Estados Unidos: Non se está a entender por que gañou Trump
As políticas neoliberais de Trump continuarán a imporse, paradoxalmente envoltas nunha narrativa “obreirista” e “proteccionista” que entra en claro conflito coas políticas da administración Trump, que son fondamente hostís cara ao mundo do traballo a custo dun tratamento claramente preferencial cara ao mundo do capital
Na cobertura mediática do tsunami político que ocorre en EUA faise excesivo fincapé na figura de Trump e a súa idiosincrasia e comportamento atípico como presidente do país, sen analizar o contexto político que determinou tal elección, o que fai que non se estea a entender por que ocorreu tal tsunami. Atribuír este feito -a súa elección como presidente- predominante á súa figura é un erro de primeira magnitude, pois hai algo moito máis importante que Trump para comprender o que está pasando en EUA, e é entender por que máis de sesenta millóns de persoas votaron por el (case o 50% das persoas que foron votar fixérono por el). E o que é mesmo máis importante é entender por que a gran maioría da clase traballadora branca, que constitúe a maioría da clase traballadora estadounidense, votou por el. En realidade, a clase traballadora branca foi o centro da súa base electoral. Este é o punto máis importante que hai que entender. Sen comprender este feito, haberá moitos Trumps como presidentes nas próximas décadas en EUA.
Por que a clase traballadora votou a Trump?
En primeiro lugar, temos que facer unha aclaración, que é obvia, pero que semella descoñecida, ignorada ou ocultada nos grandes medios de información. En EUA (como en todos os países de Europa) hai unha clase traballadora distinta á clase media. En realidade, hai máis estadounidenses que se definen como pertencentes á clase traballadora que á clase media. Os datos están aí para aqueles que queiran velos. E o mesmo, por certo, ocorre na maioría de países da Unión Europea, incluíndo o Estado español.
Esta clase traballadora en EUA foi perdendo capacidade adquisitiva nos últimos trinta anos, desde os anos oitenta, coa elección do presidente Reagan, que iniciou as políticas neoliberais que constituían un ataque frontal á clase traballadora. As rendas do traballo como porcentaxe das rendas totais do país foron descendendo, pasando dun 70% de todas as rendas a finais dos anos setenta, a un 63% no ano 2012. O enorme endebedamento das familias estadounidenses (e o gran crecemento do sistema crediticio financeiro) baséase neste feito. Este descenso das rendas do traballo creou un problema, ao diminuír a demanda e o crecemento económico (posto que a maior parte da demanda procede do consumo orixinado polas rendas do traballo). Por outra banda, o crecemento do sector financeiro (que, como acabo de dicir, foi tamén consecuencia do descenso das rendas do traballo) e a escasa rendibilidade dos investimentos no sector produtivo da economía (onde se producen os bens e servizos) explican que medrasen os investimentos especulativos, creando as burbullas cuxa explosión (sobre todo a inmobiliaria) creou a Gran Recesión, consecuencia do comportamento especulativo do capital, facilitado polas políticas desreguladoras do capital financeiro.
A desregulación do comercio e da mobilidade de capitais investidores que prexudicou a clase traballadora
As políticas neoliberais, no seu obxectivo de incrementar a rendibilidade do capital, facilitaron a mobilidade das industrias manufactureiras a países con salarios máis baixos e con peores condicións laborais. Iso causou unha gran destrución de postos de traballo ben pagos no sector manufactureiro de EUA, ocupados na súa maioría pola clase traballadora branca. En realidade, abondaba con que os donos e xestores das industrias manufactureiras ameazasen os seus traballadores co traslado a outro país, para conseguiren rebaixas salariais e a aceptación de peores condicións de traballo. É lóxico, pois, que a clase traballadora, afectada por tal mobilidade de industrias a outros países con salarios moito máis baixos, odiase os tratados de libre comercio e os gobernos que os promovían. En realidade, os efectos de tal mobilidade aparecen claramente nos barrios onde viven os traballadores metalúrxicos na cidade de Baltimore (tales como Dundalk), un dos centros industriais máis importantes de EUA. O traslado dos altos fornos do aceiro (Bethlehem Steel Corporation) a outro país provocou unha enorme deterioración en tales barrios. Estas políticas neoliberais foron levadas a cabo por todos os gobernos federais, desde Reagan até Obama, sendo, por certo, máis acentuadas e promovidas polos presidentes demócratas Clinton e Obama, que polos republicanos.
Outra causa do enfado da clase traballadora: As limitacións dos programas sociais federais
O Estado do Benestar en EUA está moi pouco desenvolvido. Como resultado do enorme poder que os propietarios e xestores das grandes corporacións financeiras, industriais e servizos teñen sobre o Estado federal (o que naquel país se chamase a Corporate Class), os dereitos sociais e laborais están moi pouco desenvolvidos. Non hai, por exemplo, o dereito de acceso aos servizos sanitarios. En realidade, en EUA hai máis mortes debidas a falta de atención médica que á enfermidade da SIDA. Un indicador da crueza e insuficiencia do sistema sanitario estadounidense é que o 44% das persoas que se están morrendo (é dicir, que teñen enfermidades terminais) indican que están preocupadas por como elas ou os seus familiares poderán pagar as súas facturas médicas. Non hai plena consciencia en Europa de que EUA é o capitalismo sen luvas.
Non existe en EUA a universalidade de dereitos, é dicir, que unha persoa, por ser cidadá ou residente, teña un dereito en concreto. A provisión de servizos sanitarios, por exemplo, depende da renda dunha persoa, sendo os programas sanitarios do goberno federal (como Medicaid) de tipo asistencial, é dicir, de axuda aos pobres, que, erroneamente, se cre que son os negros (en realidade, a gran maioría de pobres en EUA son brancos, aínda que os negros son os máis pobres entre os pobres). Mais no imaxinario popular, entre a clase traballadora branca, considérase que son os negros os que se benefician máis destes programas federais, cuxos gastos cobren primordialmente cos impostos que pagan as clases populares. Desta percepción (errónea) créase o antagonismo da clase traballadora branca (que non se beneficia destas políticas federais asistenciais) cara ao goberno federal, por pagar, cos seus impostos, a asistencia sanitaria aos pobres (que consideran que son os negros). De aí a elevada impopularidade entre a clase traballadora branca dos programas antipobreza federais (que Trump quere diminuír radicalmente).
Que estivo facendo o partido supostamente de esquerdas, o Partido Demócrata?: As limitacións das políticas de identidade antidiscriminatorias
Un dos atractivos do modelo americano foi a posibilidade de ascender na escala social. A mobilidade vertical era a base do soño americano (The American Dream). Esta percepción daba pé a relativizar a clase social na que un cidadán nacía, posto que se asumía que podería ascender ás outras clases sociais, incluíndo a que se chamaba a clase alta.
Recoñecíase, porén, que tal mobilidade social se vía prexudicada pola discriminación que as minorías (como as afroamericanas) e as mulleres sufrían. Por iso é polo que, a partir da lexislación de dereitos civís, iniciada polo presidente Johnson (en resposta ao movemento liderado por Martin Luther King en defensa dos dereitos civís), o goberno federal estableceu as políticas antidiscriminatorias, como o punto central das súas políticas sociais, que tiñan como obxectivo facilitar a integración dos sectores discriminados dentro da mobilidade vertical, favorecendo a minorías e mulleres, aumentando con iso o seu número nas estruturas de poder político e mediático. A elección dun afroamericano, Barak Obama, como presidente, culminou este proceso entre os negros, e o intento da candidata Clinton tería o mesmo significado para as mulleres.
Agora ben, a maior discriminación que existe en EUA é a discriminación por clase social. A mortalidade diferencial por clase social é moito maior, por exemplo, que a mortalidade diferencial por raza ou xénero. É máis, a mortalidade diferencial por raza ten pouco que ver coa raza, senón con racismo. A discriminación racial pon a maioría de negros na clase traballadora non cualificada e peor paga. Tal discriminación de clase relativiza o soño americano, pois a mobilidade social, que permite o paso da clase traballadora ás clases máis podentes, foi sempre -en contra do mito do soño americano- moi limitada e menor, por certo, que en países como os escandinavos, onde os instrumentos da clase traballadora (como os partidos de esquerdas e os sindicatos) foron máis poderosos.
A falta de sensibilidade cara á discriminación de clase explica que a clase traballadora branca teña pouca simpatía polos programas antidiscriminatorios, os cales non a benefician directamente. En realidade, o aumento de negros e mulleres nas estruturas de poder tivo moi escaso impacto na maioría de negros e mulleres que pertencen á clase traballadora. O estándar de vida da clase traballadora negra non aumentou durante o goberno Obama. E o mesmo ocorrería coas mulleres se gañase as eleccións a Sra. Clinton. A súa insensibilidade cara á discriminación de clase e a necesidade de incorporar a variábel de clase nas súas políticas (chegando mesmo a insultar a xente traballadora seguidora de Trump) explica que a maioría de mulleres de clase traballadora non votasen por ela, senón a Trump.
As únicas voces dirixidas á clase traballadora: Sanders e Trump
As únicas voces que falaron a e da clase traballadora foron o candidato demócrata Bernie Sanders e o candidato republicano Donald Trump. O primeiro, un senador socialista coñecido pola súa integridade e continua defensa do mundo do traballo, criticou as políticas neoliberais que afectaran moi negativamente o nivel de vida da clase traballadora, denunciando os tratados de libre comercio que promoveran os gobernos demócratas de Clinton e de Obama, sendo unha dos seus máximos defensores a Sra. Hillary Clinton, primeiro como esposa do presidente Clinton, e máis tarde como Secretaria de Estado (cargo semellante ao de Ministro de Asuntos Exteriores). Criticou tamén as reformas laborais realizadas polos sucesivos gobernos, as cales descentralizaron os xa moi descentralizados convenios colectivos, debilitando os sindicatos. O seu berro de batalla electoral era que EUA necesitaba unha revolución política, rompendo coa maridaxe do poder económico e financeiro co poder político, maridaxe que é favorecida polo financiamento privado do proceso electoral, mediante a cal os lobbies financeiros e económicos financian os candidatos sen ningún freo na cantidade de diñeiro que estes candidatos poidan recibir, para, entre outras cousas, comprar espazo televisivo, que está completamente desregulado, dispoñíbel para o maior comprador. Sanders propuxo o financiamento público do proceso electoral, reducindo ou mesmo eliminando o financiamento privado derivado dos lobbies financeiros, económicos e profesionais. Gañou en 22 dos 50 Estados durante as primarias do Partido Demócrata, sendo o máis popular entre a xente nova e a traballadora. As enquisas mostraban que gañaría as eleccións a Trump.
Pero o aparello do Partido Demócrata, claramente controlado polos Clinton e os Obama, mobilizouse para destruílo, sendo o adversario principal do partido. A vitoria de Hillary Clinton sobre Sanders aumentou a abstención dunha porcentaxe moi elevada de xente nova, e causou un fluxo de votantes antiestablishment cara a Trump. As clases populares querían primordialmente mostrar o seu gran rexeitamento ao establishment político-mediático centrado en Washington, a sé do goberno federal.
A derrota de Sanders promovida polo Partido Demócrata facilitou a vitoria de Trump
A derrota de Bernie Sanders facilitou a vitoria de Trump. Mais a maior causa do seu éxito foi a mobilización do movemento libertario, dirixido polo Tea Party, que fora infiltrando e controlando as bases do Partido Republicano, na súa loita contra o establishment político de Washington, incluíndo o establishment republicano. Este movemento, claramente financiado por intereses financeiros de carácter especulativo (como os irmáns Koch), tiña como o seu obxectivo central eliminar a presenza do Estado federal na escasamente regulada actividade financeira, por exemplo nos sectores inmobiliarios, os sectores de casinos e xogo, e a actividade especulativa da banca. Estes sectores aliáronse coa clase traballadora branca que, polas razóns indicadas anteriormente, se opoñía ao Estado federal. Foi esta alianza a que constituíu a base do movemento libertario, un movemento de ultradereita que sementou o campo para o éxito da candidatura de Trump. Este deseñou a súa campaña cun programa para anular os tratados de libre comercio e favorecer as rendas do capital, baixando espectacularmente os impostos de sociedades dun 35% a un 15% e eliminando os programas antipobreza e os programas antidiscriminatorios cunha narrativa racista e machista. O seu é un programa libertario como máxima expresión do neoliberalismo, intentando eliminar a influencia do sector público e das intervencións públicas mediante a privatización dos programas públicos.
É Trump un fascista?
Trump ten características da ideoloxía fascista, tales como un nacionalismo extremo baseado nun sentido de superioridade de raza e de xénero (un machismo moi acentuado), cun canto á forza e á intervención militar, cunha concepción non só autoritaria, senón tamén totalitaria do poder, desexoso de controlar os maiores medios de información e reprodución de valores (desde a prensa e a televisión, até o mundo universitario), fondamente antidemocrático, presentándose como o salvador das vítimas do sistema político corrupto.
Agora ben, tamén hai que subliñar as características que o diferencian do fascismo. Unha é que Trump non creou un movemento e partido, senón que foi ao revés: o movemento popular antiestablishment creou a Trump. A segunda característica que o afasta do fascismo é que está en contra do Estado (á vez que o instrumentaliza para optimizar os seus intereses particulares e os intereses do mundo do capital), sendo a súa postura un libertarismo neoliberal extremo. En realidade, é a expresión máxima do neoliberalismo. Definir tal movemento como populista é non entender os EUA. En realidade, existiron partidos semellantes ao Tea Party que tiveron características parecidas ao actual. Nada menos que Henry Wallace, o vicepresidente progresista do presidente Roosevelt, alertou da posibilidade que xurdise un fascismo americano, con características propias, que en defensa do cidadán común se convertería no máximo expoñente dos intereses do mundo do capital, o cal é sempre proclive a movementos autoritarios e totalitarios, intentando establecer unha orde altamente represivo que impida o xurdimento de movementos que ameacen as estruturas de poder. Trump é un exemplo diso.
O termo populismo, utilizado polo establishment político mediático para definir calquera movemento contestatario, ten escasísima capacidade analítica para entender o que está pasando en EUA (e en Europa). En EUA é un movemento libertario extremo con características totalitarias semellantes (mais non idénticas) ao fascismo que votou unanimemente contra o establishment político-mediático -o Partido Demócrata-, representado por Hillary Clinton apoiando no seu lugar a Trump, que arteiramente utilizou unha narrativa antiestablishment, presentándose como a alternativa ao tal rexeitado establishment. Definir este fenómeno como populismo ten pouco valor explicativo. É lóxico que o establishment político-mediático o defina como tal, pois é o xeito de o caricaturizar, dificultando a súa comprensión, pero non ten ningún valor nin científico nin explicativo, pois dificulta a comprensión do fenómeno que se analiza.
Que pasará en EUA?
En realidade, a evidencia apunta a que o establishment político-mediático estadounidense tampouco entende o que está pasando naquel país. A súa obsesión coa figura de Donald Trump, sen analizar e actuar sobre as causas de que case a metade do electorado votase por el, é un indicador diso. E a resposta do Partido Demócrata a este feito é dramaticamente insuficiente: as súas propostas son continuadoras das que propuxeron as últimas administracións de tal partido (Clinton e Obama), sen que fixese a máis mínima autocrítica. Asumen que a falta de popularidade do presidente Trump forzará un cambio, incluíndo o seu posíbel impeachment [destitución], ignorando que o que determina a vitoria dun candidato non é a súa popularidade no país, senón o nivel de apoio que consegue entre o electorado que o vota en relación con outras alternativas. E o que está predicibelmente ocorrendo é que mentres a popularidade xeral do presidente Trump está a descender (nunca foi moi popular), a que ten entre as súas votantes é extraordinariamente alta. Vemos que, en contraste co que ocorre no Partido Demócrata, a lealdade do votante a Trump é elevadísima. É visto, por parte das bases electorais, como o antipolítico, suxeito a unha gran hostilidade por parte dos maiores medios de información, aos cales os seus votantes detestan.
Referente ás posibilidades de ser expulsado do seu cargo (impeachment), estas son pequenas, pois iso dependería dunha acción do Congreso, hoxe controlado polo Partido Republicano, onde o movemento libertario de ultradereita ten un enorme poder. En ausencia dun cambio improbábel no Partido Demócrata, as próximas eleccións ao Congreso verán un enorme aumento da abstención (xa sempre moi elevada) que permitiría manter o Congreso e o Senado en mans do Partido Republicano. Só no caso de que este perdese o control do Congreso podería ocorrer o impeachment. Por iso é polo que o que ocorra vai depender non só do que aconteza na administración Trump, senón tamén do que pase no Partido Demócrata que poida mobilizar o voto abstencionista. O sistema electoral estadounidense imposibilita a aparición dun novo partido. Por iso é polo que a crise do bipartidismo que vimos en Europa non se dará en EUA.
O panorama futuro de EUA é máis que preocupante. Pero non hai que esquecer que a enorme crise política que ten o país foi causada pola políticas neoliberais realizadas desde os anos oitenta, iniciadas polo presidente Reagan e continuadas por todos os demais, Bush sénior, Clinton, Bush júnior e Obama. Non hai que esquecer que o enorme desencanto creado polo presidente Obama favoreceu a vitoria de Trump. O “Yes, we can”? (Si, nós podemos!) quedou nun slogan que non se materializou na medida en que as expectativas que xerara non se cumpriron, destacando a súa complicidade cos grandes poderes financeiros (centrados en Wall Street), os cales frearon significativamente a súa vocación transformadora.
En realidade, ocorreu en EUA o que tamén se deu en Europa. A aplicación das políticas neoliberais creou esta enorme crise e un rexeitamento (ao cal tamén se define erroneamente como populismo) que está predominantemente centrado nas clases populares e que, debido á adaptación das esquerdas tradicionais ao neoliberalismo, foi canalizado por partidos de ultradereita, con características semellantes ao fascismo. As políticas neoliberais de Trump continuarán a imporse, paradoxalmente envoltas nunha narrativa “obreirista” e “proteccionista” que entra en claro conflito coas políticas da administración Trump, que son fondamente hostís cara ao mundo do traballo a custo dun tratamento claramente preferencial cara ao mundo do capital. E cunhas políticas comerciais que continuarán a dinámica da globalización neoliberal, realizada non a base de tratados de libre comercio que inclúen varios países, senón a través de tratados bilaterais que permitan a EUA ter maior control dos termos de tales tratados. Trump representa así a máxima expresión do neoliberalismo. De aí a súa enorme capacidade de danar o benestar das clases populares do mundo, incluíndo as clases populares de EUA, as primeiras vítimas do capitalismo sen luvas, cunha concepción darwiniana caracterizada pola súa enorme insensibilidade social e carente de solidariedade, cun canto á acumulación de capital sen freo, sen límites no seu comportamento para así alcanzalo. O que está ocorrendo mostra que, como ben indicou Rosa Luxemburg, as alternativas entre as que a humanidade debería escoller serían o barbarie (á cal a evolución do capitalismo podería levar) ou o socialismo. O neoliberalismo e a súa máxima expresión estannos levando claramente á primeira desas alternativas. Así de claro.
[Artigo tirado do blog do autor, do 6 de xuño de 2017]