Estados Unidos: Acerca da campaña de sindicación en Amazon
Cando o medo se estende nun centro de traballo -que foi seguramente o caso na elección de Amazon- o único xeito de superalo é que todos os traballadores e traballadoras pro-sindicato saian a declararse publicamente a favor deste. O que “protexe os traballadores” é cando unha maioría deles toma esa medida conxuntamente, todos ao mesmo tempo
A National Labor Relations Board [Xunta Nacional de Relacións Laborais] anunciou o 9 de abril os resultados da votación sobre a afiliación dos traballadores dos almacéns de Amazon en Bessemer (Alabama) a un sindicato. A votación foi de 738 a favor e 1.798 en contra. É unha mala noticia, mais non significa que en futuras campañas os traballadores de Amazon non poidan ou non queiran gañar. Poden. Os resultados non foron sorprendentes, por razóns que teñen máis que ver cos criterios utilizados na propia campaña que con calquera outro factor.
As historias das terríbeis condicións de traballo en Amazon son máis que coñecidas. Moito antes da campaña de Bessemer, calquera que se prestase un pouco de atención ao asunto sabía que os traballadores están sometidos a un ritmo tan frenético que acaban mexando en botellas para evitaren ser sancionados por se demoraren demasiado en ir ao baño, o que para a empresa é “tempo libre”. Christian Smalls foi despedido hai un ano por denunciar publicamente que non se proporcionaba equipo de protección persoal á xente no seu local de Amazon no estado azul [demócrata] de Nova York. Jennifer Bates, empregada de Amazon nos almacéns de Bessemer, fixo unha intervención ante o Congreso que remexe as tripas. Os traballadores e traballadoras de Amazon necesitan desesperadamente sindicarse, en Alabama, en Alemaña e en calquera outro lugar no que a patronal high-tech e futurista, pero cunha actitude medieval para cos seus asalariados e asalariadas, instale un local de traballo, calquera que sexa a natureza deste. Con tan malas condicións, como se explica a derrota en Bessemer?
Hai tres factores que teñen moito peso en calquera votación sobre a sindicación nos EUA: o comportamento terribelmente pernicioso dos empresarios -ás veces ilegal, a maioría das veces legal- que inclúe o acoso e a intimidación dos traballadores, e as mentiras descaradas (o que, xunto cos países con gobernos abertamente represivos, é un fenómeno exclusivo de Estados Unidos); as estratexias e tácticas utilizadas na campaña polos organizadores; e o contexto sociopolítico máis amplo no que teñen lugar as eleccións sindicais.
Destrución dos sindicatos
Dada a eficacia de Amazon na entrega de pedidos e o novo dominio que exerce en Hollywood como produtor e financiador chave de filmes e programas de televisión, non é difícil imaxinar que a súa operación para acabar cos sindicatos é tamén de primeira categoría. O carácter implacábel das campañas patronais para derrotar os sindicatos non é nada novo.
Para refrescar a memoria, nada mellor que ler Confessions of a Union Buster [Confesións dun destrutor de sindicatos], de Martin Jay Levitt (Crown Publishers, 1993). É un libro escrito por un ex mercenario da patronal. Está cheo de chularía, como debe ser, dado o número de campañas sindicais que Levitt axudou a destruír. No seu libro, Levitt dille ao lector: “O antisindicalismo é un terreo cheo de matóns e baseado na mentira. Unha campaña contra un sindicato é un ataque ás persoas e unha guerra contra a verdade. Como tal, é unha guerra sen honra. A única forma de desmantelar un sindicato é mentir, deformar, manipular, ameazar e sempre, sempre, atacar. Toda campaña de ‘prevención sindical’, como se denominan esas guerras, baséase nunha estratexia combinada de desinformación e de ataques persoais”.
Abonda con ler o libro de Levitt -que debería ser unha lectura obrigatoria para todos os cadros e militantes sindicais- para se decatar de que os dados están sempre botados en contra dos traballadores que tentan organizarse en Estados Unidos (e cada vez máis, en todo o mundo, xa que a experiencia na destrución dos sindicatos se converteu nunha mercadoría de exportación moi apreciada no sector dos servizos). O seu libro, a campaña de Amazon e case todas as eleccións sindicais desde a era Reagan, constitúen unha ampla proba de que, para ter algunha posibilidade de inverter a tendencia á baixa da situación dos traballadores estadounidenses, é absolutamente necesaria a adopción da Lei HR 842, “Protecting the Right to Organize Act of 2021” [PRO, Lei de Protección do Dereito de Organización de 2021], que acaba de ser aprobada pola Cámara de Representantes.
O apoio popular aos sindicatos está no seu punto máis alto, mentres que o apoio ás grandes empresas atópase nun nivel historicamente baixo. Lamentabelmente, o apoio popular a unha proposta ten pouco ou nada que ver con que o Congreso aprobe a lexislación. Dado o historial de intentos infrutuosos de modificar de forma progresiva as leis laborais baixo administracións controladas polos demócratas -mesmo con maiorías en ambas as cámaras-, a aprobación final da Lei PRO é pouco probábel. Pero malia os moitos atrancos que se interpoñen no camiño dos traballadores e traballadoras que tentan sindicarse, é crucial recorrer ás estratexias e tácticas que conseguiron os mellores resultados.
Aceptar a derrota en campañas de sindicación difíciles de gañar significa aceptar un futuro moi escuro. Para ter algunha posibilidade de gañar as campañas máis difíciles, hai que aplicar os mellores métodos desde os primeiros días da campaña e mantelos até o final. Os desexos piadosos e as intuicións faltas de experiencia non teñen cabida nunha campaña contra un empregador tan sofisticado e tan ben equipado como Amazon.
Varios sinais de alerta durante a campaña
- Listaxe inexacta dos traballadores. Desde o principio, a campaña de Bessemer tivo, como recoñeceron moitos cadros sindicais experimentados, debilidades case fatais. A primeira delas foi unha estimación moi inexacta sobre o número de asalariados que traballaban no almacén. Cando o sindicato presentou a documentación oficial ante a NLRB para celebrar as eleccións o 20 de novembro de 2020 -nun momento no que pouca xente lle prestaba atención a outra cousa que non fosen as eleccións presidenciais de Estados Unidos-, o Sindicato Retail, Wholesale and Department Store Union [Minoristas, Maioristas e Grandes Almacéns, RWDSU, sigla en inglés], estimou que no almacén había 1.500 traballadores. Pouco despois de que o RWDSU presentase a súa denuncia, Amazon respondeu á NLRB que había uns 5.800 traballadores no almacén. Despois deste primeiro paso do proceso -o acto formal de presentar unha petición de elección de sindicación-, o sindicato puxo en marcha o proceso legal, verdadeiramente complexo, que regula as eleccións sindicais en Estados Unidos. Os avogados de Amazon argumentaron que se o sindicato cría que só 1.500 empregados tiñan dereito a votar nas eleccións, non tería lugar o que se chama unha “demostración de interese” suficiente, que esixe que o 30% do total dos asalariados asine tarxetas de autorización indicando que desexan organizar unha elección sindical.
No que podería parecer un sinal de alento para os organizadores do sindicato, entre finais de novembro e mediados de decembro conseguiron reunir suficientes sinaturas de traballadores como para alcanzar o límite mínimo do 30% e así poder realizar as eleccións, mesmo sobre o número moito maior de traballadores que Amazon dixo que eran elixíbeis (para alcanzar o 30% de 1500 empregados, necesitábanse 300 tarxetas asinadas, pero eran necesarias 1.740 para alcanzar ese límite para 5.00 traballadores).
En realidade, segundo o New York Times, os organizadores recolleran un total de 2.000 tarxetas de autorización a finais de decembro de 2020. Para os militantes sindicais con menos experiencia pode ser desconcertante que os traballadores asinen unha tarxeta de autorización para a celebración das eleccións e que despois voten en contra. Os organizadores sindicais experimentados nunca formulan esta pregunta: “Queres o dereito a votar para ter ou non un sindicato?”. Pedímoslles que se comprometan co voto afirmativo e que asinen unha petición nese sentido ao asinar a tarxeta de autorización para as eleccións. Son preguntas moi diferentes e ao final os resultados son tamén moi diferentes.
Pero a manifestación de interese preparou o terreo para o seguinte paso no longo e complicado proceso: a audiencia oficial da NLRB que determina se haberá eleccións e, en caso afirmativo, como. Esa audiencia tivo lugar o 20 de decembro. Desde entón e até finais de xaneiro, mentres a atención da nación se centraba no asalto ao Capitolio, Amazon emprendeu o seu propio ataque á democracia, que se supón que está garantida para as persoas no seu lugar de traballo.
- O debate sobre as cotas sindicais. Cando no mes de xaneiro, Amazon lanzou http://www.doitwithoutdues.com, un sitio web no que se enumeraba todo o que os traballadores poderían facer co diñeiro “gastado” en concepto de cotas sindicais, apareceron os primeiros signos de alerta. Ao mesmo tempo, Amazon publicou un cancelo en twitter. A estrataxema saíúlle mal. Os e as militantes pro-sindicatos de todo o país apropiáronse da plataforma para chiar unha resposta tras outra, todas moi enxeñosas, convertendo as reaccións a Amazon nunha obsesión case tan forte como os chistes que circulaban en twitter sobre o barco encallado na Canal de Suez.
Para os organizadores do sindicato, por moi divertida que sexa a resposta nacional en twitter -que se converteu nunha plataforma dixital para mostrar o seu rexeitamento a Amazon-, había un motivo máis fondo de preocupación, segundo a resposta oficial do RWDSU. O seu presidente nacional, Stuart Appelbaum, e outros representantes da campaña lanzaron unha ofensiva para demostrar que a dirección de Amazon mentía. “Amazon está tentando converter as cotizas sindicais nun problema, aínda que a xente non teña que pagar cotas”, dixo Stuart Appelbaum ao Washington Post. Mensaxes similares dominaron a cobertura dos medios de comunicación en resposta á mensaxe antisindical totalmente predicíbel sobre as cotas. Un sindicalista dixo na NPR (National Public Radio): “Como sinalan algúns traballadores, as leis de ‘dereito ao traballo’ de Alabama establecen que os empregados poden elixir entre pagar ou non as cotas sindicais”.
Aínda que a resposta do sindicato sexa correcta -os traballadores non teñen que pagar cotas nun estado cunha lei de ‘dereito ao traballo’-, aqueles que organizan e gañan unha campaña nunca propoñen aos traballadores que poidan elixir se queren ou non pagar as cotas. Máis ben, é o contrario. De feito, é totalmente previsíbel que haxa carteis por todas as partes -nos baños, os comedores, as salas de descanso, xunto aos reloxos de fichar, etc.- que din que a empresa dá máis que o que poden obter os traballadores co pagamento dunha cota sindical. Unha resposta máis sutil consistiría en se preguntar por que, de súpeto, a empresa quere discutir como gastan os traballadores o seu propio diñeiro. Nese caso, os sindicalistas poden axudar o traballador e a traballadora a que entendan que o pagamento das cotas é esencial para construír o poder necesario para se enfrontar a empresarios xigantes como Amazon.
A semántica e as mensaxes suscitaron preocupacións moito máis alá da discusión sobre as cotas sindicais. Nos carteis pro-sindicato, as mensaxes incluían lemas como “O sindicato está ao teu carón”. Nos numerosos vídeos que saen de Bessemer nas redes sociais, os activistas e sindicalistas falan regularmente de “o sindicato”, coma se un sindicato fose algo distinto das traballadoras e traballadores que tratan de o formar. Un lema mellor sería “Cando os traballadores se unen, prodúcense cambios reais”, ou algo que non convertese o “sindicato” en algo así como o nome dun edificio ou unha rúa e unha dirección.
- A porta da fábrica como o lugar campaña de sindicación, sen visitas a domicilio. Na gran maioría das campañas que tiveron éxito, a forma e o sitio das conversas cos traballadores son cruciais. Nun motor de procura de Internet, se se escribe “Amazon cambia o esquema dos semáforos en Alabama” [para impedir a recollida de sinaturas], os resultados mostran ducias de historias, destacando unha das moitas tácticas que Amazon utilizou para combater os e as militantes da campaña e as e os sindicalistas. Aínda que sexa infame, esa táctica é acorde coa dureza dos combates pola sindicación nos Estados Unidos. En twitter, cando se deu a coñecer a historia, as persoas que viviran o mesmo problema contaban: “Si, isto tamén ocorreu no norte de Ohio, nas nosas eleccións, onde a empresa domina a política da cidade”. Ningunha destas tácticas resulta sorprendente despois de ler Confessions of a Union Buster. O que preocupaba aos organizadores experimentados era a constatación de que a meirande parte do contacto cara a cara cos traballadores tiña lugar na entrada da fábrica.
Como explicar iso de “Non te preocupes. Non hai que pagar cota en Alabama”, levando unha campaña desde a porta da fábrica, é outra táctica que os organizadores que teñen éxito non fan nunca. Por que? Porque o patrón está mirando. Isto é válido para todos os empresarios, non só para Amazon, unha empresa que ademais desenvolve sistemas de vixilancia. Os traballadores non queren ser vistos preto do seu lugar de traballo falando con partidarios do sindicato, iso preocúpalles.
As campañas vitoriosas demostraron que para gañar hai que facer visitas a domicilio, é dicir, visitas físicas sen previo aviso ás casas dos traballadores para que a conversa poida ter lugar lonxe da mirada da empresa. Nunha entrevista en The American Prospect [unha revista da esquerda demócrata] un organizador da campaña pro-sindicato de Amazon explicou que non fan visitas a domicilio, debido á pandemia da Covid-19. Pero nunha campaña difícil de gañar, hai que se poñer unha máscara, petar na porta, levar o desinfectante pendurado do pescozo ou nas mans para que se vexa e iniciar o diálogo coa traballadora ou o traballador mantendo a distancia social, con toda seguridade.
Esta mesma cuestión, é dicir que a Covid non significaba porta a porta, tamén se produciu ao principio da campaña de Biden, despois de que Sanders se retirase e cando a pandemia se agravou. Ao principio Biden errou, e cando se decatou do axustadas que serían as eleccións cambiou de método. Do mesmo xeito, nos artigos sobre a segunda volta das eleccións ao Senado en Xeorxia, os organizadores do dereito ao voto deixaron claro que tiñan que saír á rúa, subir aos coches e visitar a cada votante cara a cara, malia a pandemia. Levaban máscaras e visitaron a miles de votantes.
O traballo académico máis completo sobre o éxito da sindicación nos EUA, realizado por Kate Bronfenbrenner, directora de investigación laboral da Universidade de Cornell, ofrece argumentos irrefutábeis a prol das visitas a domicilio. Porén, os organizadores de Bessemer dixeron que se baseaban en “estratexias dixitais”. O sindicato tamén di que, ademais de ir dialogar nas portas da planta, os representantes doutros sindicatos do país chamaban por teléfono aos traballadores de Amazon de Bessemer. Pero non hai nada que substitúa unha visita a domicilio nunha campaña dura, e punto.
Unha posíbel excepción á regra da campaña na porta da fábrica podería ser que moitos verdadeiros traballadores e traballadoras de Bessemer Amazon estivesen na porta da fábrica durante o cambio de quenda. Pero non foi así. En lugar diso, os traballadores da planta vían a persoal do sindicato e a simpatizantes exteriores.
- Falta de apoio maioritario. Unha das tácticas máis importantes nestas loitas difíciles pola organización dun sindicato é o que os e as sindicalistas chaman “enquisas de estrutura pública maioritaria”. Unha enquisa de estrutura pública maioritaria prodúcese cando a maioría dos traballadores con dereito a voto nas próximas eleccións sindicais, ou que votan a favor da folga, asinan unha petición ou se fotografan e realizan carteis públicos, un folleto ou abren unha páxina web na que aparecen as súas sinaturas ou as súas caras, cunha mensaxe que indica a súa intención de votar “si”. Cando se lle preguntou porque non se fixo iso en Bessemer, o sindicato contestou que debía “protexer a man de obra” dos despedimentos, polo que non quería facer nada en público. E aí acabouse o xogo.
Un erro frecuente nas batallas sindicais difíciles é que os responsábeis do intento pensan que hai algo único nas súas circunstancias particulares -a industria, o grupo de traballadores, o tipo de traballadores, a rexión do país, o momento da historia, o nivel de vixilancia, etc.- que xustifica que non se adopten as prácticas axeitadas de organización, como a realización de enquisas de estrutura maioritaria e eventualmente, a publicación desas enquisas unha vez que se alcanza a maioría. Cando o medo se estende nun centro de traballo -que foi seguramente o caso na elección de Amazon- o único xeito de superalo é que todos os traballadores e traballadoras pro-sindicato saian a declararse publicamente a favor deste. O que “protexe os traballadores” é cando unha maioría deles toma esa medida conxuntamente, todos ao mesmo tempo. Móstrase así a forza colectiva nas conversas e na acción.
As enquisas de estrutura fanse primeiro en privado e en silencio até o momento en que a maioría dos traballadores e traballadoras están dispostos a asinar. Se a maioría asina, adoita ser un indicio fiábel de que a campaña vai ter éxito. Pero non abonda cunha enquisa de estrutura pública. Hai que seguir adiante, porque o apoio aumenta, en xeral, unha vez que os compañeiros de traballo indecisos se decatan de que, en realidade, a maioría dos seus compañeiros constrúen a unidade. As enquisas de estrutura maioritaria demostran que as persoas nas que máis confían os traballadores fan fronte a unha campaña de medo, son os seus propios compañeiros e están dispostos a apoialos, a dicir “xa abonda”.
Os e as que gañan son os traballadores que ven que moitos dos seus compañeiros se pronuncia. Non se gaña organizando mitins con superestrelas vidas doutro estado, nin con xogadores de fútbol famosos, nin con actores e actrices famosos, nin sequera con Bernie Sanders ou o presidente dos EUA (aínda que o vídeo do presidente Biden é digno de ser aplaudido por varias razóns: as futuras campañas e a lexitimidade xeral dos sindicatos, especialmente). Cando nunha campaña hai máis seguidores e persoal doutras fábricas que traballadores e traballadoras desa planta, é un claro sinal de que a derrota é inminente.
O contexto de Bessemer
Moito se dixo sobre a historia de Bessemer e por extensión de Birmingham (próxima de Bessemer), como un lugar que -malia estar en Alabama, un estado republicano aferrado ao sistema de Jim Crow [segregación racial], cunha das taxas de sindicación máis baixas do país- é en certo xeito unha excepción debido á historia de sindicación da cidade. Unha historia abraiante!
Hai marabillosas historias das loitas dos traballadores por sindicárense na rexión, cos negros uníndose entre si e cos traballadores brancos -ás veces sacrificando a vida- para forxar sindicatos naquelas minas que foron parte da paisaxe. A cobertura mediática tamén se centrou na porcentaxe de traballadores negros nos almacéns de Amazon, suxerindo que a demografía aseguraría a vitoria. Se isto último fose certo, habería unha vitoria sólida nas eleccións de Nissan en Canton, Mississippi, en 2017, cando os medios de comunicación tamén esaxeraron de xeito moi groseiro a elección e o factor dunha maioría de traballadores negros. Nesas eleccións, o voto foi do 38% polo si e o 62% polo non.
Na documentación publicada polo sindicato na súa páxina web, pódese ver unha longa listaxe de persoas que apoian os traballadores e traballadoras a nivel nacional, e unha listaxe moito máis curta de grupos locais que apoian os esforzos dos asalariados e asalariadas. Os medios de comunicación falaron con frecuencia do aspecto relixioso da campaña, na que os líderes relixiosos serían os principais protagonistas. Mais as organizacións relixiosas de Bessemer ou da zona de Birmingham estiveron practicamente ausentes da listaxe de apoio á campaña. Aínda que as reportaxes subliñaban que as reunións comezaban con oracións, os principais líderes relixiosos locais non apoiaron publicamente os traballadores e traballadoras. Nas campañas exitosas, o apoio público dos líderes relixiosos locais adoita ser esencial se a pertenza relixiosa é común entre os traballadores.
En Detroit, antes de que se sindicasen as fábricas de automóbiles, moitos negros opoñíanse ao sindicato. A razón, segundo o Dr. Steven Pitts, que dirixe o novo podcast Black Work Talk: “Moitos pastores prestixiosos da zona de Detroit tiñan boas relacións con Henry Ford. Cando a emigración negra do Sur [cara ao Norte] estaba no seu apoxeo, as familias negras instaláronse en Detroit, alí atoparon unha igrexa e conseguiron traballo na fábrica de Ford grazas aos responsábeis da súa igrexa. Fixo falta unha década de loitas entre os traballadores negros pro-sindicatos e os seus líderes antes de que dinámica cambiase en Detroit para se inclinar a favor dos sindicatos”.
En Bessemer, os grupos comunitarios locais cos que falei por teléfono dixéronme que esta era a primeira campaña sindical que recordaban na que o sindicato se puxera en contacto con eles nunha data tan tardía da campaña, no mes de febreiro. Noutras eleccións da mesma rexión, incluso a da planta de compoñentes de automóbiles de Mercedes en Tuscaloosa, que se atopa a 80 quilómetros da cidade -moito máis lonxe do que Bessemer está de Birmingham-, os sindicatos interviñeron moito antes de que os traballadores fixesen pública a campaña (o que en Bessemer ocorrera xa en outubro).
É moi probábel que nestes días vexamos mensaxes afirmando que “aínda que os traballadores e traballadoras non gañen, en realidade gañaron”. Mais non gañaron. E iso é realmente lamentábel. Os medios de comunicación, nomeadamente os chamados medios sindicais, nunca deberían ter sobreestimado esta campaña, nin a de Volkswagen, nin a de Nissan. Nos tres casos, a derrota inminente era clara. Cando os medios de comunicación priorizan os clics e os seguidores e non a realidade, non só non axudan senón que probabelmente prexudican os traballadores. A cobertura dos medios de comunicación acumulou unha atención inxustificada que podería servir á narrativa a favor da Lei PRO, pero as campañas excesivamente mediáticas fan que a xente se sinta derrotada. Ás veces, de feito, séntense tan derrotados que dan un paso atrás e se retiran para sempre. Se cadra, esta campaña non debería terse producido a partir do momento en que os sindicalistas se decataron conta do errónea que era a súa estimación do número de traballadores e traballadoras no almacén. Non hai nada que xustifique que se coloque os traballadores no que os sindicalistas chaman unha “marcha da morte”.
Para os traballadores de Bessemer, durante a próxima etapa, probabelmente o sindicato presentará un gran número de obxeccións plenamente xustificadas, ou denuncias por “prácticas laborais inxustas”, contra Amazon. É probábel que gañen o dereito a unha nova elección baseándose no comportamento ilegal da empresa. Na mítica campaña de organización de Smithfield, onde os traballadores do maior matadoiro de porcos do país conseguiron o seu sindicato [en 2008] despois de 16 anos de loita, no seu terceiro intento de eleccións, a lección que a xente debería aprender é que, efectivamente, as leis laborais non se cumpren, pero tamén que non hai que saltar ou evitar etapas cando se fai unha campaña.
Moitas das dificultades constatadas na primeira quenda de votacións en Smithfield tiveron lugar na primeira quenda de votacións en Bessemer. Xa é hora de que deixemos de dar por sentado que as e os traballadores nos apoian, de que non lles fagamos correr riscos innecesarios cunha política de “terra queimada”.
Comparadas coas presións que debe soportar a maioría das e os traballadores de Estados Unidos cando tentar formar un sindicato, as recentes medidas da asemblea lexislativa de Xeorxia, destinadas a suprimir máis votantes [para as eleccións estatais] parecen inofensivas. Se o Senado aproba o proxecto de lei PRO, non hai dúbida de que a sindicación aumentará rapidamente, o que é unha das razóns polas que a súa aprobación nun futuro próximo parece curiosamente remota. Malia contar co presidente máis favorábel aos sindicatos en case 100 anos, o Senado mantense inmóbil en temas moito menos difíciles que unha gran reforma do código laboral. O Senado nin sequera aceptaría un salario mínimo de 15 dólares por hora imposta polo goberno federal. E os progresistas veñen intentando aprobar unha lei laboral desde a presidencia de Jimmy Carter, sen conseguilo.
Cada un dos traballadores e traballadoras da campaña de Bessemer merecía gañar. E se as normas de sindicación en Estados Unidos fosen minimamente xustas, gañarían. Mais as regras non son xustas. Todo o contrario: son descaradamente inxustas. O que merecen as e os traballadores que intentan formar sindicatos contra empresarios inmorais é un esforzo con posibilidades de gañar. Hai moitas probas do que funciona. As redes sociais e os medios dixitais non funcionan cando o medo e a división son as principais armas dos patróns.
Os e as traballadores poden gañar e organizar sindicatos, poden facer folga e gañar. É tan difícil como o inferno e para iso requírese un alto grao de compromiso.
[Artigo tirado do sitio web The Nation, do 9 de abril de 2021]