Estados Unidos: a gran folga de 2021

Jack Rasmus - 09 Nov 2021

A reestruturación do mercado laboral estadounidense que emerxe agora é só o principio. A gran folga de 2021 non é máis que o síntoma. Os mercados de produtos e a distribución mundial de bens e servizos tamén están sometidos a grandes tensións e cambios similares

 

 A mellor definición dunha folga é a de que cando "os traballadores deixan de traballar" para obteren melloras salariais e mellores condicións laborais. A idea xeral é que son os sindicatos fan folgas. Pero iso non é certo de todo. Os traballadores fan folgas sen ser necesariamente membros dos sindicatos. Este feito é evidente hoxe en día nos EUA, xa que millóns de traballadores se negan a volver aos seus postos de traballo. Están deixando o seu traballo para obteren un mellor salario e un futuro.

 Estamos asistindo á Gran Folga de 2021, que na súa maioría está impulsada por millóns de traballadores non sindicados e mal pagos.

 Durante o segundo trimestre de 2021 (abril-xuño) e a medida que a economía se volvía a abrir, as e os traballadores volveron aos seus postos de traballo a un ritmo de 889.000 ao mes. Segundo o Economic Policy Institute, esa media caeu a só 280.000 ao mes no recentemente finalizado terceiro trimestre de 2021 (xullo-setembro).

 A cifra máis recente do mes de setembro foi de só 194.000 postos de traballo, segundo o Informe mensual do Departamento de Traballo estadounidense sobre a situación do emprego. Esta cifra non cumpriu coa predición dos economistas de 500.000 postos de traballo.

 Segundo varios gráficos dos Informes mensuais sobre a situación do emprego do Departamento de Traballo dos EUA, só a metade dos traballadores que estaban sen emprego a primeiros de 2021 volveron traballar. Oficialmente, segundo o Departamento de Traballo, máis de 5 millóns aínda non o fixeron. Pero esa cifra está moi por baixo da realidade. Non contempla os 3 millóns que abandonaron por completo a poboación activa e xa non contan como desempregados nos rexistros oficiais. Os 5 millóns tampouco inclúen a varios millóns de traballadores e traballadoras que foron erroneamente clasificadas como empregadas polo Departamento de Traballo en marzo de 2020, cando comezou a pandemia, simplemente porque sinalaron, ao seren preguntados mediante enquisa polo goberno, que esperaban volver traballar, aínda que non estivesen traballando no momento da enquisa. O Departamento de Traballo recoñeceu pouco despois que era un erro contalas como empregadas, pero até hoxe segue negándose a corrixir as cifras. Ese número de persoas clasificadas erroneamente como empregadas segue sendo hoxe en día ao redor dun millón ou algo así.

 Así que, nos EUA hai entre 8 e 10 millóns de persoas traballadoras que seguen sen traballo (sen contar os millóns de persoas subempregadas que traballan a tempo parcial ou unhas poucas horas á semana).

 Moitas deses 9 millóns de persoas non están volvendo traballar por decisión propia; é dicir, non se reincorporaron ao traballo. En efecto, están en folga para lograr algo mellor.

 Aínda que a maioría están mal pagas, entre elas non só están os sectores que primeiro se nos ocorren, como a hostalaría ou o comercio polo miúdo. Hoxe en día, as fileiras das persoas mal pagas abranguen a case todas as industrias de Estados Unidos, non só á hostalaría ou o comercio polo miúdo.

 Comparando o nivel de emprego do Departamento de Traballo dos EUA en setembro de 2021 cos meses prepandémicos de xaneiro-febreiro de 2020, as cifras mostran que os traballadores e traballadoras que non se reincorporaron ao traballo están moi estendidos en todas as industrias e sectores: en setembro de 2021, o sector do lecer e a hostalaría contaba con 1,6 millóns de persoas menos que nos meses prepandémicos de xaneiro-febreiro de 2020. Así e todo, no sector da sanidade, con centos de miles de traballadoras mal pagas na asistencia sanitaria a domicilio e nas clínicas, hai 524.000 persoas menos en comparación con xaneiro de 2020. O déficit dos servizos empresariais profesionais e persoais é de 385.000; na educación -cos seus centos de miles de adxuntos na educación superior e millóns de profesores de K-12 con baixos salarios en pequenos distritos escolares non sindicalizados- a fenda é de non menos de 676.000. Poderíase pensar que a industria manufactureira é un caso distinto, pero non. Na industria manufactureira millóns de persoas están empregadas como temporais con baixos salarios e sen beneficios, mesmo se teñen contratos sindicais. A industria manufactureira conta hoxe con 353.000 postos de traballo menos dos que tiña a principios de xaneiro de 2020. O mesmo ocorre coa construción, con 201.000 menos. E así sucesivamente.

 Son máis de 5 millóns de empregos menos, sen contar os quen non están contabilizados como activos ou quen aínda están mal clasificados como traballadores.

 Hai que supoñer que polo menos a metade dos 9 millóns que non teñen traballo se negan a volver traballar por decisión propia. De facto, son entre 4 e 5 millóns os que están de en folga. Estados Unidos atópase no medio da Gran Folga de 2021, que atinxe a millóns de traballadores estadounidenses mal pagos e superexplotados en practicamente todas as industrias estadounidenses.

 Empezan a aparecer sinais de que o seu exemplo pode estenderse tamén á man de obra sindicada. As renovacións dos convenios colectivos están sendo rexeitadas -e as folgas son inminentes ou están en curso- en industrias que van desde o procesamento de alimentos (traballadores de Kellogg's) até o equipamento agrícola (John Deere), pasando polos hospitais e a asistencia sanitaria na costa oeste. Trátase de sectores de negociación sindical importantes que implican a miles e decenas de miles de traballadores e traballadoras sindicados.

Ideoloxía capitalista: inverter a causa e o efecto

 A patronal, os medios de comunicación empresariais, as e os políticos e a maioría dos economistas oficiais non recoñecen que asistimos a unha vaga de folgas tanto das persoas non organizadas nos sindicatos como das organizadas. Porén, están de acordo no intento de culpabilizar as e os traballadores polo que, de facto, é un paro de millóns de persoas. Todos se lamentan e rañan a cabeza, sen respostas sobre por que tantas persoas traballadoras non volven aos seus postos de traballo ou están dispostas a deixalos, especialmente agora que hai vacantes e as empresas anuncian ofertas de emprego.

 A explicación que deron a primeiros do verán pasado foi que as prestacións de desemprego eran demasiado xenerosas e que, xa que logo, eran as responsábeis de que millóns de traballadores non volvesen traballar. Este tema era especialmente popular entre os políticos dos estados vermellos [gobernados por republicanos]. A partir do pasado mes de xuño de 2021, moitos gobernadores e asembleas lexislativas dos estados vermellos recortaron unilateralmente e de forma preventiva as prestacións por desemprego, malia que estas debían continuar até setembro. Logo calaron cando os datos do verán mostraron que os poucos estados azuis [gobernados por demócratas] que non recortaron as prestacións antes de tempo -como California, New Jersey, etc.- en realidade mostraron unha maior taxa de retorno das e os traballadores aos seus postos de traballo durante o verán que os estados vermellos que si o fixeron. Até aquí ese argumento.

 Agora, a patronal, os políticos e os estados vermellos láianse de que as prestacións para o coidado dos nenos e a mellora dos vales para alimentos impiden que os traballadores e traballadoras volvan ao traballo. É a vella estratexia contra a folga da patronal: failles pasar fame e volverán traballar.

 Noutras palabras [para a patronal e os seus políticos], o feito de que os traballadores e traballadoras se neguen a volver ao traballo non ten nada que ver cos baixos salarios insoportábeis, coa falta de atención sanitaria alternativa para eles e as súas familias, xa que volver ao traballo significa perder os pagamentos de COBRA ou Medicaid do goberno, coa falta de dispoñibilidade ou a imposibilidade de pagar o coidado dos nenos. Non ten nada que ver co feito de que a patronal ofreza volver traballar, pero con menos horas e sen garantir as horas necesarias para lograr uns ingresos semanais suficientes que cubran as súas facturas. Non ten nada que ver con que a patronal insista nuns horarios de traballo inestábeis que destrúen as familias, en que non haxa permisos retribuídos e, en xeral, en que non haxa ningunha esperanza de saír no futuro do que é, de feito, un sistema de contrato laboral moderno [precario] que actualmente afecta a ducias de millóns de traballadores e traballadoras estadounidenses.

 Segundo a maioría da patronal, os seus medios de comunicación e os seus políticos, a culpa é dos propios traballadores e traballadoras. Déuselles demasiado durante a pandemia e agora non queren traballar. Ese é o mantra capitalista e a explicación para os millóns que se negan a volver.

 Con esa explicación, a patronal, os medios de comunicación, os seus políticos e as e os economistas oficiais dan a volta á realidade. Como é típico dos xogos de linguaxe da ideoloxía capitalista, inverteron a causa e o efecto. As vítimas -os traballadores e traballadoras- son a causa do problema e non o resultado ou o efecto. Son a causa de que a taxa de retorno do emprego caia en dous terzos nos últimos tres meses en comparación co período anterior de abril a xuño. Non se mencionan as prácticas de décadas de pagar salarios baixos e invariábeis, con poucos ou ningún beneficio, e condicións de traballo tan inadecuadas que practicamente todas as demais economías capitalistas avanzadas as abandonaron hai anos (é dicir, non hai baixas retribuídas, coidado de crianzas, atención médica nacional, etc.).

 A forma máis rigorosa de ver o que está sucedendo é que quizais case a metade dos 9 a 10 millóns que seguen sen traballo hoxe en día rexeitan traballar e buscan mellores salarios, beneficios, condicións e novos empregos que proporcionen algunha esperanza para o futuro. Entre 4 e 5 millóns de traballadores e traballadoras estadounidenses están en folga.

A gran vaga de folgas de 1970-71

 A última gran vaga de folgas en Estados Unidos foi hai 50 anos, en 1970-71. Nesa época foron as e os traballadores sindicados os que se declararon en folga en masa na construción, o transporte por estrada, a industria automobilística, os peiraos e en ducias doutras grandes empresas de fabricación, construción e transporte.

 Esta historia da clase obreira foi ignorada en gran medida polo mundo académico e os medios de comunicación capitalistas. Probabelmente porque as folgas foron tan exitosas: en case todos os casos as e os traballadores en folga e os seus sindicatos obtiveron grandes vitorias. Máis ou menos, esa vaga de folgas traduciuse en aumentos inmediatos do 25% nos salarios e beneficios en acordos de non máis de tres anos de duración. A patronal non puido parar os traballadores e traballadoras e os sindicatos. Tiveron tanto éxito que as empresas tiveron que recorrer ao goberno estadounidense para frear as exitosas folgas e os acordos contractuais. No verán de 1971 dirixíronse a Nixon, presidente da época, quen rapidamente emitiu ordes executivas de urxencia para conxelar os salarios gañados polas folgas e logo facer retroceder as ganancias salariais e de beneficios do 25% a non máis do 5,5%.

 A conxelación dos salarios e os retrocesos foron elementos centrais do chamado Novo Programa Económico (NEP) de Nixon, emitido ese mesmo agosto de 1971. No NEP Nixon tamén atacou os competidores capitalistas dos EUA en Europa e noutros lugares con varias medidas comerciais e poñendo fin á garantía de cambio do dólar estadounidense, 32 dólares por unha onza de ouro. Iso fixo saltar polos aires o que se chamou o sistema capitalista internacional de "Bretton Woods" que os EUA estableceran en 1944.

 Na antiga gran vaga de folgas de 1970-71 houbo 10.800 folgas, nas que participaron máis de 6,6 millóns de traballadores e traballadoras, e houbo 114 millóns de días de traballo perdidos. A vaga de folgas de 1970-71 foi en certo xeito tan grande como a gran vaga precedente de 1945-46. Nese período producíronse aproximadamente 9.750 folgas nas que participaron 8,1 millóns de traballadores e traballadoras, co resultado de 154 millóns de días de traballo perdidos. (Fonte: Analysis of Work Stoppages, US Department of Labor, Bulletin 1777, 1973)

 Avancemos outro medio século, até o día de hoxe. Hai case o mesmo número de traballadores que non acoden ao traballo entre 4 e 5 millóns, e posibelmente o número aumente a medida que os traballadores e traballadoras sindicadas se incorporen ás súas fileiras ao expiraren os seus convenios. O número de días de traballo perdidos está aínda por calcular. Pero non hai dúbida de que está xurdindo unha nova militancia, xa que as e os traballadores toman o seu destino nas propias mans, ou deberiamos dicir cos seus pés, xa que abandonan os seus postos de traballo.

 O que é diferente hoxe é que a Gran Folga de 2021 non está dirixida polos sindicatos. Os sindicatos do sector privado en Estados Unidos foron minguados e case destruídos desde 1980 como consecuencia das políticas neoliberais de décadas de deslocalización de postos de traballo, acordos de libre comercio e masivos subsidios fiscais do goberno ás empresas para substituír os traballadores coa automatización, maquinaria e novos equipos de capital.

 Nas últimas catro décadas, en lugar desta destrución de emprego, creáronse decenas de millóns de empregos mal pagos, de servizos, temporais, a tempo parcial e similares, chamados precarios. A recente crise da covid exacerbou e profundou a contracción económica de 2020-21. E agora a man de obra mal paga, precaria e de facto en situación de servidume estase rebelando.

 Moitas industrias e empresas están tendo que subir os seus salarios e pagar primas de xubilación ou contratación para tentar que os traballadores e traballadoras volvan, xa que seguen abandonando o traballo e creando unha escaseza de oferta de traballo. A escaseza de oferta de man de obra adoita implicar un aumento dos salarios. Mais esta práctica é desigual nos distintos sectores e segue sendo en gran medida anecdótica.

Importancia histórica da Gran Folga de 2021

 Estados Unidos está no medio dun acontecemento histórico. É posíbel que sectores da clase obreira estadounidense estean acordando por si mesmos, e non dirixidos por sindicatos que foron destruídos ou que están dirixidos por dirixentes sindicais que non queren facer folga por temor de avergoñar os seus amigos do Partido Demócrata.

 A gran folga de 2021 componse, pola contra, da maioría da man de obra non sindicada: os servizos peor pagos, camioneiros independentes de longa distancia, condutores de repartimento nas cidades, de hostalaría e restauración, do comercio polo miúdo, en proxectos locais de construción, ensinantes e condutores de autobuses escolares, enfermeiras queimadas polas horas extras crónicas, almacenistas e da industria alimentaria levados á extenuación durante os últimos 18 meses, asistentas domiciliarias explotadas por coiotes, etc. A lista é longa.

 Os economistas e políticos do establishment entenden moi pouco os cambios estruturais fundamentais nos procesos de produción e nos mercados de produtos e servizos que provocou o período covid e a profunda contracción económica que supuxo. Eses cambios aínda non se revelaron totalmente. E moitos deles serán profundos. A reestruturación do mercado laboral estadounidense que emerxe agora é só o principio. A gran folga de 2021 non é máis que o síntoma. Os mercados de produtos e a distribución mundial de bens e servizos tamén están sometidos a grandes tensións e cambios similares. En fin, e non menos importante, as repercusións dos mercados de activos financeiros en alza -é dicir, accións, bonos, derivados, divisas, moeda dixital, etc.- aínda non se rexistraron. E cando o fagan pode resultar os máis inquietantes de todo.

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 29 de outubro de 2021]