Esixen ao SERGAS que deixe de contratar en fraude de lei
O Servizo Galego de Saúde debe abandonar o sistema de contratacións “en fraude de lei” e estabilizar o cadro de persoal. Así o demandaron as centrais sindicais que hoxe se concentraban nos hospitais galegos en prol do emprego estábel e de calidade na sanidade pública. Mobilizacións nas que anunciaron unha nova concentración diante do SERGAS para o día 28 de outubro e a solicitude dunha reunión co conselleiro de Sanidade para a vindeira semana.
María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, que participou na concentración convocada á entrada do Hospital Clínico de Santiago, explicou que para o vindeiro 25 de outubro está anunciada a convocatoria dunha xuntanza do Consello Interterritorial de Sanidade onde se analizará a eventualidade que hai no sistema sanitario público.
Por iso, “exixiu do SERGAS que informe do que alí se acorde e do posicionamento que leve a consellaría de Sanidade, así como dos datos de cadro de persoal pendente de estabilizar”. Unha información que considerou que debería ser posta en coñecemento da Mesa Sectorial xa antes desa xuntanza.
Oferta pública de emprego que estabilice as vacantes “cubertas de xeito irregular”
Precisamente esa eventualidade que será analizada no Consello Interterritorial de Sanidade e a denuncia da cobertura irregular das vacantes á que adoita recorrer o SERGAS eran as razóns polas que se convocaban as concentracións nos centros hospitalarios galegos.
Concentracións convocadas pola CIG-Saúde, CSIF, SATSE e UGT para esixir unha nova convocatoria dese organismo na que se poña fin ás “nefastas” prácticas de contratación. Segundo denuncian, o organismo autonómico “ten interese en manter a precariedade laboral e afondar na vulneración de dereitos do persoal”, e para isto válese de mecanismos irregulares para a cobertura das vacantes con eventuais.
Para rematar con iso, reivindican que estas prazas “emerxan” e se “oferten por rigorosa orde de puntuación nas listas de contratación” para, con posterioridade, seren ofertadas nun concurso de traslados e nunha Oferta Pública de Emprego (OPE), seguindo os principios de “igualdade, mérito e capacidade”.
Finalmente, remarcan que as/os traballadoras/es “acceden a listaxes de contratación polo seu esforzo e méritos”, tendo que superar “máis dun proceso de OPE, anos de experiencia laboral con contratos precarios, e formación continuada”, o que “engade valor ao traballo que desenvolven”. Ese sistema regrado, indican, “non se pode subtituír por un sistema de contratacións en fraude de lei, nin estas prazas se poden cubrir a base de sentenzas xudiciais”.