Este 17 de maio, Queremos Galego convoca manifestación “de unidade” a prol da lingua en Santiago
A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 500 colectivos sociais de todo tipo e da que a CIG fai parte, ten convocada manifestación para este 17 de maio baixo o lema “en galego sen límites”. A manifestación percorrerá as rúas de Santiago de Compostela saíndo ás 12h da Alameda.
Co lema “en galego sen límites” a plataforma cidadá pretende pór en evidencia os innumerábeis obstáculos para vivirmos en galego con normalidade, e a exclusión sistemática do idioma da maioría dos espazos. Para o portavoz da plataforma, “esta exclusión mostra o Apartheid lingüístico legalizado no que aínda vive o pobo galego”.
Para o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, “a sociedade galega é cada vez máis consciente de que a exclusión da súa lingua é a negación do seu dereito a existir con dignidade”. Para Maceira, “isto é o que explica o aumento da demanda de galego en todos os ámbitos”. Porén, sinalou, “esta demanda non só non é atendida senón que nos últimos anos sufrimos un importante retroceso acelerado por quen precisamente ten a obriga legal do contrario, o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijoo.
O representante de Queremos Galego indicou que as promesas incumpridas de posibilidade de uso pleno e normal da lingua propia, contidas no Estatuto e na Lei de normalización lingüística, xunto cos importantes retrocesos, son os que ademais provocaron unha reacción social a favor do galego cada vez máis ampla e máis estendida que se visualizará unida, máis unha vez, este 17 de maio. “Esta reacción colectiva é a que permitirá reverter o proceso de substitución lingüística” afirmou, e engadiu que “a garantía de futuro do galego está na forza e na dignidade do pobo galego.
Esta forza e dignidade inmensa a de todas as galegas e galegos sen distinción é a que convocamos para este 17 de maio en Compostela. Entre todas e todos podemos mudar a situación e por iso será unha grande manifestación de unidade en torno ao noso idioma.