Estados Unidos, que democracia?

Adrián Sotelo Valencia - 09 Nov 2020

Calquera representante do executivo da Presidencia Imperial, independentemente do partido ao que pertenza (Republicano e Demócrata) esencialmente non cambia nin a vocación nin as prácticas imperialistas de Estados Unidos: como máximo imprímelles o seu peculiar xeito de gobernar e de tomar as decisións, pero no marco inalterábel da súa política imperialista en todo o mundo

 En Estados Unidos contende un só proxecto, o imperialista con dúas variantes: o Partido Demócrata e o Republicano.

 Historicamente o capitalismo imperialista construíu coordenadas e parámetros xeopolíticos e estratéxicos da súa actuación no espazo mundial e rexional. As primeiras definen a localización e posición en distintos puntos e espazos da terra onde xeralmente se establecen bases militares para custodiar e reproducir os seus intereses. Actualmente calcúlanse en máis de 800 as bases que Estados Unidos ten instaladas a nivel global, 9 das cales están en Colombia. Os parámetros son aqueles que guían a acción imperialista en termos do cumprimento dos obxectivos estratéxicos estipulados nas coordenadas. No réxime oligárquico antidemocrático norteamericano, no marco deses parámetros e coordenadas, a orixe do Colexio Electoral (Electoral College) remóntase á ratificación da Duodécima Enmenda da Constitución (The Twelfth Amendment XII do ano 1804) que mandata a integración de 538 membros da elite política dese país, dos cales 270 son os que deciden quen será o elixido para “gobernar” unha poboación de máis de 300 millóns de persoas. Esta configuración institucional do College fai practicamente imposíbel que se poida instituír dentro da democracia representativa formal, como noutros países, o réxime do voto universal, directo e secreto, o cal implicaría levar a cabo unha profunda e radical reforma constitucional que é practicamente imposíbel nas actuais circunstancias dunha país en crise e de devalar da súa hexemonía internacional, posto que o actual sistema é completamente favorábel e congruente coas prácticas e intereses das clases dominantes norteamericanas que exercen o poder a través dos dous partidos de clase dominantes: o demócrata e o republicano que, en esencia, son afíns ás políticas imperialistas e proto-capitalistas (respecto diso véxase o libro de George William Domhoff, ¿Quién goberna Estados Unidos?, Siglo XXI, México, 13ª ed., 1982).

 Se algo pon de relevo a actual contenda electoral -mesmo coa proclamación do triunfo do demócrata Joe Biden, e independentemente de que o magnate perdedor leve ou non a súa impugnación á Suprema Corte de Xustiza alegando que houbo fraude electoral demócrata (sic)- é o profundo réxime antidemocrático que prevalece nese país practicamente desde a súa constitución onde o chamado voto popular ten un papel secundario posto que, a diferenza doutros sistemas políticos modernos e avanzados como o venezolano, entre outros, o electorado vota de xeito indirecto a través dos devanditos delegados, como ocorría en Brasil despois da ditadura coa elección do primeiro presidente da “democracia”, Tancredo Neves, e que desencadeou un poderoso movemento popular e cidadán denominado ‘Diretas Já’ que transformou o sistema político do país ao instituír o voto directo da poboación para elixir o presidente.

 Ademais do obsoleto e anticuado das formas de votación da cidadanía e da contaxe dos votos que realiza cada Colexio Electoral Local de xeito, mesmo, manual, existe unha elección indirecta, elitista e aristocrática centrada no Colexio Electoral onde o presidente do país é “elixido” indirectamente ao obter un mínimo de 270 votos (50% 1) recollidos das achegas de cada un dos Estados, especialmente dos que se consideran estratéxicos polo caudal de votos que achegan como California (55 votos), Texas (38), Nova York (29), Florida (29) e Pensilvania (20). De tal sorte que esa pseudo democracia electoral abre a posibilidade de que o que perde co voto popular e cidadán poida gañar no College por unha minoría que o designa, como foi o caso de George W. Bush no ano 2000 e do actual da Casa Branca, Trump, que agora pretende repetir o mesmo procedemento fraudulento autoproclamándose gañador e ameazando con acudir á Corte Suprema en virtude de que considera que se cometeu unha monumental fraude electoral na súa contra.

 O anterior agocha o verdadeiro carácter autoritario do sistema político e electoral que os falcóns de Washington exportan e impoñen a sangue e lume a outros países cando así convén aos seus intereses de dominación imperialista, como exemplifica a historia recente de América Latina coa experiencia máis recente do golpe policial-militar e cívico perpetrado en Bolivia co amplo apoio e contubernio da OEA de Almagro, do chamado Grupo de Lima e dos persoeiros da Unión Europea, e antes cos “golpes brandos” (parlamentarios ou xudiciais) en Honduras, Paraguai e Brasil, perpetrados co apoio e incitación de Washington.

 Polo tanto, en Estados Unidos a palabra “democracia” é un concepto oco que proxecta un eufemismo que encobre o verdadeiro carácter autoritario do réxime político norteamericano que, como dicimos, moi dificilmente poderá ser reformado para dar paso á elección do presidente e do vicepresidente en eleccións directas.

 Deste xeito mentres o goberno de Trump, á vez que bloquea e “sanciona” países soberanos como Cuba, Nicaragua e Venezuela, ao mesmo tempo descoñece os seus sistemas democráticos de elección popular e arremete con furia contra os procesos que garanten unha ampla participación popular nos asuntos deses Estados. En cambio, non admite observadores internacionais nin verificacións externas que validen os resultados da elección. A “misión de observadores da OEA” limitouse a declarar nos comicios norteamericanos ‘sen novidade’, malia as múltiples violacións cometidas por Trump á constitución ao descoñecer o proceso electoral acentuándoo de fraudulento no medio do reconto dos votos, autoproclamarse, ao estilo Guaidó, presidente gañador e emitir chíos falsos e ameazantes. Un imperialismo unilateral que dita as súas propias normas e imponas a sangue e lume a terceiros países.

 Porén, hai que aclarar que calquera representante do executivo da Presidencia Imperial, independentemente do partido ao que pertenza (Republicano e Demócrata) que sexa elixido polo College of Electors esencialmente non cambia nin a vocación nin as prácticas imperialistas de Estados Unidos: como máximo imprímelles o seu peculiar xeito de gobernar e de tomar as decisións, pero no marco inalterábel da súa política imperialista en todo o mundo.

 Neste contexto hai que albiscar as diferenzas, por exemplo, entre Barak Obama e Donald Trump en varias materias como inmigración e Tratados de Libre Comercio; intervencionismo estranxeiro e ataque a nacións, guerras e política doméstica, por exemplo, en materia de saúde e de cidades santuario, para mencionar algúns temas de interese. Diferenzas que por suposto se irán a advertir entre Donald Trump e o candidato electo, Joe Biden no caso en que este último quede elixido como presidente do país, en materias como saúde co coronavirus que atinxe masivamente á poboación, salarios, políticas de emprego e inmigración. Isto sinxelamente porque corresponde a un sistema imperialista, tal como retratoun Lenin e outros analistas marxistas Foster, 2015) que, coa chegada de Trump e agora de Biden -memso de calquera outro personaxe que sexa electo no futuro- non altera a súa esencia que o retroalimenta e reafirma no sistema capitalista mundial do cal, por certo, é un protagonista activo aínda que cada vez máis con problemas e en relativa decadencia no plano internacional (ilustra esta caída relativa de Estados Unidos, mesmo, no plano militar, o libro de Jacques Sapir. El nuevo siglo XXI. Del siglo americano al retorno de las naciones, El Viejo Topo, Madrid, 2008).

 O presidente de Estados Unidos, debe quedar claro, é un xenuíno representante do imperialismo global que realiza un traballo ad hoc para un sistema que se comezou a construír a partir da segunda metade do século XIX -o imperialismo en tanto sistema económico, político e de dominación- e que ten como raison d?être a expansión territorial, o espolio dos pobos e as comunidades; de países e rexións enteiras que, cando o anterior lle resulta insuficiente ou obstaculizado, non dubida en recorrer ao uso da forza e, en última instancia, á guerra. Por iso é completamente secundario se a Presidencia Imperial a ocupa Bush, Obama, Clinton, Trump ou Biden. Como máximo, o único que cambia é “o estilo de gobernar” mais dentro desta orde estrutural dos intereses xeopolíticos e militares que a sobredeterminan, e cuxa síntese é a expresión da unidade da cúpula militar e financeira dentro do bloque de poder imperialista estadounidense.

 O que queremos sinalar é que este curso dos acontecementos non cambia polo feito de que sexa electo tal ou cal persoeiro como presidente Estados Unidos, o cal, como dixemos, depende e é sobredeterminado por esas coordenadas e parámetros xeopolíticos e estratéxicos da súa actuación no espazo mundial. É por todo iso polo que resulta unha ilusión, por dicir algo, pensar que o curso da historia habería cambiar radicalmente se no canto de ser electo presidente Trump no seu momento, o fose Hilary Clinton, ou outra persoa, incluíndo a Joe Biden. En todos os casos non varía o comportamento imperialista de Estados Unidos, por exemplo, en América Latina en materia de intento de derrocamento dos gobernos progresistas (Venezuela, Bolivia e Ecuador) ao abeiro do que xa fixeron en Arxentina e, mediante o golpe de Estado parlamentario-institucional, no Brasil de Temer en beneficio dos intereses norteamericanos, do FMI e do BM.

 Esquecer esa premisa é atribuír a factores conxunturais, secundarios e subxectivos a dinámica esencial dos cambios tales como a elección dun candidato, as modalidades da súa actuación, as súas boas ou malas intencións persoais en relación coa toma de decisións e, mesmo, as súas ameazas, no seu momento, de cancelar un instrumento de dominación como o TLC e confiscar as remesas como advertiu ameazante en varias ocasións o señor Trump en relación con México. É non entender que os fenómenos sociais e humanos discorren e se constitúen como produtos globais historicamente determinados que articulan dialacticamente múltiples relacións que explican a súa natureza e a súa dinámica dentro dunha totalidade concreta. Estes feitos, insistimos, son propios dun sistema imperialista independentemente de quen o encabece. Debido ao anterior, é que as forzas antiimperialistas e anticapitalistas non deben albergar ilusións nun réxime e nos seus representantes, que responde ás dinámicas de dominación política, de acumulación de capital e de perpetuación da orde capitalista existente en crise e en devalar histórico. Ademais, hai que aclarar que o imperialismo non se reduce á acción dun país, como pode ser Estados Unidos, Alemaña, Francia ou Inglaterra, e nin sequera a un bloque, como a OTAN; ou a unha rexión, como a Unión Europea; senón que, máis ben, corresponde a un sistema global dentro da propia estrutura de funcionamento do modo de produción capitalista histórico de produción na súa actual fase caracterizada como neoimperialista se ao concepto orixinal formulado creativamente por Lenin e por outros autores marxistas engadimos novos fenómenos incorporados nas últimas décadas no mundo, tales como o capital ficticio, o desenvolvemento inusitado da tecnoloxía, a informatización de procesos e produtos, o despregamento da chamada globalización e da revolución industrial 4.0; a simultaneidade das transaccións comerciais grazas aos sistemas interconectados por medio da tecnoloxía informática e a intelixencia artificial. En palabras de John Bellamy Foster (El nuevo imperialismo, El Viejo Topo, Barcelona, 2015, p.37): “A cuestión do ‘novo imperialismo’ redúcese á cuestión do neoliberalismo ou calquera encarnación especialmente brutal de expropiación”.

 Neste contexto, independentemente do personaxe que ocupe a Presidencia Imperial, entendida como unha expresión concreta do imperialismo contemporáneo e unha simbiose entre as corporacións e o Estado norteamericano (véxase a John Saxe-Fernández, Terror e imperio. La hegemonía política y económica de Estados Unidos, Debate, México, 2006 e Artur Schlesinger, The Imperial Presidency, Nova York, Houghton Mifflin, 1973) que se expresa na preeminencia do poder executivo, o presidente do momento debe moverse nas determinacións que fixan tanto a Constitución Política como os parámetros e as coordenadas dun sistema imperialista que, para se reproducir, necesariamente ten que o facer cumprimentando as accións de despregamento dos investimentos, de apropiación de territorios, invasión de países, imposición de políticas de calquera signo (proteccionistas ou librecambistas ou a súa combinación), reservándose en calquera momento recorrer ao uso da forza e, en última instancia, á guerra como aconteceu recorrentemente na historia de Estados Unidos, como sucede actualmente cunha parte do territorio sirio que ese país ocupa ilegalmente mediante a forza do mesmo xeito que en Iraq e Libia.

 Aínda que ante a xenofobia, o racismo sistémico, a segregación racial e a prepotencia fascista do presidente Trump e dos seus falcóns practicados durante os catro anos da súa errada administración, o pobo norteamericano se viu levado a votar polos demócratas motivado, en boa mediada, pola crise económica, o coronavirus, o enorme desemprego estrutural, a pobreza e pola ausencia dun proxecto alternativo, porén, é preciso entender que Estados Unidos non deixará de levar adiante as súas prácticas imperialistas nun contexto de crise estrutural e sistémica, así como de perda da súa supremacía que experimenta nun mundo multipolar en ascenso caracterizado pola chegada de indubidábeis potencias como China, Rusia, Irán, A India que o capital e as clases dominantes norteamericanas ven como verdadeiros inimigos, sen esquecer os intentos de impoñer na nosa América un redivivo macartismo furiosamente anticomunista e a nefasta Doutrina Monroe que orienta a súa política e estratexia nos últimos anos.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 9 de novembro de 2020]