Esixen o rescate da concesión do transporte sanitario programado de Pontevedra-O Salnés por graves incumprimentos
A representación dos traballadores/as de Ambulancias Civera, concesionaria do servizo de transporte sanitario programado e de traslados intrahospitalarios das áreas de Pontevedra-O Salnés, compareceu hoxe en rolda de prensa xunto a Xavier Aboi, da FGAMT-CIG de Pontevedra para esixirlle ao Sergas que rescate a concesión ante os graves e constantes incumprimentos por parte da empresa. En concreto, a falta de material básico ou o deterioro do existente e o uso de vehículos que non pasaron a inspección sanitaria ou a ITV.
Catro dos cinco delegados do comité (todos da CIG) denunciaron tamén o deterioro das condicións laborais que sofren desde que hai ano e medio a Xerencia da Área Sanitaria sacou un concurso público deficitario contratando a esta empresa dirixida desde Valencia. O concurso público foi sacado a licitación por 19 millóns de euros a tres anos e dous máis de prórroga, con sete ambulancias menos respecto do anterior concurso. “É o único deficitario”, apuntan.
“A sabendas disto a Xerencia licitou e contratou á actual concesionaria, influíndo notabelmente na asistencia a doentes, con esperas interminábeis nos seus tratamentos”.
Afirman que Ambulancias Civera é unha empresa “totalmente desorganizada e sen coordinación, con falta de ideas, de criterio e de toma de decisións”. Unha empresa, din, “que desde Valencia só viu especular, sen importarlle a calidade da atención as/aos doentes nin a profesionalidade do noso sector”.
Diante desta situación, o pasado mes de marzo anunciaron unha convocatoria de folga, que non se chegou a efectivizar tras chegar a un principio de acordo coa empresa que foi recollido en acta, asinado por ambas as partes, na que se recollían todas as deficiencias na base: uniformidade, taquillas, duchas, prevención de riscos, antigüidade nos contratos e contratación.
Mais a comezos de setembro tiveron que mobilizarse na porta de acceso a Consultas do Hospital Provincial de Pontevedra para denunciar que despois dun prazo de 6 meses seguían tendo só unha ducha para 80 traballadores/as; os uniformes non son os homologados; o dormitorio é mixto para compañeiras e compañeiros; non hai onde para lavar a louza, o que obriga a facelo nos baños; nin hai taquillas para ter un uniforme limpo, polo que en caso de mancharse un técnico/a ten que ir á súa casa para cambiarse, percorrendo en moitos casos até 40 quilómetros.
Problemas que seguen sen resolver
Pois ben, a día de hoxe a roupa de traballo segue almacenada na base dende hai un mes. “Pero como souberon que había unha denuncia na Inspección de Traballo comezaron a repartila onte, pero xa tiveron que ir a traballar dous días con roupa de rúa”, sinala Xavier Aboi. Outro incumprimento ten que ver coas cadeiras eléctricas para mover pacientes con mobilidade reducida, que tiñan que ter cinco dende abril, pero até hai 15 día tiñan unha soa, e a día de hoxe tres”. As obras na base continúan sen rematar, faltan 30 taquillas, as duchas (vai haber unicamente dúas para 90 persoas), etc.
Pero o máis grave de todo é que hai unha semana a Xerencia mándalle unha circular solicitándolle que puxese unha ambulancia A1 (para traslados) porque se ía cambiar o TAC do hospital do Salnés; e un vehículo C (UVI móbil) para os casos urxentes; as dúas en horario de 8:00 a 22:00 de luns a domingo. Pois de momento só puxeron unha A2, que é para traslados de pacientes e de consultas, e a C que habilitaron non pasou sequera a inspección sanitaria dende abril. No propio informe constátase que falta material, dos dous extintores obrigatorios só tiña un, e caducado, ao igual que os soros.
“Pero este vehículo segue a traballar en Vilagarcía, trasladando pacientes con urxencias vitais”. Diante disto, un dos condutores trasladoullo á xefa de Urxencias do hospital do Salnés, “que lle contestou que esas deficiencias no eran vitais”. O martes a Policía Local de Vilagarcía inspeccionou este vehículo e levantou acta por infracción moi grave.
“Alguén ten que asumir responsabilidades, porque non se pode permitir que vehículos de urxencias vitais se atopen nestas condicións; se pasa algo vai ser responsabilidade da xefa de Urxencias e da Xerencia, polo que lle esiximos ao Sergas que actúe de xeito inmediato, xa que hai unha denuncia na Inspección de Traballo e un acta da Policía Local de Vilagarcía”. A situación é tan grave que onte mesmo un vehículo da empresa que foi pasar a ITV quedou inhabilitado para circular na vía pública polas numerosas deficiencias que presentaba, “pero hoxe está a traballar”.
Tamén levan tempo denunciando que normalmente teñen operativas menos ambulancias das que marca o concurso. Pois no que vai de mes de novembro faltaron en total 24 ambulancias, cada unha delas oito horas, por diversos motivos: atoparse avariados, non contar con persoal suficiente porque non cubren baixas nin vacacións ou atoparse facendo servizos privados.