Esixen que se depuren responsabilidades políticas tras o informe do Consello de Contas sobre a construción do novo hospital de Vigo
A plataforma SOS Sanidade Pública da área sanitaria de Vigo reclamou hoxe que se depuren responsabilidades políticas tras o informe do Consello de Contas sobre a fiscalización do contrato de concesión do novo hospital da cidade, “xa que a redución da superficie prevista e o sobrecuste da obra en máis de 470 millóns de euros non poden quedar impunes”.
Responsábeis da plataforma que integra e numerosos colectivos sociais, profesionais, políticos e sindicais, entre eles a CIG, compareceron en rolda de prensa esta mañá para facer pública a súa posición a respecto das esixencias de responsabilidade, as consecuencias para a cidadanía que provocou o procedemento de licitación escollido pola Xunta e as medidas a adoptar para revertelas.
Segundo sinalaron, o informe confirma as denuncias que a plataforma leva facendo dende que se confirmou o modelo de licitación e cuestiona a legalidade de determinados aspectos, polo que esixen “responsabilidades políticas” por ter utilizado este procedemento de licitación e o cese inmediato das persoas responsábeis que continúen ocupando cargos de designación política na Administración ou nos seus organismos, axencias ou empresas públicas.
Xa que entenden que “obrigar a que o conxunto da cidadanía pague 470.469.422 euros de máis á sociedade concesionaria; que teñamos un hospital máis pequeno que non responde ás necesidades da nosa área sanitaria; e manter, e incluso aumentar, o negocio da sanidade privada, non pode quedar impune”.
Reversión da concesión ao público
Neste senso, denunciaron que coa construción do Hospital Álvaro Cunqueiro non se lograron acadar completamente os obxectivos fixados polo plan funcional inicial, nin a construción das estruturas necesarias de atención hospitalaria para poder atender ao 100% da cidadanía (de 2000 camas hospitalarias a un máximo de 1366), nin o reforzamento da Atención Primaria, nin a diminución do peso da sanidade privada.
As consecuencias desta política son ben coñecidas: listas de agarda para consultas, probas complementarias, exploracións e intervencións cirúrxicas; servizos hospitalarios sen o cadro de persoal e espazos suficientes; carteira de servizos incompleta para manter o negocio da sanidade privada; saturación no servizo de urxencias en relación a un deseño insuficiente e a unha atención primaria debilitada (con listas de agarda que superan en moitos casos os 10 ou 15 días, e sen profesionais da medicina de familia ou pediatría suficientes);
E tamén profesionais de enfermaría insuficientes para dar resposta á cronicidade e á dependencia, con atraso no seguimento de patoloxías crónicas e dificultade para garantir atención de calidade a persoas dependentes; dificultade para acceder as consultas de atención primaria por ter persoal nas áreas administrativas insuficiente; poboación sendo atendida en Povisa, cun concerto económico sen transparencia, e sen alternativa pública neste momento para poder reverter esta situación.
“E mentres todo isto pasa, os cartos públicos seguen a encher as carteiras dos accionistas dos fondos de investimento que son propietarios do hospital Álvaro Cunqueiro”. Por iso esixen, como primeira medida, a reversión da concesión do Novo Hospital e rescatala para o ámbito do público.
Outras reclamacións da plataforma
-Ampliación do hospital Álvaro Cunqueiro co que non se construíu no proxecto funcional do novo hospital de Vigo, de 1265 camas, para dar cabida a poboación de referencia de Povisa, coa construción dun edificio anexo ás velas, na que se restitúa o que se suprimiu, tales como Coidados Mínimos con 148 Camas e 8581 m2 (que se pode ampliar a mais camas), Unidade de Docencia e Investigación con 4744m2, Rehabilitación con 2456 m2. Así como poñer a pleno rendemento as 422 camas dos hospitais Meixoeiro e do Nicolás Peña.
-Recuperación da atención primaria, con aumento da inversión, polo que é necesario analizar a situación de recursos, tanto humanos como estruturais, dos centros de saúde e dos Puntos de Atención Continuada (PAC).
-Reordenación asistencial da área sanitaria, reivindicando un Centro de Alta Resolución (CAR), no centro de Vigo, coas especialidades más demandadas pola poboación, dado que a implantación do Álvaro Cunqueiro no extra radio da cidade provocou un distanciamento dos recursos especializados da zona con maior poboación residente do municipio. Este CAR podería estar situado no antigo Centro de Especialidades da Dobrada, recuperando o seu uso asistencial.
-Creación dun servizo de cirurxía Maxilofacial e unidade de Queimados no ámbito público, actualmente en mans de Povisa.
-Recuperación das 300.000 persoas usuarias de Pontevedra que tiñan a súa referencia para C. Torácica, C. Pediátrica, Hemodinámica, C. Cardíaca e Fecundación in Vitro no Álvaro Cunqueiro e que levaron para a área sanitaria de Santiago.
-Integración de toda a actividade asistencial de Galaria no Sergas, que xa estaba prevista en 2009, e que o PP mantén como unha empresa pública.
-Construción dun novo Centro de Alta Resolución (CAR) no Morrazo, onde se localice o centro de especialidades máis demandadas, e tamén un PAC de Atención Primaria. Xa existía un informe favorábel do Sergas.
-Ampliación do centro de saúde de Cangas, para o que é preciso retirar o PAC e reubicalo no novo CAR que se constrúa.
-Construción dun novo centro de saúde no Hío que dea cobertura a esta parroquia e a Aldán, tal como estaba previsto en 2008.