Este 10 de Marzo, a CIG mobilizarase pola recuperación dos nosos dereitos, contra a precariedade e a pobreza
O próximo 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, a CIG mobilizarase pola recuperación dos nosos dereitos laborais e sociais e contra a precariedade e a pobreza. Nesta data reivindicativa, a central sindical chama a participar nas manifestacións que ten convocadas en Ferrol e Vigo para combater e derrotar todas as contrarreformas que nos impuxeron e para esixir emprego, salarios e unhas pensións dignas.
Mobilizacións do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega
- Ferrol, ás 12:00 horas manifestación dende o local do sindicato (Avenida do Esteiro) até o monumento ao 10 de Marzo, onde se realizará a tradicional ofrenda floral.
- Vigo, ás 12:00 horas manifestación dende o cruce da Dobrada.
Medra a precariedade e a pobreza laboral
Despois de oito anos de crise económica e dos efectos das reforma laborais e sociais, que dende o 2010 se nos están a impor, primeiro co Goberno do PSOE, e desde o 2012, co Goberno do PP, vai en aumento o retroceso das nosas condicións de vida e dos nosos dereitos laborais e sociais.
A precariedade e a pobreza laboral, o medre das contratacións a xornada parcial, dos contratos que duran horas, días ou como máximo unha semana, a caída dos salarios, o aumento dos e das traballadoras con ingresos inferiores ao SMI, ou quen estando no paro non percibe ningunha prestación por desemprego, é unha realidade que vai camiño de ser estrutural.
Na negociación colectiva, consolídase un novo marco que descaradamente favorece ao capital, individualizando as relación laborais, materializando o ataque aos nosos dereitos a través da reforma laboral e da centralización da negociación colectiva, coa imposición de convenios estatais fronte aos provinciais e de ámbito galego.
Corremos o perigo da consolidación dunha situación social sen saída, dun empobrecemento xeneralizado e do asentamento, de forma permanente, das novas formas de explotación laboral, das cadeas interminábeis de subcontratación, dos falsos autónomos, de empresas multiservizos, xunto cunha interminábel emigración que, desde o comezo da crise, significou a marcha da Galiza de 153.000 mozos e mozas.
A submisión da Xunta de Galiza
Ás negativas consecuencias de todo isto, súmanselle as actuacións servís e submisas do Goberno de Feixoo ás políticas neoliberais emanadas da Unión Europea e de Madrid. Fronte á grave destrución dos nosos sectores produtivos básicos, o desmantelamento industrial, o espolio que sufrimos da nosa enerxía, do noso aforro, das nosas materias primas e do noso excedente económico; a única preocupación do Goberno da Xunta é facilitar a aplicación de leis, como a Lei de Depredación (Lei de Fomento Empresarial), que condenan a Galiza a non poder utilizar os nosos recursos para o noso desenvolvemento industrial e para a creación de emprego digno.
As pensións, no punto de mira
A escalada de ataques aos dereitos laborais e aos dereitos sociais, ten tamén posto o punto de mira no sistema público de pensións, promovendo de forma constante escenarios apocalípticos e catastrofistas sobre o futuro das pensións públicas, coa intención clara de implantar un sistema de pensións privados.
As últimas reformas ao sistema -tanto a do 2011 (pactada polo Goberno do PSOE co UGT, CCOO e a patronal), como a do 2013 (co goberno do PP)-, amplían a idade de xubilación e o número de anos para calcular a base reguladora, ao tempo que introducen factores, como o chamado de factor de sustentabilidade (que empezaría a aplicarse a inicios do ano 2019), que afondan nas dificultades para acceder a unha pensión pública e no empobrecemento das mesmas.
Persecución da contestación social
O recorte de liberdades e o retroceso democrático, coa chamada Lei Morzada e o Código Penal, pretende criminalizar e reprimir a nosa resposta ante esta situación. A utilización de todos os poderes do Estado para esta fin, leva a situacións propias do franquismo, como as duras condenas con pena de prisión de traballadores e traballadoras por defender os dereitos da clase traballadora, ou mesmo a existencia de presos políticos, por defender os dereitos nacionais dos pobos que integran o Estado español.
Resulta escandaloso, como o Goberno do PP, en minoría no Parlamento español, mantén estas políticas antiobreiras e antisocias, e incluso, pretende ir a máis, mentres as forzas de oposición e da teórica esquerda, son incapaces de promover proxectos de lei que tiren abaixo todas estas políticas e estas contrarreformas laborais e sociais que tanto mal están a facer a clase traballadora.
Nesta dura e grave situación, é lamentábel ver o papel de UGT e CCOO co Goberno do PP e coa patronal, cociñando novos pactos sociais, como o recentemente acordado sobre SMI, sen importarlles asumir que están a colaborar na perda de dereitos, na aplicación das reformas laborais e das novas formas de empobrecemento da clase traballadora.
Chamamento á mobilización
Desde a CIG chamamos á mobilización xeral, á mobilización na negociación colectiva, como a vía para combater e derrotar todas estas reformas e para avanzar na recuperación dos nosos dereitos e dos nosos salarios.
Os tempos que corren demostran tamén as claras, como no ano 1972, a necesidade de esixir democracia real, de poder decidir por nós mesmos/as, como clase traballadora e como pobo galego. Galiza é unha Nación, e como tal, ten dereito á soberanía política. Facer valer os nosos dereitos, será frear todas estas lesivas políticas antiobreiras, antisociais e antigalegas, e permitirá camiñar cara unha situación de emprego, salarios, pensións e condicións de traballo dignas.