Esixen de Medio Rural e Medio Ambiente accións inmediatas que eviten a degradación dos espazos afectados polo lume
Distintos colectivos e organizacións, entre elas a CIG, presentaron hoxe un escrito dirixido ás Consellerías do Medio Rural e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda demandando a aplicación de medidas inmediatas para evitar a degradación dos espazos afectados polos lumes forestais, tal e como recolle a propia lexislación. Tamén reclaman a dotación do orzamento necesario para levar a cabo as accións que eviten a erosión, a contaminación dos ecosistemas fluviais e a restauración hidrolóxico-forestal.
Segundo denuncian dende estas entidades, as nefastas políticas forestais e para o medio rural das últimas décadas asolan o país cuns lumes que, reiteradamente, se ceban tamén cos espazos protexidos. “Mais isto non é casualidade, senón froito da falta de planificación e coidado dos mesmos”.
Hai innumerábeis documentos e informes internacionais que apoian estas medidas, pero a Xunta segue na imopia ano tras ano sen aplicalas
Inciden en que o impacto dos incendios é insoportábel e as perdas son incalculábeis, pero a destrución non queda só no material, xa que o desastre ambiental é de gran magnitude e de moi difícil recuperación. A perda de biodiversidade, os danos a fauna e flora e, especialmente, a afectación do solo, precisan plans de recuperación específicos a longo prazo, pero estes deben comezar nas horas inmediatas á extinción do lume mediante as tarefas de protección, restauración e rexeneración.
Neste senso, lembran que hai innumerábeis documentos e informes internacionais que apoian esta tese e suficiente lexislación que ampara e obriga de realizar estes labores, “mais a Xunta de Galiza continúa na inopia ano tras ano, sen establecer unha planificación clara ao respecto e sen executar os traballos que corresponden; quedando estas tarefas en mans do voluntariado, que fai un esforzo inmenso, mais insuficiente, por atallar o problema”.
É por iso que decidiron presentar un escrito de demandas ante Medio Rural e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para que aproben medidas inmediatas, tal e como recolle a lexislación na materia, dotando do orzamento necesario para realizar os traballos imprescindíbeis que eviten a erosión, a contaminación dos ecosistemas fluviais e a restauración hidrolóxico-forestal dos montes afectados, de xeito inmediato.
Finalmente, lembran que, por todos os motivos expresados en diferentes comunicados e escritos dirixidos á Administración e ao Goberno galego tras a vaga de lumes de 2020, hai aberta unha campaña para esixir a dimisión do director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, en http://chng.it/qfcCHPDX.
Entidades asinantes:
-
Amigas das Árbores
-
Amigos da Terra
-
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
-
Asociación Galega de Apicultura (AGA)
-
Asociación Frouma
-
Asociación Montes da Galiza (MONTEGAL)
-
Confederación Intersindical Galega (CIG)
-
Federación Rural Galega (FRUGA)
-
Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM)
-
Sindicato Labrego Galego (SLG)