Estados Unidos e Venezuela: Contexto histórico

James Petras - 21 Mai 2019

Latinoamérica sufriu décadas de explotación e dominación por parte de Estados Unidos, pero tamén conta cunha historia de resistencia popular exitosa, incluíndo as revolucións de México, Bolivia e Cuba, e os movementos sociais e triunfos electorais posteriores en Brasil, Arxentina, Ecuador e Venezuela

Introdución

 A hostilidade cara a Venezuela e as iniciativas estadounidenses para derrocar o seu goberno forman parte da longa e ignominiosa historia de intervencións de EUA en América Latina que se remonta á segunda década do século XIX.

 En 1823, o presidente Monroe declarou na doutrina que leva o seu nome o dereito de EUA a manter afastados da rexión aos europeos, xunto co dereito de EUA a intervir para favorecer os seus intereses económicos, políticos e militares.

 Imos resumir neste artigo as fases históricas da intervención política e militar de Estados Unidos na rexión co fin de favorecer os intereses das empresas e os bancos dese país, así como os movementos sociais e políticos latinoamericanos que se lle opuxeron ao longo do tempo.

 O primeiro período comprende desde finais do século XIX á década dos trinta, e inclúe intervencións dos marine, a implementación de ditaduras clientelares e a resistencia popular liderada por figuras revolucionarias no Salvador (Farabundo Martí), Nicaragua (Augusto Sandino), Cuba (José Martí) e México (Lázaro Cárdenas).

 Despois resumiremos as intervencións posteriores á Segunda Guerra Mundial, o derrubamento de gobernos populares e a represión dos movementos sociais en Guatemala (1954), o golpe de Estado de Chile (1973) e a invasión de República Dominicana (1965), Granada (1982) e Panamá (1989).

 Terminaremos examinando as iniciativas estadounidenses para derrocar o goberno venezolano (desde 1998 até a actualidade).

Política de Estados Unidos en América Latina: Democracia, ditaduras e movementos sociais

 O xeneral estadounidense Smedley Butler resumía os seus 33 anos no exército afirmando que “[fun] un músculo que traballaba a favor das grandes empresas, Wall Street e os banqueiros [...] Contribuín a manter a salvo os intereses petroleiros en México en 1914. Axudei a que Cuba e Haití se convertesen en lugares decentes para que o National City Bank puidese recoller beneficios [...] Colaborei no saqueo de media ducia de repúblicas centroamericanas en beneficio de Wall Street. Axudei a purificar Nicaragua para o Banco de Brown Brothers entre 1902 e 1912. Favorecín os intereses da industria azucreira estadounidense en República Dominicana en 2016. Contribuín a que Honduras aceptase as compañías froiteiras en 1903 [...] Cando miro cara a atrás, penso que podería dar algúns bos consellos a Al Capone!”.

 Nos primeiros 40 anos do século XX, Estados Unidos invadiu Cuba converténdoa nunha case colonia e repudiando o heroe da súa independencia José Martí; proporcionou asistencia militar e asesoría ao ditador do Salvador, asasinou o seu dirixente revolucionario Farabundo Martí e a 30.000 campesiños sen terra que pretendían a reforma agraria. Interveu en Nicaragua, combatendo o seu líder patriótico Augusto Sandino e instalou unha dinastía ditatorial dirixida polos Somoza, que se mantivo no poder até 1979. Tamén interveu en Cuba en 1933 para instaurar unha ditadura militar que reprimise o alzamento dos traballadores do azucre. Entre 1952 e 1958, Washington armou a Batista na súa loita contra o movemento revolucionario 26 de Julio, liderado por Fidel Castro. A finais dos trinta, EUA ameazou con invadir México cando o seu presidente, Lázaro Cárdenas, nacionalizou as compañías petroleiras estadounidenses e redistribuíu a terra entre millóns de campesiños sen acceso a ela.

 Tras a derrota do fascismo (1941-1945), produciuse un crecemento significativo de gobernos socialdemócratas en América Latina, aos que EUA se opuña. En 1954, derrocou o presidente electo de Guatemala, Jacobo Arbenz, que expropiara as plantacións bananeiras da United Fruit Company. Apoiou un golpe militar en Brasil en 1964, que mantivo o poder vinte anos. En 1963, derrocou o goberno de Juan Bosch, elixido democraticamente, e invadiu República Dominicana para evitar un levantamento popular. En 1973 apoiou o golpe militar chileno que derrocou o presidente socialista Salvador Allende e sostivo o réxime militar do ditador Augusto Pinochet durante case vinte anos. Posteriormente, EUA ocupou Granada en 1983 e Panamá en 1989.

 Estados Unidos sostivo os réximes dereitistas da rexión que apoiaban os oligarcas da banca e as grandes compañías estadounidenses, os mesmos que explotaban os recursos, os traballadores e os campesiños.

 Mais a comezos dos noventa, poderosos movementos sociais encabezados por traballadores, campesiños, funcionarios de clase media, médicos e profesores desafiaron a alianza entre as elites gobernantes de EUA e as distintas nacións. En Brasil, o Movemento dos Sen Terra, que agrupaba a 300.000 campesiños, conseguiu a expropiación de grandes latifundios improdutivos; en Bolivia, os mineiros e campesiños indíxenas, incluíndo aos cocaleiros, fixeron caer a oligarquía. En Arxentina, as folgas xerais e os movementos masivos de desempregados conseguiron botar os gobernantes corruptos aliados do City Bank. O éxito dos movementos nacionalistas e populistas levou á convocatoria de eleccións libres que gañaron presidentes progresistas de esquerdas en toda América Latina, especialmente en Venezuela.

Venezuela: eleccións democráticas, reformas sociais e triunfo do presidente Chávez

 En 1989, os programas de austeridade impostos polo presidente de Venezuela, co respaldo de EUA deron paso a manifestacións de protesta (o Caracazo) fortemente reprimidas pola policía e o exército, que causaron centos de mortos e feridos. Hugo Chávez, un oficial do exército, rebelouse e apoiou a revolta popular. Foi detido, encarcerado, posteriormente liberado e presentouse como candidato á presidencia. En 1999 resultou elixido por unha ampla marxe sobre a base dun programa de reformas sociais, nacionalismo económico, fin da corrupción e independencia política.

 Washington iniciou entón unha campaña de hostilidades para que Chávez se unise á guerra global do presidente Bush en Afganistán e o resto do mundo. Pero Chávez negouse a someterse, afirmando: “Non se combate o terror co terror”. A finais de 2001, o embaixador de EUA reuniuse coa elite empresarial e un sector do exército para destituír a Chávez mediante un golpe de Estado que se produciría en abril de 2002. O golpe apenas durou 24 horas. Máis dun millón de persoas, a meirande parte residentes dos barrios de chabolas, marcharon cara ao palacio presidencial co apoio dos militares leais. Derrotaron o golpe e restituíron a Chávez. A partir de aí, Chávez gañou unha ducia de eleccións democráticas e referendos ao longo da década seguinte. O presidente Chávez triunfou, en boa medida, grazas ao seu amplo programa de reformas socioeconómicas a favor dos traballadores, desempregados e clase media.

 Construíu máis de dous millóns de casas e apartamentos, que se distribuíron de forma gratuíta entre as clases populares; centos de clínicas e hospitais que ofrecían sanidade gratuíta nos barrios máis pobres; universidades, escolas de formación e centros médicos para estudantes de baixa renda con acceso libre.

 Miles de persoas debateron e votaron temas políticos e sociais nos centros comunitarios dos barrios, incluíndo críticas e destitucións de políticos locais, algúns mesmo funcionarios chavistas.

 Entre 1998 e 2012, o presidente Hugo Chávez gañou catro eleccións presidenciais directas, varias maiorías no Congreso e dous referendos nacionais, obtendo entre o 56% e máis do 60% dos votos. Tras a súa morte, o presidente Maduro gañou as eleccións en 2013 e en 2018, aínda que por unha marxe menor. A democracia floreceu e as eleccións foron libres e abertas a todos os partidos.

 Como os candidatos apoiados por EUA eran incapaces de gañar eleccións, Washington recorreu aos disturbios na rúa violentos e fixo un chamamento á rebelión no exército para reverter os resultados electorais. O presidente Obama optou por aplicar sancións ao país, que Trump profundou. Estados Unidos apoderouse de miles de millóns de dólares en activos venezolanos e nas refinarías petroleiras en Estados Unidos. Despois escolleu un novo presidente (non elixido), Guaidó, cuxa misión era subverter o exército para que tomase o poder.

 Pero non o conseguiron: apenas cen soldados, de un exército de 267.000 efectivos, e uns poucos miles de simpatizantes de dereitas secundaron a chamada. A revolta da “oposición” foi un completo fracaso.

 Este fracaso de Estados Unidos era previsíbel, pois a masa de votantes defende os seus logros socioeconómicos, o seu control do poder local, a súa dignidade e o seu dereito a ser respectada. Máis do 80% da poboación, incluíndo a maioría da oposición, se opón a unha invasión de EUA.

 As sancións económicas de Estados Unidos contribuíron a unha hiperinflación e á morte duns 40.000 venezolanos debido á escaseza de subministracións médicas.

Conclusión

 Estados Unidos e a CIA continuaron aplicando a estratexia que tan bos resultados lles deu o século pasado para tentar derrubar o goberno venezolano e facerse co control dos seus recursos petroleiros e minerais. Do mesmo xeito que daquela, tentaron impoñer un ditador submiso que reprimiría os movementos populares e subvertería os procesos electorais democráticos. Washington pretendía impoñer un aparello electoral que asegurase a elección de líderes manexábeis, como fixo no pasado e fixo en época recente en Paraguai, Honduras e Brasil.

 Polo de agora, Washington non o conseguiu, en boa parte porque o pobo defendeu os seus logros históricos. A meirande parte dos pobres e os traballadores son conscientes de que unha invasión e ocupación por parte de Estados Unidos produciría un masacre e a destrución da súa soberanía e a súa dignidade.

 O pobo é consciente da agresión de Estados Unidos e dos erros do goberno venezolano. E quere correccións e rectificacións. O goberno do presidente Maduro está a favor do diálogo coa oposición non violenta. Os venezolanos están desenvolvendo lazos económicos con Rusia, China, Irán, Turquía, Bolivia, México e outros países independentes.

 Latinoamérica sufriu décadas de explotación e dominación por parte de Estados Unidos, pero tamén conta cunha historia de resistencia popular exitosa, incluíndo as revolucións de México, Bolivia e Cuba, e os movementos sociais e triunfos electorais posteriores en Brasil, Arxentina, Ecuador e Venezuela.

 O presidente Trump e o seu séquito asasino composto por [o secretario de Estado Mike] Pompeo, [o conselleiro de seguridade John] Bolton e [o emisario especial para Venezuela Elliott] Abrams declararon a guerra ao pobo de Venezuela, pero polo momento foron derrotados.

 A loita continúa.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 18 de maio de 2019]