Estados Unidos: un abismo no centro

Atilio A. Boron - 12 Nov 2024

Nada bo se pode esperar de Trump, e tampouco de Harris, entre outras cousas porque a política cara a Latinoamérica e o Caribe decídea o “estado profundo” e en moi pouca medida os presidentes do momento. Para Washington A Nosa América é unha rexión de acceso exclusivo e excluínte para os Estados Unidos

 A rotunda derrota de Kamala Harris nas recentes eleccións presidenciais dos Estados Unidos certifica, por enésima vez, que cando unha sociedade foi gañada por unha xeneralizada crispación as propostas mornas, moderadas, evasivas como as expostas pola candidata demócrata son o seguro camiño para sufrir un esmagador revés electoral. O malhumor social producido por frustracións de tipo económico ou político; ou polo temor perversamente infundido pola clase dominante; ou polo odio direccionado en contra de categorías sociais estigmatizadas, os inmigrantes de orixe latina no caso norteamericano, fai que a cidadanía sexa atraída por quen mellor sintoniza coa súa carraxe e a súa frustración. E Trump apareceu ante os ollos de millóns como alguén disposto a pór fin a ese estado de cousas. Conclusión: cando as circunstancias sociais están marcadas pola falta de moderación. a moderación convértese nun pecado. E a candidata demócrata cometeuno.

 Harris certamente correu con desvantaxe. Entrou moi tarde na campaña, produto da inesperada derruba da candidatura do presidente Joe Biden despois do fatídico debate con Donald Trump. Aínda por riba de males, a súa xestión como vicepresidenta tivo un ton gris que pouco ou nada axudou a construír unha imaxe presidenciábel e atractiva ante os ollos da opinión pública. E unha sociedade bombardeada pola continua prédica catastrofista da ultradereita, encirrados os seus peores instintos tribais polo demencial conspiracionismo de Trump e os seus voceiros falando dun país “invadido” por indesexábeis estranxeiros, mal podía prestar o seu apoio a quen era vista como corresponsábel de tan infausta situación, tendo en conta da súa condición de vicepresidenta dos Estados Unidos.

 Os demócratas e os seus partidarios no establishment académico e no corrupto ecosistema mediático confiaban que dado que “os números da macro” eran positivos a poboación recompensaría os seus gobernantes ratificando a continuidade do liderado demócrata. Pero tal como sabemos moi ben na Arxentina, o feito de que certos “números da macro” luzan como moi favorábeis pouco ou nada teñen que ver coas condicións concretas de vida imperantes nunha sociedade. Isto é especialmente certo nos Estados Unidos, o país coa peor distribución dos ingresos entre os capitalismos desenvolvidos e caracterizado por un persistente aumento da desigualdade. Exemplo: o CEO que en 1965 gañaba vinte veces o que unha traballadora media da súa empresa en 2018 lograra que os seus ingresos fosen 278 veces superiores ao dos seus operarios, e a cifra seguiu aumentando despois da pandemia. Os fogares de clase media que en 1970 captaban o 62 % do ingreso nacional, para o 2018 a súa participación caeu ao 43 %. Con estes algarismos á vista Bernie Sanders, reelecto senador por Vermont, dixo que nada de sorpresa tivo esta derrota porque o partido Democrático abandonou a clase traballadora, e esta fixo o propio con ese partido e en gran medida pasou a conformar as hostes plebeas de Trump.

 A suicida deriva cara á dereita dos Demócratas facilitou a esmagadora vitoria do magnate. En varios temas chave era moi difícil discernir cal era a diferenza entre este e a súa adversaria. Harris e o magnate neoiorquino competían a ver quen apoiaba con máis énfase o xenocidio perpetrado polo réxime sionista en Gaza, o Líbano e Siria. Harris mesmo era máis militarista que Trump á hora de falar sobre a situación en Ucraína. Ambos consideraban a China como unha inimiga dos Estados Unidos. As súas diferenzas no tema inmigratorio reducíanse a algúns matices e ningún facía a menor alusión á extraordinaria concentración da riqueza experimentada nos últimos anos e moito menos suxería as reformas tributarias capaces de atenuala. As diferenzas entrambos os candidatos eran discerníbeis nun tema sensible como o aborto -sensíbel, digámolo, para un sector do electorado feminino, non para todos- onde mentres Harris aparecía como moi asertiva Trump facía gala dos seus grandes dotes de demagogo para eludir a tempo calquera pregunta respecto diso.

 En conclusión: Trump chega á Casa Branca dotado de poderes case omnímodos. Gaña a presidencia nos colexios electorais, onde obtivo 295 votos contra 226 de Harris. E tamén a elección no voto popular, onde logrou pouco máis de 72 millóns de votos, o 50.9 % do total (e case cinco millóns máis que a súa rival). Ademais, conta con maioría no Senado, case a maioría na Cámara de Representantes e seis dos nove votos da Corte Suprema, que xa puxo a traballar para pechar as 34 causas pendentes que pesaban sobre o hoxe presidente electo.

 Cal é o significado deste resultado para os países latinoamericanos? En principio supúñase que Harris seguiría as pegadas de Barack Obama e tería unha actitude un pouco máis dialogante e respectuosa cos países da rexión. Pero o saldo de Obama é complexo: continuación das relacións diplomáticas con Cuba pero tamén unha infame orde executiva declarando a Venezuela unha “ameaza excepcional e inminente” á seguridade nacional dos Estados Unidos. Trump non agochou o seu desprezo aos países da rexión, insultándoos como fixo de forma aínda máis acentuada nesta campaña e cumprindo o seu mandato sen visitar nin un país da área. Foi á Arxentina en 2018 pola reunión do G20 e a Porto Rico cando o furacán María en 2017. Pero pouco antes de finalizar o seu mandato ordenou incluír a Cuba entre os países promotores do terrorismo, unha decisión que implica un tremendo golpe no terreo económico e financeiro. Queixouse, ademais, da estupidez (segundo as súas palabras) dos demócratas porque cando estaba a piques de se apoderar do petróleo venezolano aqueles deixárono escapar e, dixo: “agora temos que pagarllo a Maduro!”. É dicir, nada bo se pode esperar de Trump, e tampouco de Harris, entre outras cousas porque a política cara a Latinoamérica e o Caribe decídea o “estado profundo” e en moi pouca medida os presidentes do momento. Para Washington A Nosa América é unha rexión de acceso exclusivo e excluínte para os Estados Unidos, que debe escorrentar por todos os medios posíbeis os forasteiros malignos, Laura Richardson dixit, como Rusia, China e Irán. Pero coido moi pouco probábel que Trump decida aplicar a “carta militar” contra Cuba ou Venezuela, porque tal medida podería reeditar o fracaso sufrido en Afganistán ou en Vietnam e, ademais, tería gravísimas resonancias en todo o sistema internacional porque indirectamente afectaría a China e, en menor medida, a Rusia e Irán. O máis probábel é que Trump endureza aínda máis o bloqueo a Cuba e aumente o aparato de medidas coercitivas unilaterais aplicadas en contra de Venezuela, ambas en aberta violación da legalidade internacional. Por iso hoxe é preciso reforzar a solidariedade con estes países, brancos privilexiados das ambicións imperiais no ámbito xeopolítico do Gran Caribe. E por iso mesmo resulta incomprensíbel o veto brasileiro ao ingreso de Venezuela aos BRICS así como é digna de toda gabanza o fundamental apoio que México lle veu brindando á Revolución Cubana.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino Página12, do 10 de novembro de 2024]