Estados Unidos: O regreso das folgas vitoriosas e as perspectivas de futuro

Sharon Smith - 29 Nov 2023

Por riba de todo, as recentes folgas anovan a esperanza aos traballadores de que é posíbel lograr o que até hai pouco parecía imposíbel. Quizais o máis importante neste momento sexa recoñecer que a clase traballadora recuperou a esperanza, tras un longuísimo período de desalento, o que constitúe o requisito mínimo para o éxito futuro do traballo

 Nos últimos meses, o nivel da loita de clases empezou por fin a se elevar nos Estados Unidos, tras catro décadas de duras derrotas laborais.

 Este ano houbo máis días laborábeis perdidos por folgas que en calquera outro ano das dúas últimas décadas. Ademais, estas folgas -multirraciais e multixeracionais- demostraron a confianza e a determinación dos traballadores, especialmente da xente nova, que poden facer realidade reivindicacións que parecían imposíbeis hai apenas un ano.

 Os sindicatos en folga organizaron piquetes masivos e grandes manifestacións este ano, sobre todo entre os guionistas e actores de Hollywood, os traballadores sanitarios, os profesores e os traballadores do sector do automóbil. Estas grandes, e ás veces enormes, protestas representan un cambio radical con respecto ao escenario típico de folgas das décadas anteriores, cando as empresas recorrían a mandatos xudiciais que limitaban o número de piquetes a case nada, o que implicaba unha guerra de desgaste contra os seus empregadores, moito máis fortes, que contrataban a substitutos permanentes, nun panorama desolador para os traballadores.

 Até o 14 de novembro, houbo 366 paros laborais nos Estados Unidos este ano, algo menos que os 424 paros laborais de 2022. Mais a gran diferenza é a cantidade de traballadores que participaron: aproximadamente medio millón de traballadores no que vai de 2023, máis do dobre dos 224.000 do ano pasado.

 Pero máis aló das cifras, o carácter da loita de clases cambiou radicalmente.

 A última vez que esta cantidade de traballadores participou en paros laborais foi en 1993, cando algúns traballadores especializados da industria lanzaron un último esforzo desesperado para evitar máis concesións na ofensiva patronal que viña facendo estragos desde 1979. Os seus esforzos, con todo, non foron suficientes para contrarrestar a ferocidade das grandes empresas. A mediados do noventa, os traballadores de empresas como Caterpillar, Bridgestone/Firestone e Staley Manufacturing sufriron importantes derrotas paralizantes, das que o movemento obreiro non se recuperou aínda(1).

Combatividade crecente da clase traballadora

 Xa en 2022 houbo signos evidentes da crecente combatividade da clase obreira. O máis importante é que, despois de que as compañías ferroviarias alcanzasen un acordo preliminar cos 12 sindicatos ferroviarios en setembro, os traballadores de catro dos sindicatos -pero que representan a maioría da man de obra ferroviaria- votaron en contra do acordo. O principal punto de fricción era a demanda de días de baixa por enfermidade remunerados. Os transportistas, empresas altamente rendíbeis, alegaron que non podían pagar ningún. O presidente Joe Biden invocou a Lei de Traballo Ferroviario de 1926, que permite ao Congreso impedir a folga dos traballadores. Despois de que un proxecto de lei que concedía aos traballadores sete días de baixa por enfermidade fose aprobado pola Cámara, pero fracasase no Senado, o Congreso impuxo finalmente un acordo sen ningún día de baixa por enfermidade.

 As folgas deste ano (e a «case-folga» dos 340.000 traballadores de UPS a finais de xullo) foron loitas a grande escala e, debido a iso, atraeron considerabelmente a atención dos medios de comunicación, o que permitiu que se coñecesen publicamente os baixos salarios e as malas condicións laborais ás que se enfrontan estes traballadores sindicados. Ademais, os conflitos dos traballadores do automóbil e dos teamsters marcaron a reaparición dos traballadores de industrias chave no centro da loita de clases tras moitos anos de ausencia.

 A xente apoiou os folguistas en todos estes conflitos cunha proporción de dous a un, a mesma proporción pola que a xente apoia os sindicatos en xeral, que é máis alta que nunca desde 1965. Todo isto indica un aumento da conciencia de clase na poboación en xeral.

 Actualmente hai un sentimento moi estendido de rebeldía de clase nos Estados Unidos -por mor dos enormes beneficios empresariais, os elevadísimos salarios dos directivos, os baixos soldos e as malas condicións laborais- e a clase traballadora podería identificarse cos folguistas: miles de guionistas e actores de Hollywood que loitan por pagar o alugueiro e a cobertura sanitaria; choferes de UPS que traballan baixo temperaturas sufocantes en camións sen aire acondicionado; traballadores do sector automobilístico cuxos salarios reais (axustados á inflación) baixaron case un 20% desde 2008. E, entrementres, as grandes empresas que empregan a estes traballadores acumulan beneficios.

Grandes vitorias tras décadas de derrotas

 Se cadra, o máis importante é que os traballadores que se levantaron contra as corporacións lograron importantes vitorias en todos os ámbitos por primeira vez desde hai décadas. O mes pasado, o xornalista Steven Greenhouse describiu a «vaga de impresionantes –ás veces sorprendentes» aumentos salariais nos acordos sindicais deste ano:

 En agosto, 15.000 pilotos de American Airlines conseguiron aumentos salariais do 46% para un período de catro anos. Os teamsters de UPS obtiveron aumentos de 7,50 dólares a hora para os próximos cinco anos, mentres que o salario dos condutores subiu a 49 dólares a hora e os traballadores a tempo parcial recibiron un aumento salarial media do 48%.

 Ao remate dunha folga de tres días a principios deste mes, 85.000 traballadores de Kaiser Permanent conseguiron aumentos do 21%, así como un salario mínimo de 25 dólares para os traballadores de Kaiser en California. En marzo, 30.000 traballadores do distrito escolar de Los Ángeles -condutores de autobús, traballadores da cafetaría e axudantes de profesores- conseguiron un incremento salarial do 30% para os próximos catro anos. En Oregón, 1.400 enfermeiras do hospital Providence de Portland conseguiron aumentos de entre o 17% e o 27% nos próximos dous anos.

 Os traballadores en folga conseguiron este ano todo o que reclamaban? Por suposto que non. Unha soa folga non podería nunca recuperar 40 anos de recortes. Pero si obrigaron os seus empregadores a ceder en demandas que dicían nin sequera considerar. Os guionistas e actores de Hollywood mantivéronse firmes até que os estudos cinematográficos aceptaron por fin algúns termos do convenio sobre o streaming e os ingresos xerados pola IA. A folga da UAW non recuperou as pensións nin a asistencia sanitaria aos xubilados, pero resistiu até conseguir a COLA (axuste en función do custo da vida) e a representación da UAW nalgunhas plantas de vehículos eléctricos (EV), o que lle permitiu ao sindicato estar presente na toma de decisións das empresas.

 Pero as expectativas de moitos folguistas eran maiores este ano porque perderan moito durante as últimas catro décadas de guerra de clases unilateral. Algo que foi máis evidente entre os traballadores máis veteranos do sector do automóbil, que votaron en contra do novo convenio malia os enormes avances que supuña. Aínda que o acordo foi ratificado polo 64 por cento dos traballadores das Tres Grandes do automóbil, o apoio variou considerabelmente. Mentres que o 68,8% dos traballadores de Stellantis e o 69,3% dos de Ford votaron a favor, o convenio só foi apoiado polo 54,7% en General Motors. Significativamente, sete das 11 plantas de montaxe estadounidenses de GM rexeitaron o acordo.

 A razón do voto «si» máis baixo en GM tivo que ver coa maior proporción de traballadores con antigüidade elevada (e por tanto maiores) nas plantas. Estes traballadores soportaron décadas de recortes dos convenios e manifestaron o seu desacordo porque os fabricantes de automóbiles non quixeron restabelecer as pensións tradicionais nin a asistencia sanitaria despois da xubilación. Moitos destes traballadores máis veteranos votaron en contra do contrato nas Tres Grandes empresas (Big Three).

Por que agora e non antes?

 O recente rexurdir da actividade militante da clase obreira amosa un indicio do que será necesario para que se produza un cambio importante nas relacións de forza entre as clases nos Estados Unidos, que durante tanto tempo foron tan favorábeis ao capital.

 Subsiste unha pregunta obvia: por que non se produciu antes este ascenso da loita? Coa vantaxe da retrospectiva, a resposta é sinxela.

 A finais da década de 1970, as grandes empresas, axudadas polas súas dous partidos gobernantes, o Demócrata e o Republicano, lanzaron unha ofensiva sen cuartel contra o nivel de vida e a organización da clase traballadora, utilizando todos os medios ao seu alcance. Esta brutal ofensiva coñécese desde entón como «neoliberalismo» –prosperidade para os ricos, austeridade para a clase traballadora– e segue inspirando hoxe as políticas das clases dominantes de todo o mundo.

 Pero a carraxe de clase acumulada -sen loita- xurdiu cando os traballadores empezaron a pensar que existía a posibilidade de gañar se ían á folga.

 Podemos identificar claramente un conxunto de factores que confluíron para que un maior número de traballadores sentisen preparados para a folga:

1°- Existe unha conciencia moi estendida entre os traballadores de que as empresas están a acumular enormes beneficios, remunerando aos seus executivos e investidores (dividendos) a niveis abraiantes, polo que ben poderían pagar salarios e prestacións a quen xera eses beneficios.

 A pandemia non fixo senón exacerbar esa frustración, sobre todo entre os «traballadores esenciais», obrigados a arriscar a vida sen ningunha recompensa adicional, mentres que os beneficios dos seus empregadores subían de forma espectacular.

 Quizais as taxas elevadas de inflación que comezaron durante a pandemia freen algo nos últimos tempos, mais os prezos seguen sendo máis altos que antes da pandemia, e os salarios non están nin preto de compensar o aumento do custo dos produtos de primeira necesidade, como os alimentos e a vivenda.

 O Economic Policy Institute (EPI) -na súa publicación do 12 de setembro de 2023 sobre a dinámica salarial e os ingresos dos executivos no tres grandes fabricantes de automóbiles- sinala que:

  • Os beneficios das «tres grandes» da industria automotriz -Ford, General Motors e Stellantis- disparáronse un 92% entre 2013 e 2022, alcanzando un total de 250.000 millóns de dólares. As previsións para 2023 prevén máis de 32.000 millóns de dólares en beneficios adicionais.
  • A remuneración dos directores executivos das tres grandes empresas aumentou un 40% durante o mesmo período, e estas repartiron case 66.000 millóns de dólares en dividendos aos accionistas e en recompra de accións (cuxo aumento, entre outras cousas, dispara as primas dos directores executivos).
  • As concesións que fixeron os traballadores do sector do automóbil por mor da crise do sector de 2008 nunca foron compensadas, incluída a eliminación da indexación sobre o custo da vida. Como resultado diso, os salarios dos traballadores do automóbil, tanto sindicados como non sindicados, quedaron cada vez máis atrás respecto da inflación. Así, o salario medio real por hora diminuíu un 19,3% desde 2008.
  • Unha redistribución dos beneficios cara aos empregados é moito máis urxente agora que a industria se esforza por ser máis «ecolóxica», tanto na súa produción como na forma de fabricar coches e camións. Neste contexto, as Tres Grandes van recibir enormes subvencións, financiadas polo contribuínte, para apoiar a súa expansión na fabricación de vehículos eléctricos (VE) [o poder estatal apóiaas no contexto da competencia internacional]. Segundo o EPI e a UAW, «as políticas de transición cara aos VE e o potencial en materia económica e climática que prometen non van ser apoiadas se se lles volve a pedir aos traballadores e ás comunidades vinculadas a esta industria que sacrifiquen empregos de calidade».
  1. Un mercado laboral moi tenso. A taxa de desemprego mantívose por baixo do 4% durante máis tempo en comparanza con calquera outro momento desde os anos sesenta. Nunha enquisa da Fed de Nova York publicada en decembro do ano pasado, arredor do 58% das persoas preguntadas afirmaron que esperaban poder atopar un novo emprego se perdían o que tiñan. Por tanto, o risco de ir á folga é menor, sobre todo para os millóns de traballadores cuxos salarios e condicións laborais actuais non difiren moito dos doutros empregos de máis doado acceso.
  2. Industrias en expansión, sobre todo as que utilizan novas tecnoloxías. A diferenza dos anos setenta e oitenta, cando os fabricantes afirmaban sistematicamente que eran incapaces de competir debido á súa baixa produtividade (xa fose certo ou non), a maioría das grandes empresas actuais xa non poden alegar iso. Ademais, moitos sectores altamente rendíbeis, como o do lecer, están a adoptar novas tecnoloxías como a IA para aumentar a súa rendibilidade. No caso da industria automobilística, isto tamén significa poñerse á construción de vehículos eléctricos, financiados en gran parte polo investimento federal nos chamados sectores tecnolóxicos «verdes». Trátase dunha situación dobremente beneficiosa para as Tres Grandes fabricantes de automóbiles.
  3. Dirixentes sindicais reformistas. Aínda que os cambios na dirección sindical non son un imperativo para estimular a mobilización de clase, poden ser moi útiles, como demostraron os novos equipos elixidos para dirixir os teamsters e a UAW. O presidente dos teamsters, Sean O’Brien, e o presidente da UAW, Shawn Fain, presentáronse como candidatos reformistas, utilizando a linguaxe da loita de clases e expresando a súa vontade de loitar contra a patronal para obter o que lles corresponde aos seus membros.

 Este é en particular o caso de Shawn Fain, que levaba unha camiseta coa inscrición «Papar os ricos» («Eat the Rich») nunha conferencia de prensa cos medios de comunicación nacionais, e entre cuxos colaboradores chave hai activistas de esquerdas como Chris Brooks, antigo xornalista da rede Labor Notes. Durante toda a folga, Shawn Fain deixou claro que a loita da UAW se libraba en nome da clase obreira no seu conxunto. Tras a vitoria do sindicato, Shawn Fain declarou con clareza que a vitoria do sindicato sería «un punto de inflexión na guerra de clases que arrasa este país desde hai 40 anos».

 Shawn Fain só gañou porque, por primeira vez na súa historia, a UAW permitiu a todos os seus afiliados elixir directamente á dirección do sindicato. Fain gañou (en marzo de 2023) por unha marxe moi estreita. A súa lista «UAW Members United» conseguiu desbancar o atrincheirado e corrupto «caucus administrativo» que dirixira a UAW durante máis de 70 anos.

 Estes novos dirixentes da UAW seguiron unha estratexia que denominaron «folga de brazos caídos», ou folga de pé, seguramente en referencia ás folgas de brazos caídos que organizaran con éxito aos traballadores industriais na década de 1930. A folga de Flint [unha empresa que ocupaba un lugar central no grupo General Motors e que, antes da Gran Depresión, empregaba a uns 210.000 asalariados pagos por hora], que tivo lugar no inverno de 1936-1937, saldouse cunha vitoria que obrigou a xigantesca e ferozmente antisindical General Motors Corporation a recoñecer a UAW como representante dos traballadores nas negociacións.

 Esta modalidade de folga rompeu coa longa tradición da UAW de parar unicamente nunha das tres grandes fabricantes de automóbiles, esperando que as outras dúas empresas acatasen o acordo logrado. En lugar diso, a UAW actual convocou folgas nas tres fabricantes de automóbiles, pero elixiu as seccións locais do sindicato para organizar paros selectivos e en datas que o sindicato decidiría pola súa conta, deixando as tres empresas á expectativa de cal sería a seguinte planta na que farían folga. Desta forma, o sindicato tomaba a iniciativa, mentres que as empresas estaban obrigadas a esperar a decisión sindical. Esta estratexia deu os seus froitos, pero, a pesar diso, a folga aínda durou seis semanas antes de que o sindicato conseguise unha vitoria.

 Todos estes factores combinados contribuíron á magnitude e o carácter das folgas que tiveron lugar este ano, nas que os traballadores se senten máis confiados e resoltos a loitar polo que lles corresponde.

O futuro: solidariedade e loita

 Como sempre, a solidariedade e a vontade de loita determinan o que é posíbel no futuro. Estas recentes folgas permitíronnos dar un paso máis nesa dirección. E o que é máis importante, necesítase urxentemente unha nova forma de organizar a actividade sindical, que foi abandonada polos sindicalistas confinados nos límites estritos do lugar de traballo.

 Shawn Fain entendeuno moi ben. Afirmou con clareza: «Un dos nosos principais obxectivos tras esta histórica vitoria contractual consiste en organizármonos como nunca antes o fixemos». E engadiu: «Cando volvamos á mesa de negociacións en 2028, non será só coas Tres Grandes. Será con cinco ou seis grandes» [en referencia aos fabricantes de automóbiles nos que a presenza sindical é escasa ou nula].

 Shawn Fain e o equipo negociador da UAW tamén conseguiron cambiar a data de vencemento do contrato ao 30 de abril de 2028, o que permitiría -en caso de desacordo- que o primeiro día de folga coincidise co 1 de maio dese ano. Fixo un chamado aos demais sindicatos a faceren o mesmo, para que o meirande número posíbel de sindicatos se puidese mobilizarse no mesmo momento simbólico. Esta coordinación permitiría aos sindicatos «empezar a mover colectivamente os seus músculos».

 E engadiu: «Se realmente nos queremos enfrontar á clase dos multimillonarios e reconstruír a economía para que empece a funcionar en beneficio da maioría e non duns poucos, é importante que non só fagamos folga, senón que fagamos folga xuntos.» Shawn Fain presentou unha visión prometedora, pero só o tempo dirá se se pode converter en realidade. O proceso non será lineal, como demostra a realidade histórica. Hai moitos atrancos no camiño cara ao éxito, e superalos non será doado.

 Como dixemos, Shawn Fain foi elixido presidente da UAW por unha estreita marxe. Moitas seccións locais da UAW seguen estando dirixidas por partidarios do «caucus administrativo» [que controlaba o aparello da UAW]. Ademais, aínda que as tres grandes fabricantes de automóbiles sexan tomadas por sorpresa nesta folga, non van tardar en reaccionar.

 Algúns fabricantes estranxeiros en cuxas plantas non hai sindicatos –Hyundai, Toyota e Honda– aumentaron inmediatamente os salarios dos seus traballadores tras a vitoria da UAW, coa esperanza de evitar o impulso sindical dentro das súas propias empresas. En Toyota, Nissan, Volkswagen, Mercedes-Benz, Honda, Tesla e Hyundai aínda non hai sindicatos e -a menos que os seus traballadores consigan sindicarse superando os atrancos legais e internos á sindicalización- seguirán exercendo unha presión á baixa sobre os salarios. E é previsíbel que estas empresas loiten con uñas e dentes contra calquera novo intento de sindicalización nas súas plantas.

 Sen ningunha dúbida, os directivos das empresas estiveron vixiando de preto o aumento da militancia da clase traballadora nos últimos meses e estarán a deseñar as súas propias estratexias para desafiar calquera cambio no equilibrio das relacións de forza entre as clases que tan ben lles veu nas últimas décadas.

O papel dos marxistas

 Porén, existe actualmente a posibilidade de que a clase obreira consiga importantes vitorias non só nun futuro próximo, senón tamén a longo prazo. Por riba de todo, as recentes folgas anovan a esperanza aos traballadores de que é posíbel lograr o que até hai pouco parecía imposíbel.

 Aínda que todo isto pode semellar pouco realista, é importante recoñecer que, do mesmo xeito que as derrotas, as vitorias son contaxiosas e logran que a ampla conciencia de clase avance ás veces moi rapidamente. As vitorias deste ano fixéronse esperar.

 Ninguén pode predicir o que ocorrerá no futuro, mais unha das maiores contribucións que os marxistas son capaces de achegar á loita de clases é imaxinar o que podería ser posíbel, non só nos próximos pasos e os seguintes, senón tamén a máis longo prazo.

 Quizais o máis importante neste momento sexa recoñecer que a clase traballadora recuperou a esperanza, tras un longuísimo período de desalento, o que constitúe o requisito mínimo para o éxito futuro do traballo.

_____________________________________________________________________________

Nota:

(1) Stephen Franklin, Three Strikes: Labor’s Heartland Losses and What They Mean for Working Americans (The Guilford Press: xuño de 2001). Este libro presenta un relato polo miúdo desas tres folgas que foron esmagadas a mediados da década de 1990 e que acabaron por crebar o movemento obreiro industrial durante décadas.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web International Socialism Project, do 21 de novembro de 2023]