moscova se instale definitivamente en Crimea e Donbás co recoñecemento internacional xeral dos acordos, o que representaría unha vitoria indiscutíbel. Aquí é onde se abre a diverxencia entre Bruxelas e Washington, e non é casualidade que Estados Unidos non apoie a resolución antirrusa. Borrell sostén que a UE debe iniciar un forte proceso de rearmamento, pero hai que dicir que un día de guerra en Ucraína custa o mesmo que 30 días de guerra en Afganistán e non é seguro que o novo Senado con maioría republicana o aprobe. En calquera caso, Estados Unidos logrou os seus obxectivos: a ruptura entre a UE e Rusia, a fin do comercio, o paso á dependencia de Estados Unidos en materia de enerxía e a fin do dominio do euro sobre o dólar. O obxectivo de EUA é agora o dunha estratexia de saída, deixando que Bruxelas cargue co peso do conflito; o obxectivo da UE é distanciarse da negociación para se protexer dunha derrota que signifique unha redución do prestixio e do peso económico, político e militar no mundo.
Chamar a Rusia patrocinador do terrorismo expresa a identidade ideolóxica da Asemblea Europea e pecha o horrendo tríptico representado polo voto da UE contra a resolución rusa contra a propaganda do nazismo na ONU, e a resolución do mesmo P.E. que en setembro de 2019 asociou nazismo e comunismo, cualificándoas de dúas ideoloxías igualmente responsábeis das traxedias do século XX, esquecendo mesmo que, se o segundo non derrotase o primeiro, o Parlamento Europeo non existiría.
En troca, as condenas contra Cuba, Venezuela e Nicaragua son unha achega que certifica a lealdade a Estados Unidos, a total aliñación cos seus obxectivos de política exterior, tanto globais como rexionais. A nova dereita europea, composta polos herdeiros do fascismo, o nazismo e o franquismo, conta coa complicidade dos viúvos da socialdemocracia europea, convertidos en fundamentalistas liberais e extremistas atlantistas. Queren un continente que, ante o devalar irreversíbel do modelo occidental, estea nunha reinterpretación, desde a dereita, da súa doutrina política orixinal.
En total consonancia coa política e as determinacións unilaterais de Estados Unidos, tamén representa a entrega definitiva da soberanía continental a Washington, considerado agora o líder indiscutíbel de todo Occidente. Réndese culto a un modelo que se expresa con políticas sancionadoras e proteccionistas cara á competencia comercial, cunha lóxica represiva no interior e coa forza militar como único instrumento da súa política exterior. Aquí morre, se é que algunha vez estivo viva, a idea mesma da Unión Europea como modelo democrático dunha comunidade independente e soberana.
A historia ten a cabeza dura
O ministro de Asuntos Exteriores de Ucraína, Dmytro Kuleba, escribiu que «Rusia ten un historial de actos de terror contra Estados soberanos, de apoio a réximes e organizacións terroristas como Wagner que libran unha guerra de terror en Ucraína».
Porén, é a historia ucraína a que estabelece o contrario do que afirma o funcionario de Kiev. Hai que respectar a historia; e lémbranos como as bandas nazis do criminal de guerra ucraíno, Stephan Bandera, foron as protagonistas do terror contra a poboación de orixe xudía e rusa e, en asociación coas Ustashas croatas de Ante Pavelic e as bandas nazis estonianas, letoas e lituanas, expresaron o peor nivel de barbarie coñecido durante a Segunda Guerra Mundial. No propio xuízo de Nuremberg houbo declaracións que asignaban ás bandas ucraínas e croatas operacións que «as propias SS alemás non tiñan estómago para levar a cabo».
Pois ben, é Stephan Bandera quen inspirou as forzas armadas ucraínas, que se especializaron no implacábel bombardeo de oito anos contra a poboación civil do Donbás. Son a continuación do exterminio racial e a ferocidade coa que, en nome do nacionalismo ucraíno, levaron a cabo unha limpeza étnica planificada en Galitzia e Volinia, matando, segundo as estimacións máis conservadoras, a 60.000 polacos. Para os emuladores de Bandera, pode ser útil lembrar como se defendeu Stalingrado, a rendición do xeneral Von Paulus en xaneiro do 43 e como o KGB executou o criminal ucraíno Bandera. Mais non será doado, porque o respecto á verdade histórica necesita unha condición previa: a de coñecela.
Non serán os ditados ideolóxicos do Parlamento Europeo os que determinen a saída da crise dun continente que fallou na cita máis importante coa súa identidade e afirmación política. A UE é a verdadeira perdedora desta fase: fracasou no seu intento de xerar marcos sistémicos no Leste con autoridade e forza, e suicidouse economicamente ao tentar conter o crecemento ruso no taboleiro internacional.
Bruxelas acusa a Moscova e identifícase con Kiev, mais ningún outro país do mundo favorece a relación con Ucraína fronte a Rusia. Ucraína é un Estado frustrado, mentres que Rusia sairá máis illada en Occidente, pero máis integrada e influente en Oriente, África e América Latina. A súa vitoria en Ucraína será política e militar e, tras a súa vitoria en Siria, dará a Moscova máis creto na batalla pola mutación xenética da orde mundial.
[Artigo tirado de Rebelión, do 29 de novembro de 2022]