"Esiximos da Xunta a defensa da lingua propia de Galiza e que faga cumprir a lexislación vixente"
Diante da situación vivida hai uns días por unha cidadá de Lugo que ficou completamente indefensa para exercer o seu dereito a ser atendida en galego cando se dirixiría á administración autonómica, o sector de Autonómica da CIG-Administración en Lugo vén de emitir un comunicado que pasamos a reproducir integramente:
O idioma galego e a Xunta de Galiza
"A CIG-Administración Autonómica en Lugo, a teor da situación vivida hai poucos días por unha cidadá que se sentiu indefensa para exercer o seu dereito ao emprego do uso da lingua propia de Galiza no seu trato coa administración, así como en calquera ámbito da súa vida, quere manifestar o seguinte:
-Que é máis que evidente a desprotección da lingua galega no noso territorio. Diso dan boa conta as estatísticas dos últimos anos nas que se aprecia unha alarmante perda do número de falantes, especialmente entre a mocidade.
- Que a administración galega non ten o máis mínimo interese en potenciar e en defender o uso normal e cotián da lingua propia deste país, e que non toma ningunha medida para frear a sangría do número de falantes.
- Que os cidadáns e as cidadás teñen o dereito ao emprego do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coas administracións públicas.
- Que a situación vivida hai uns días no edificio administrativo da Xunta de Galiza en Lugo vén demostrar a situación de menosprezo que soporta o galego por parte da administración autonómica e as poucas intencións que ten de que sexa corrixida.
- Que é evidente que se está a incumprir sistematicamente a Lei 3/1983 do 15 de xuño, de normalización lingüística, que foi aprobada por unanimidade e cun consenso total, no Parlamento de Galiza, pero que a día de hoxe non se pon en práctica para defender e potenciar o emprego do idioma galego.
"A administración galega non ten o máis mínimo interese en potenciar e en defender o uso normal e cotián da lingua propia deste país"
E todo isto, sen ter en conta o terríbel futuro que lle espera á nosa lingua se temos en conta as actitudes da administración no ensino, onde é máis que palpábel a perda de falantes que se xeran por decisións políticas que atacaron sen piedade o emprego do galego nas aulas e que se empeza a percibir nunha seria dificultade do alumnado para poder expresarse nesta lingua.
Para comprobalo, abondaría con achegarse a calquera patio do recreo de calquera cidade galega e en calquera centro de ensino e escoitar en que lingua se fala e cal é o uso real da lingua á que teñen que defender por lei as persoas que gobernan a Xunta de Galiza. Estamos diante da aniquilación da lingua galega por obra e graza dunha parte da clase política.
Mentres os gobernantes da Xunta de Galiza se preocupan por que en Catalunya os pais e as nais poidan elixir a lingua vehicular que queren para os seus fillos, en Galiza négasenos o dereito a facer o que si piden para aquel país. Onde está a casa que podemos marcar os pais e nais para elixir que nosos fillos e as nosas fillas reciban o ensino en galego como se reclama para o castelán en Catalunya? Temos menos dereitos ou a nosa lingua é menos valiosa ca outras? U-lo noso dereito á democracia e libre elección?
Por todo isto, o menosprezo á nosa lingua é cada vez maior en Galiza e a situación vivida o outro día no edificio administrativo sería evitábel se a administración galega cumprise coa súa misión.
A Xunta de Galiza está acadando os seus obxectivos de aniquilación da lingua galega a pasos axigantados, máis rápido do que auguraban. Incúmprese a lei sistematicamente e onde habería que prestar apoio e protección póñense valos e chanzos para o seu exterminio.
Desde a CIG-Autonómica queremos manifestar o noso compromiso infinito coa lingua de Rosalía de Castro e de Castelao e coa lingua que o noso pobo defendeu e conservou para que, como dicía Cunqueiro, poidamos gozar dela cando menos durante mil primaveras máis.
Lugo, a 1 de marzo de 2018