Esíxenlle á Xunta protocolos covid adaptados a cada centro para evitar gromos como o do CAPD de Chapela
O comité de empresa da Consellaría de Política Social na provincia de Pontevedra vén de reclamarlle á Xunta que revise e mellore os protocolos covid para adaptalos a cada centro co obxectivo de evitar gromos como o que está afectar ao CAPD de Chapela, en Redondela, no que até o de agora se confirmaron xa 62 positivos entre persoas usuarias (48) e traballadoras (14).
Dende a representación dos traballadores/as amósanse convencidos/as de que o centro seguiu en todo momento os protocolos establecidos polas consellarías de Sanidade e Política Social, polo que entenden que a Xunta ten que proceder á súa revisión. “Non pode ser que se fagan protocolos xeralistas, sen ter en conta o tipo de centros ou o de persoas usuarias, porque estas situacións tan lamentábeis poden ter reflexo noutros centros residenciais”, advirten.
En consecuencia, demandan protocolos adaptados ao tipo de centro e non un mesmo protocolo para todos, “porque o tipo de persoa usuaria pode condicionar que un positivo se estenda rapidamente, como aconteceu no caso do CAPD, ou ser máis facilmente localizado e illado noutro tipo de centros e con outro tipo de usuarios/as”.
Falta de información
Ao mesmo tempo, lembran que o andazo de covid no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) foi detectado a pasada fin de semana, mais a representación do cadro de persoal non tivo coñecemento do número de afectados/as a través da Xefatura Territorial nin do presidente do Comité de Seguridade e Saúde Laboral, senón tras reclamarlle os datos ao propio centro. Por iso solicitan información directa da Xefatura ou dos propios centros “para non ter que enterarnos polos/as compañeiros/as ou por rumores”.
Precisamente con este obxectivo, a delegada de prevención no Comité de Seguridade e Saúde Laboral na Consellería de Política Social Rebeca Quintillán, da CIG, remitiulle un escrito ao departamento autonómico no que se denuncia a falta de información e se reclama tanto transparencia á hora de comunicar os datos como a revisión dos protocolos “xa que os tipos de persoas usuarias esixen que se adapten ás circunstancias de cada centro”.