Esixen ceses no Concello de Vigo pola “nefasta xestión” dos Bombeiros e da Policía
Representantes da CIG, CUT e CCOO no Concello de Vigo compareceron hoxe en rolda de prensa para esixir o cese da edil responsábel e dos funcionarios/as adscritos/as de xeito provisorio ao Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) -Bombeiros- e á Policía local pola “nefasta xestión” destes dous departamentos. Dende as centrais denuncian incumprimentos da legalidade no SPEIS -mesmo negándose a acatar sentenzas xudiciais- e políticas internas de “premio e castigo” no corpo policial.
En concreto, critican o “absoluto desprezo” que a Concellaría de Seguridade, que dirixe Elena Espinosa, amosa non só ao cumprimento da legalidade aplicable en distintas materias, senón incluso a respecto de distintos pronunciamentos xudiciais que están sendo emitidos polos tribunais, como é o caso o caso dos bombeiros, aos que a xustiza está a darlles a razón sistematicamente en todas as súas reivindicacións.
Neste senso, lembran as catro sentenzas no contencioso administrativo que confirmaron a “absoluta vulneración” da lei na que incorreu o decreto municipal que en 2019 acordou a “ilegal suspensión” dos descansos regulamentarios dos funcionarios do SPEIS. Sen embargo, e a pesar deses pronunciamentos xudiciais anulatorios, a actual concelleira segue a aplicar esa “resolución ilegal”.
Outra sentenza da mesma orde xurisdicional, ditada en primeira instancia, declarou igualmente a nulidade de pleno dereito outro “ilegal e represor” decreto que deixou sen efecto o exercicio lexítimo do dereito á folga convocada por dous sindicatos hai un ano. “Decreto que, a sabendas da súa ilegalidade, segue manténdose tamén no tempo impedindo aos funcionarios/as deste servizo o exercicio dun dereito constitucional”.
Ao mesmo tempo, outras dúas sentenzas da orde contencioso administrativa, ditadas en primeira e segunda instancia, confirman tamén que o Concello está a abonar os reforzos de xornada dos bombeiros por debaixo do prezo da hora de traballo regulamentariamente establecida, o que significa que o Concello adebédalles, ao igual que a outros moitos/as funcionarios/as, importantes sumas de diñeiro que deben ser pagadas, cos intereses de demora, cunha retroactividade de catro anos. “Porén, a edil aínda non deu plena e efectiva solución fronte a esta ilegal actuación do Concello”.
Problemática organizativa
Outra das cuestións sobre as que inciden ten que ver co que consideran unha total falta de compromiso á hora de ofrecer unha solución legal e efectiva á problemática organizativa que se deriva da falta de medios humanos no SPEIS, “e que require non só da debida implementación do cadro de persoal, senón da cobertura urxente das prazas vacantes”.
Tamén critican o deseño dunhas bases de selección para as prazas do SPEIS, na actual oferta de emprego que se está a tramitar, de moi dubidosa legalidade. Entre outras cousas porque se cambiou, sen a debida xustificación, o sistema de selección que se empregou ao longo de décadas, que pasou dunha oposición libre (o mecanismo que marca a lei como preferente) ao de concurso-oposición.
Ademais, denuncian o trato preferente que se deseñou nas bases de selección en favor de distintos colectivos funcionariais para acceder ás prazas de bombeiros. Por exemplo, respecto dos funcionarios da UME, aos que se lles priman os servizos prestados nas forzas armadas situándoos nunha posición de privilexio de méritos fronte a outros candidatos/as para acceder ao corpo de bombeiros de Vigo.
Ou, tamén, respecto á promoción interna para as prazas de bombeiro, xa que as bases foron configuradas de xeito que o acceso semella ir orientado a un reducido número de funcionarios/as municipais, “o que podería suxerir, de acreditarse unha espuria finalidade nesa actuación da Administración, un posible caso de nepotismo interno”.
Accións xudiciais
Por iso anuncian a adopción das oportunas accións xudiciais, advertindo unha vez máis aos futuros opositores das consecuencias que poden derivarse de alcanzarse un novo pronunciamento xudicial favorábel ás pretensións sindicais “para que sexan plenamente conscientes dos riscos que asumen ao presentarse aos procesos selectivos desta oferta de emprego”.
En canto á xestión da Policía local, denuncian as políticas internas “de premio e castigo” que ilegalmente están sendo impostas pola Xefatura do corpo aos seus subordinados/as, tal e como confirman as recentes sentenzas xudiciais. Consideran inadmisíbel que os funcionarios/as sexan postos ou depostos discrecional ou arbitrariamente dos seus postos de traballo como consecuencia de políticas internas “baseadas en criterios paralegais” que nada teñen que ver cos principios de mérito, capacidade e igualdade, nin por suposto cos procedementos regulamentarios de provisión de postos de traballo.
Finalmente, censuran a mesma falta de compromiso e empatía que acontece no SPEIS á hora de atender as distintas reivindicacións laborais realizadas polos representantes dos traballadores/as a respecto das condicións de traballo dos funcionarios/as do corpo policial.