España-Catalunya: choque de trens

Iosu Perales - 15 Set 2017

Fronte ao mantra español de que por riba do dereito a votar está a lei, Catalunya mostra que sendo a lei resultado da democracia, é o pobo soberano quen pode modificar unha lei na que xa non cabe a realidade en que se vive. E é un feito que son millóns de cataláns (o 80%) os que esixen o seu dereito a decidir nas urnas

A guerra do estado español a Catalunya xa é por terra, mar e aire, unha vez que o parlamento catalán aprobou a celebración do referendo do 1 de outubro e a chamada lei de transitoriedade que regula e dá seguridade xurídica ao proceso cara á proclamación da República Independente de Catalunya, no caso de que o resultado das urnas lle sexa favorábel.

 As reaccións foron carraxentas e rápidas: o Goberno español acudiu ao Tribunal Constitucional que se reuniu en cuestión de horas declarando ilegais e nulas as decisións do parlamento catalán. Pero velaquí que o Goberno da Generalitat liderado polo presidente Carles Puigdemont declarou que se rexe polas propias leis catalás e non recoñece a lexislación española. Como poden imaxinar os que lean este artigo, o choque de trens é violento e promete novos escenarios nos que non se desbota nin a suspensión da autonomía de Catalunya, nin o uso da forza, incluída a militar. Polo momento, os tribunais españois xa están abrindo procesos por supostos delitos de malversación (uso de fondos públicos para a organización do referendo) que prevé penas de cadea e están ditando multas millonarias a funcionarios do Goberno de Catalunya que organizaron un primeiro referendo o 9 de novembro de 2014 e que pode considerarse que deu inicio ao actual proceso cara á formación dun Estado catalán. Tampouco será unha sorpresa que antes de abrir os colexios electorais a Garda Civil secuestre as urnas por orde dalgún xuíz. Todo pode acontecer.

 Catalunya ten 32.000 quilómetros cadrados e 7,5 millóns de habitantes. Quedou incorporada a España en 1714, data en que perdeu os seus dereitos constitucionais e as súas institucións, abolidos polo dereito de conquista da monarquía hispánica. Desde aquela, a súa relación con España estivo ancorada no conflito. Con lingua e cultura propias, sufriu represións do centralismo español que chegan até os nosos días. Así por exemplo en 2006 Catalunya presentou no parlamento español un novo estatuto de autonomía aprobado polo seu parlamento e en referendo pola cidadanía, pero cando ese mesmo estatuto saíu do parlamento español era irrecoñecíbel ao ser sometido a un gran baleirado de competencias. Este é o momento máis recente en que se inicia o proceso de desconexión territorial que agora está en xogo, como consecuencia da gran afronta sufrida pola cidadanía de Catalunya.

 Non hai momento máis emblemático que poñer os destinos dun país en mans do poboo soberano. Votar é sempre unha razón democrática. Fixérono en Escocia e en Quebec no medio dunha normalidade cívica. Pero en España, onde a súa clase ou casta política funciona coas vísceras e non coa cabeza, co xene de quen domina e manda como no vello imperio, con sentimentos perennes dunha vinganza de raíz franquista, vívese o proceso de Catalunya con signos apocalípticos e chamados a utilizar a espada. Non hai que esquecer que o que ocorre na actualidade é resultado de moitos intentos fracasados dunha negociación cos poderes do Estado. Cando Catalunya pediu diálogo, a resposta española foi a aldraxe e a ameaza, o cal desarma o argumento de que o referendo do 1 de outubro é ilexítimo por unilateral. O Estado e o Goberno central actual (agora o Partido Popular e antes o PSOE) negaron sempre que houbese un problema nacional en Catalunya como no País Vasco, pero é un feito que o había e que o hai.

 O proceso catalán foise dotando dunha andamiaxe xurídica, con maiorías suficientes, conforme a unha interpretación lexítima da legalidade. Fronte ao mantra español de que por riba do dereito a votar está a lei, Catalunya mostra que sendo a lei resultado da democracia, é o pobo soberano quen pode modificar unha lei na que xa non cabe a realidade en que se vive. E é un feito que son millóns de cataláns (o 80%) os que esixen o seu dereito a decidir nas urnas.

 Precisamente, desde boa parte da esquerda española, contraria ao referendo, arguméntase que só sendo previamente pactado co Goberno central estatal, tería sentido e validez. O curioso é que en ningún momento estes críticos propoñen como pode facerse semellante pacto cunha dereita para a que a unidade de España o é todo, até o punto de que o seu slogan histórico é “España antes roja que rota”. A dereita española endexamais pactará un referendo de secesión con Catalunya ou o País Vasco pois iso sería atentar contra a súa razón de ser. Por outra banda, aínda que nun futuro a esquerda chegue ao goberno estatal e queira facer ese pacto, non podería levalo nunca á práctica, pola simple razón de que sería recorrido por unha dereita que conta coa complicidade eterna de tribunais, empezando polo Constitucional, que sen dúbida anularía por inconstitucional ese posible pacto. De xeito que a idea de suspender o referendo do 1 de Outubro, en beneficio doutro pactado no futuro, é soamente un modo de gañar tempo, unha promesa baleira na que a maioría cidadá de Catalunya non acredita.

 Tamén é fráxil a idea de que o actual proceso catalán cara á independencia divide a Catalunya. En primeiro lugar porque tal división xa existe entre os que se consideran só cataláns e os que se consideran cataláns e españois. Porén, conviven civilizadamente, o que podería ser igualmente nunha República catalá. O que ocorre agora é que unha minoría partidaria da unión con España impón o seu criterio a unha maioría que pensa outra cousa, pero iso é algo que os partidos españois viven como normal porque así foi sempre.

 En realidade négase o dereito a decidir o seu destino á poboación catalá por medo á democracia, non por razóns dunha legalidade que pode ser modificada como tantas veces se fixo en beneficio por exemplo do neoliberalismo. Tampouco serve o argumento da inseguridade xurídica, xa que o parlamento catalán vén dotando o proceso dunha arquitectura xurídica que dá seguridade á cidadanía. É verdade que pode haber un desacougo colectivo derivado dun cambio político, pero por ningures se pode apreciar un baleiro xurídico.

 Punto final. Este luns 11 de setembro a cidadanía catalá botouse ás rúas nun número superior a un millón de persoas! É o seu xeito de celebrar a Diada (ou día da patria catalá). De maneira que, pasar o que pasar o 1 de outubro, xa nada será como antes. Catalunya tomou unha decisión e aínda que a represión se impoña eventualmente, o futuro será do pobo e da democracia.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 11 de setembro de 2017]