Hai oito meses dixemos que Europa non podía seguir ignorando as advertencias rusas. Agora esas advertencias están a facerse moito máis agudas. Sinalan claramente que a guerra da OTAN contra Rusia por Ucraína se podería estender este ano e implicar directamente os europeos, nomeadamente os alemáns. Axiña podería haber un ultimato de Moscova aos europeos. Confírmase entón a histeria da “ameaza rusa” que a Unión Europea proclama? Obviamente é así como o interpretan e interpretarán os babecos de Berlín, Bruxelas, Londres e París, así como o seu lamentábel exército de propagandistas que nos están levando da orella a unha guerra.
A “ameaza rusa” non é máis que un recurso para conxurar a propia desintegración da Unión Europea e xustificar o rearmamento. Cando moitas cousas se están rachando, a ameaza exterior dese maligno inimigo é importante como elemento de cohesión dun club europeo cada vez máis desestruturado internamente e máis irrelevante no mundo. Iso está claro. Pero para o que aquí nos importa a “ameaza rusa” tamén é outra cousa: unha profecía autocumprida, unha crenza falsa na súa orixe pero que contribúe e alimenta a súa realización.
Podes meterlle o dedo no ollo ao teu can ou ao teu gato e anunciar ao mesmo tempo que che vai pegar unha dentada ou unha poutada, coa seguridade de que ao final iso é precisamente o que che vai ocorrer.
É o que pasou coa desastrosa invasión rusa de Ucraína de febreiro de 2022, que o establishment occidental sempre acompaña do adxectivo “unprovoked”, “non provocada” – significativamente ausente, dito sexa de paso, da guerra contra Irán. Hoxe a xente informada e non cegada pola demonización do ruso, xa sabe que en 2022 Moscova levaba máis de trinta anos reclamando aquela “arquitectura de seguridade colectiva europea” que se prometeu á URSS de Gorbachov. Sabe que todas as “liñas vermellas” que Rusia formulou en materia de ampliación da OTAN foron ignoradas unha tras outra. Os que vivimos aquilo en primeira liña– e informamos sobre iso da forma máis clara e directa posíbel tendo en conta a corrupción estrutural dos nosos medios– lembramos o sorriso parvo do Secretario Xeral da OTAN, Javier Solana, dicindo en Moscova que a oposición rusa á ampliación carecía de sentido “porque a guerra fría acabou” e “xa non somos inimigos”. Os xenerais rusos (e non só eles, tamén moitos expertos e estrategos occidentais de primeira fila ) rexíanse por algo moito máis real e concreto. Trátase daquela máxima do Chanceler Bismarck segundo a cal “o que importa non son as intencións, senón as capacidades”. Que quere dicir isto? Ben, pois que se tes un fulano que te está apuntando cun revólver e que ao mesmo tempo che está dicindo que non ten a menor intención de te disparar, o que conta é o revólver que apunta para ti e non o que fulano tipo di. Así de elemental.
Primeiro foi Europa Central, daquela Europa Oriental, o Báltico e o Mar Negro. Mentres, houbo unha guerra para inducir a disolución da anomalía iugoslava e comprobar a necesidade da OTAN cunha “guerra humanitaria”. Chegouse á instalación de baterías antimísiles en Polonia e Romanía “contra Irán” (que non dispuña de tal capacidade), baterías que se podían cargar con mísiles nucleares capaces de anular a disuasión nuclear rusa, e así se chegou á invitación de que Ucraína ingresase no bloque militar contra Rusia (2008), o que a maioría dos ucraínos rexeitaban. Seguiu o cambio de réxime en Kiev, unha mestura de revolta etnonacionalista dunha parte dos ucraínos e de golpe de estado, ambos inducidos por Occidente. Seguiu a resposta de consolación rusa da ilegal anexión de Crimea, co apoio da inmensa maioría da poboación afectada. Houbo unha revolta popular contra o novo goberno prooccidental de Kiev no leste e o sur de Ucraína que careceu de apoio significativo de Moscova, polo menos no primeiros tres ou catro meses e que foi respondida coa utilización do exército ucraíno baixo a forma de “operación antiterrorista”.
Desde aquela e até a “non provocada” invasión rusa houbo incumprimento de acordos, mala fe occidental (recoñecida anos despois polo presidente de Francia e a Chanceler de Alemaña) e ha masivo financiamento e preparación militar da OTAN a Ucraína, con gran papel da CIA, do seu homólogo británico o MI-6 que apuntaba claramente a unha intervención militar contra o rebelde Donbás, agora si con presenza militar rusa significativa, e a unha reconquista militar de Crimea, documentada en acordos bilaterais de Kiev cos Estados Unidos. Só entón Rusia invadiu.
Agora ocorre exactamente o mesmo.
Todo o mundo recoñece que Rusia non só loita en 2026 contra Ucraína, senón tamén, e sobre todo, contra a OTAN. Aínda que transferiron aos europeos o groso da carga e “negocien” co Kremlin (tamén “negociaban” con Irán), os Estados Unidos seguen sendo un país belixerante e decisivo nesa guerra contra Rusia. O conflito traspasou todas as liñas vermellas do que durante a guerra fría se considerou un perigo extremo. Lembremos como o Presidente Biden dicía en marzo de 2022 que non se podía fornecer tanques e avións a Ucraína “porque iso desencadearía a Terceira Guerra Mundial”. Ben, xa se fixo moito máis que iso:
- Atacáronse recursos estratéxicos da disuasión nuclear rusa: radares de alerta temperá, bases de bombardeiros estratéxicos.
- Atacouse unha residencia do Presidente Putin en Nóvgorod, o que trae ecos do asasinato de Khamenei en Irán, encuberto polos mesmos caloteiros, Witkof e Kushner, que negocian co Kremlin. Desconfiar de tal negociación é puro sentido común.
- Invadiuse territorio ruso na rexión de Kursk.
- Xenerais dos Estados Unidos con mando na OTAN gabáronse de que dispoñen de capacidade para tomar o enclave ruso de Kaliningrado desde terra nun tempo récord. (Xeneral Christopher Donahue, comandante do Exército dos EUA en Europa e África e das forzas terrestres da OTAN o pasado xullo).
- Hai un regueiro semanal de vítimas civís rusas, das que en Occidente apenas se informa, a diferenza das ucraínas sen dúbida moito máis numerosas.
- Hai atentados persoais en cidades rusas contra xenerais nos seus domicilios, con coches bomba (catro deles mortos), xornalistas e deputados (polo menos catro ou cinco) e indiscriminados contra obxectivos civís (dous trens, obxectivos en cidades lonxe da fronte, etc.)
- No mar houbo atentados contra cargueiros rusos e son acosados con frecuencia.
- E todo isto faise con armas, información de intelixencia, satélites, etc., dos Estados Unidos, Inglaterra, a CIA (algo recoñecido polo The New York Times, entre outros), o MI-6, etc.
En 2026 Europa xa está en pé de guerra contra Rusia, cunha Alemaña demente en primeiro lugar que está a demostrar non entender nada da súa propia historia.
Oficialmente, Berlín quere transformar o Bundeswehr no «exército convencional máis forte de Europa» para 2035, e nunha forza «tecnoloxicamente superior» para 2039. (Atención a isto: a cen anos do inicio alemán da Segunda Guerra Mundial en Europa).
O documento oficial alemán sobre estratexia militar divulgado o 22 de abril declara que Rusia é «a ameaza máis grave e inmediata» para a seguridade europea. A semana pasada o ministro alemán de defensa, Pistorius, confirmou en Kiev seis proxectos conxuntos de armamento que “son só o principio”. En abril, Zelensky e o chanceler Merz asinaron en Berlín a «Declaración sobre asociación estratéxica entre Alemaña e Ucraína» que contempla a produción conxunta de drons de longo alcance en Alemaña. A produción de armas para Ucraína xa é unha realidade paneuropea; Alemaña, Inglaterra, Dinamarca… Mesmo a España de Sánchez asinou algunha cousa nesa materia con Ucraína.
Neste contexto, a guerra de drons supuxo un revés para Rusia. Se hai uns meses parecía que o que queda do Donbás controlado por Kíev caería nas súas mans nuns poucos meses, os drons detiveron o lento avance. Non é o primeiro revés temporal que sofre o exército ruso nesta guerra, nin tampouco a primeira vez que tomando os seus desexos por realidade moitos volven dar por feita a “derrota” de Rusia. Pero o que aquí importa é outra cousa: que a suma de todo isto está a quentar os ánimos en Rusia.
Desde hai varios meses hai unha forte presión en Moscova para que o Kremlin pase ao que se chama unha “disuasión activa”, é dicir, para que ataque, especialmente a Alemaña, antes de que sexa demasiado tarde. Está a dicirse o mesmo que Putin dixo no seu discurso daquel febreiro de 2022 ao anunciar a invasión de Ucraína aos rusos: “se non os detemos agora, a situación será peor dentro duns anos”. Pero agora trátase dos europeos. Igual que antes da invasión, tamén agora se ameaza con “medidas técnico-militares” (esa foi a fórmula que se empregaba en vésperas da invasión). “Os que participan no ataque contra nós serán obxectivo militar”, dise. O ministerio de Defensa ruso publicou unha lista de instalacións industriais alemás e europeas que participan na guerra contra Rusia fabricando recursos de longo alcance. Hai que aclarar que non se trata de “invadir” territorio da UE, senón de parar os pés do actual belicismo europeo cunha acción militar preventiva. Pódese estar de acordo ou non, pero o que non se pode é ignorar a realidade desa perigosa advertencia.
Os termos das advertencias rusas de agora son inequívocos. Mesmo na televisión rusa se reprocha a Putin falta de decisión, de momento sen nomealo (Iso é novo). Igual que hai catro anos, esas advertencias son ignoradas hoxe. Vexamos algúns exemplos recentes:
Dmitri Medvedev, vicepresidente do Consello de Seguridade nacional, o 6 de maio: “só un medo bestial a sufrir danos inaceptábeis impedirá que Alemaña e a Europa Unida lancen outro ataque contra Rusia”. (Naturalmente, co de “outro ataque” refírese ao de xuño de 1941 da Alemaña nazi).
Sergei Lavrov, ministro de asuntos exteriores: «Declaróusenos abertamente a guerra. O réxime de Kiev está a ser utilizado como punta de lanza. Con todo, todo o mundo é consciente de que esta punta é inutilizábel sen os fornecementos occidentais de armas, datos de intelixencia, sistemas de satélites, adestramento de persoal militar e moito máis».
Sergei Karaganov, Presidente honorifico do principal think tank do Kremlin, o 10 de maio: “Un país que desencadeou dúas guerras mundiais e foi culpábel de xenocidio non ten dereito a ter o «exército máis forte de Europa» e moito menos a posuír armas de destrución masiva. Se aspirase a iso, os cidadáns alemáns deberían comprender que a súa patria sería destruída para que nunca máis xurda unha ameaza para a paz desde chan alemán” (…) “Axiña estaremos en condicións de lanzarlles un ultimato se seguen comportándose desta maneira”. (Isto hai que cotexalo coa declaración de Putin ante a prensa rusa do mesmo día na que o Presidente dixo que “a guerra en Ucraína está a entrar na súa fase final”, o que xunto aos informes sobre unha próxima “ofensiva de verán” rusa pode interpretarse de diversas maneiras).
Karaganov, que o ano pasado xa conseguiu endurecer a doutrina nuclear rusa, propón agora o seguinte: (E atención a isto): “Primeiro atacar con armas convencionais instalacións chave de países europeos que participan na guerra contra Rusia. Se non reaccionan, atacar despois con armas nucleares”. Se non funciona, «algún país europeo terá que desaparecer». «Cando hai tres anos dixen estas cousas, era unha minoría”, di Karaganov, agora xa é a voz da maioría entre os militares e na sociedade».
Este intelectual orgánico do Kremlin, que non é a súa voz pero é influente, propón emendar a doutrina nuclear de novo, primeiro contemplando o uso de armas nucleares se un grupo de países máis fortes no económico e tecnolóxico atacan a Rusia con armas convencionais. E segundo, e o máis abraiante, que Putin delegue o poder de uso da arma nuclear ao xeneral responsábel da fronte occidental europea, o que contén unha velada insinuación de incapacidade ou pusilanimidade presidencial.
Como di o analista alemán Alexander Neu, ao principio tratábase das peticións duns poucos expertos. Agora parece que hai presión por parte da sociedade rusa e do aparello de seguridade para “que se faga algo contra Europa». Noutras palabras: Putin vese presionado a actuar, e a facelo moi axiña. A guerra podería estenderse ao resto de Europa xa en 2026. E Alemaña considérase agora o inimigo número un de Rusia. O que un se pregunta é por que os xornalistas occidentais en Moscova non informan sobre isto?
A quen di que despois de todo tamén Rusia fai cousas terríbeis en Ucraína –o que é completamente certo– e que Ucraína ten dereito a se defender (e por certo, no Donbás tamén hai unha Ucraína rusófila con dereito a se defender) hai que lles explicar que no mundo real da dialéctica entre potencias o que importa é que unha superpotencia nuclear está a ser desafiada polos seus adversarios europeos e americanos a través de Ucraína coa pretensión de lle inflixir unha “derrota estratéxica”. Perderon a razón? É que non entenden que canto máis éxito teñan nese propósito, máis perigosa se vai poñer a situación?
O que se hai que preguntar, como di Neu, é se os dirixentes da maior potencia nuclear do mundo aceptarían unha derrota no terreo militar convencional, coas exixencias dos europeos que se desprenden diso, é dicir, se se resignarían á perda do seu status de gran potencia e á posible desintegración da Federación Rusa, sen recorrer a un ataque nuclear para evitala.
A situación é moito máis perigosa que durante as tensións da guerra fría, mais en Europa non hai conciencia diso.
[Artigo tirado do blog do autor, do 18 de maio de 2026]